Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Menús saudables: Restaurantes con ingredientes saudables

Os compromisos adquiridos entre a Administración e mais os restaurantes para garantir pratos saudables promoven, entre outras medidas, o uso de aceites de maior calidade e incluír información nutricional nos menús, entre outros

  O núcleo dunha alimentación saudable pasa polo que se come no propio fogar. Pero non acaba aí. Aínda que a crise económica reduciu o número de menús que se serven en acotío en bares e restaurantes, a tendencia crecente de xantar ou cear fóra da casa torna as empresas de hostalería e restauración en ferramentas cruciais para a promoción dun patrón alimentario saudable. Por iso, distintos proxectos locais, nacionais e internacionais apostan por ofrecer menús equilibrados e máis saudables.

O estado de California prohibe o uso de graxas trans -as máis daniñas para o corazón e para as arterias- na elaboración e fritura das comidas servidas nos restaurantes. Así de contundente é a lei que deberán cumprir, a partir do 1 de xaneiro do vindeiro ano 2010, todos os restaurantes californianos. Un ano máis tarde, a prohibición estenderase a outros establecementos de comida preparada, incluídas cafeterías, panaderías, ou os comercios especializados na preparación de produtos enfornados.

  A iniciativa de prohibir as graxas trans nos restaurantes de California veu precedida doutras co mesmo denominador común. En xullo do 2007, Nova York converteuse na primeira cidade estadounidense en frear o uso das graxas trans nos restaurantes, iniciativa secundada por localidades como Filadelfia e Seattle e polo Condado de Montgomery, co referendo de numerosos científicos, organizacións de saúde e grupos de consumidores.

Estas son diversas accións que se están a aplicar a prol dunha alimentación máis saudable nos restaurantes, dada a transcendencia dos seus menús na saúde dos consumidores. No caso de España, as medidas son, polo de agora, outras: dende empregar aceites de maior calidade na preparación e fritura dos alimentos e unha maior dispoñibilidade de froitas e hortalizas frescas na oferta cotiá, ata incluír información nutricional nos menús dos restaurantes ou especificar polo miúdo os ingredientes dos pratos, medida que lles facilitaría a vida ás persoas con alerxias ou intolerancias alimentarias. Estes son algúns dos compromisos adquiridos entre a Administración e as empresas do sector da restauración moderna, incluídos os restaurantes.

A extensión do hábito de comer fóra converte as empresas de hostalería e restauración en eixes da promoción dun patrón alimentario saudable. Unha oferta alimentaria variada e equilibrada dende o punto de vista nutricional é o camiño axeitado para mellorar a calidade dietética dos menús, nos que, tal e como revelou CONSUMER EROSKI, logo de avaliar os menús de 318 restaurantes, a falta de verduras, legumes, peixes e froita fresca se constatou como a deficiencia nutricional máis relevantes nos menús do día.

Sen graxas trans

O fin das graxas trans, que inclúen algunhas margarinas, certos aceites para fritir utilizados decote nos restaurantes e unha morea de produtos elaborados, é inevitable. A evidencia demostrou o seu efecto nocivo sobre a saúde do corazón e das arterias, ao aumentaren o colesterol malo LDL e reduciren o colesterol bo HDL.

Así e todo, en España aínda non se estableceu unha normativa específica ao respecto. A iniciativa máis recente é a aprobación anunciada polo Consello de Ministros o pasado maio do 2008 sobre a elaboración da "Lei de seguridade alimentaria e nutrición", dentro da Estratexia de Seguridade Alimentaria 2008-2012, que contempla entre os seus obxectivos reducir a concentración de graxas trans nos alimentos.

  O que si se materializou é o convenio de colaboración que no 2005 o Ministerio de Sanidade e Consumo, a través da Estratexia NAOS, subscribiu coas principais cadeas de restauración, representadas a través da Federación Española de Hostalería e Restauración (FEHR) e da Asociación de Cadeas de Restauración Moderna (FEHRCAREM). As empresas de restauración comprometéronse a iren diminuíndo aos poucos a achega de graxas saturadas á comida preparada, a substituíren as graxas animais por vexetais de calidade, e a diminuíren progresivamente -ata finais do 2006- os niveis de ácidos graxos trans dos aceites vexetais empregados para a fritura.

Aínda que polo de agora non hai datos oficiais sobre o alcance deste compromiso, si se constata o cambio voluntario de empresas de restauración e cadeas de restaurantes nos seus aceites de fritura. Neste sentido, o aceite alto oleico (de xirasol, o máis frecuente) perfílase como candidato á substitución doutros aceites de peor calidade nutricional. Pola súa composición, é moi estable en frituras prolongadas e resulta máis viable dende o punto de vista económico para os restaurantes ca o aceite de oliva.

Menús "dietéticos"

  "Os restaurantes deberanlle ofrecer ao público en cada mesa do establecemento, de maneira conxunta ou separada da carta principal, unha carta que conteña unha listaxe de diferentes comidas elaboradas con alimentos sen sal e azucre agregados, de baixo contido graxo...". Así versa o artigo 3 do Proxecto de Lei n.° 1.906 proposto pola Lexislatura da Cidade de Bos Aires en decembro do 2005. A intención non era outra que que os restaurantes da cidade porteña lles ofrecesen a opción dun menú dietético aos seus clientes, co obxectivo de previr enfermidades cardiovasculares, obesidade e diabete. Pero as numerosas deficiencias na súa definición fixeron que o proxecto de Lei fose vetado.

En España, Cataluña foi a comunidade pioneira na esixencia dun modelo de alimentación saudable no ámbito da restauración colectiva mediante o proxecto Amed, acrónimo que identifica os establecementos promotores da Alimentación mediterránea. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro da estratexia PAAS (Promoción da saúde mediante a alimentación e a actividade física saudables) e impulsada polo Departamento de Saúde da Generalitat de Cataluña.

De acordo cos criterios de promover unha alimentación sa, dende os restaurantes xurdiu recentemente en Navarra a iniciativa "Menús Saudables", realizada pola Universidade de Navarra e pola Asociación "Restaurantes del Reyno de Navarra". Dende finais de setembro do 2008 pódense solicitar estes menús, dos que se coñece o seu valor nutricional en todos os restaurantes que forman parte da asociación.

Na mesma liña, dende o Ministerio de Sanidade e Consumo, a través da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e coa colaboración de empresas de restauración, púxose en marcha o pasado ano o programa de Alimentación e Equilibrio "Gustino". Os restaurantes adheridos, e distinguidos cun distintivo, comprométense a lles ofreceren menús equilibrados, máis sans e menos caloríficos aos seus clientes, os traballadores de empresas que utilizan o sistema de Tícket Restaurant. Mesmo hai cadeas de restaurantes de comida rápida creadas para ofrecer este tipo de comida, elaborada con alimentos frescos e pratos saudables propios da dieta mediterránea.

Iniciativas nacionais saudables
Restaurantes AMED
Cataluña
Ofrecen menús con aceite de oliva, unha oferta de froitas e hortalizas, algún produto integral (pan ou pasta), lácteos baixos en graxa e a posibilidade de dosificar por copas o viño ou a cervexa.
"Menús saludables"
Navarra
Os menús seleccionados acompáñanse da súa correspondente análise nutricional e dun breve comentario dietético ou suxestión.
Alternativas en restaurantes de comida rápida Establecementos de comida rápida con alimentos saudables e de calidade. A oferta inclúe sopas, hamburguesas, sándwiches, paninis, polo con gornición, sobremesas con froita, bebidas saudables tipo zumes e refrescos xeados.
Programa Gustino, restaurantes con modalidade Tícket Restaurant Oferta nos menús polo menos un prato de verdura, ensalada ou legume, outro de peixe, e unha de cada tres opcións de sobremesa é froita fresca, zumes ou froitos secos.

Ingredientes e nutrientes, limitados e identificados

  •   As calorías. En España, un punto do convenio de colaboración entre a Administración e as empresas de restauración refírese á Información nutricional. Ínstase aos restaurantes a que ofrezan información sobre a achega calorífica e nutritiva dos produtos ofertados. Estes datos poden axudar o consumidor a seleccionar os establecementos máis saudables. Dende o punto de vista internacional, Nova York é de novo a referencia a seguir en prácticas saudables: obriga, con carácter lexislativo mediante normativa, a que as cadeas de restaurantes con máis de 15 establecementos ou puntos de venda publiquen as calorías dos seus produtos. A medida, aplicada o 31 de marzo do 2008, pretende sensibilizar o consumidor nun asunto tan serio como a alimentación, e nun país onde a comida rápida é a comida do día. O consumidor pode saber, se o desexa, que o Dunkin' Donuts chocolate chip muffin que está a piques de comer contén 630 calorías (1/3 das calorías cotiás) ou que a hamburguesa Orixinal Six Dollar Burger achega 1.010 calorías (a metade das calorías que precisa, de media, a diario).
  • O glute. Dentro do Plan de Apoio ás Persoas con Intolerancia ao Glute posto en marcha pola Administración española en marzo do 2008, inclúese un apartado de colaboración cos negocios de hostalería para que advirtan da presenza de glute nos produtos que se ofrecen en bares e restaurantes. No plano autonómico, a Asociación Celíaca de Euskadi, co compromiso dunha trintena de restaurantes de distintas categorías para elaborar menús aptos para celíacos, publicou no 2007 a primeira guía de locais sen glute nesa comunidade.
  • Aditivos engadidos. A polémica suscitada polo coñecido cociñeiro Santi Santamaría respecto aos ingredientes artificiais engadidos aos pratos servidos en restaurantes serviu para que a Administración escoite a súa proposta: desenvolver unha normativa que obrigue a que nos restaurantes se identifiquen os ingredientes dos pratos e, en particular, a presenza de aditivos.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto