Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
As ensinanzas artísticas tamén contan con titulacións oficiais, como outras disciplinas universitarias
Artista, pero con titulación superior, igual ca calquera outro estudante universitario. Este podería ser o lema dos 310.317 alumnos que o ano pasado cursaron estudos de música, danza ou arte dramática deixando atrás os prexuízos que aínda rodean as persoas que fan destas artes o seu modus vivendi. Dende que a entrada en vigor da Lei orgánica xeral do sistema educativo (LOXSE), en 1990, equiparou os títulos de ensinanzas artísticas, incluídas as Artes Plásticas e o Deseño, aos da universidade, o camiño percorrido foi moi longo ata chegar á aínda recente creación do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas.
A principal diferenza con outros estudos, que teñen como finalidade a consecución dunha titulación superior, é que, sobre todo no caso da danza e a música, os estudos inícianse a idades moi temperás, en xeral a partir dos oito anos. No caso da arte dramática, as escolas superiores son dun estatus semellante ao das facultades e o seu ingreso é similar. Estas ensinanzas tamén se distinguen en que non teñen carácter obrigatorio, e poden realizarse, de acordo ás expectativas e intereses de cada alumno en conservatorios, centros autorizados ou escolas especializadas.
O ano 2010, no que vai tomar corpo o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e que será unha realidade en máis de 45 países, entre os que se atopa España, concíbese como todo un reto para as ensinanzas artísticas superiores que se imparten en España. A principal novidade é que serán recoñecidas en toda Europa e deberán medirse coas doutros países europeos. Con este propósito, o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte aprobará nun único Real Decreto a nova ordenación dos títulos superiores de Grao en Música, Danza, Arte Dramática, Deseño, e Conservación e Restauración de Bens Mobles, de acordo co proceso de converxencia de Bolonia. Esta nova regulación facilitará tamén a mobilidade e o intercambio de graduados entre institucións universitarias mediante o desenvolvemento do denominado Suplemento Europeo ao Título (SET). Son ensinanzas que incluirán o deseño de máster equiparables a todos os efectos aos máster universitarios, así como o fomento de convenios coas universidades para a organización dos estudos de doutoramento e programas de investigación.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI