Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

7 billas termostáticas para ducha e baño: Só unha proporciona o caudal de ducha e baño que esixe a norma

Non se atoparon fugas de auga e as sete billas aturaron ben os cambios de presión e de temperatura. A máis barata funciona igual ca a máis cara e custa menos da metade

  A temperatura da auga é clave para gozar dunha ducha ou dun baño confortables. Coas billas clásicas, a calor desexada obtense abrindo e pechando as billas da auga quente e da auga fría para regular a válvula interna que mestura os dous caudais. Coas billas termostáticas o mesmo proceso esixe un só xesto, xa que a temperatura se elixe mediante un preselector con escala de graos. Este sistema permítenos aforrar tempo e gañar en comodidade. Con independencia de que alguén abra outra das billas da casa, a temperatura permanece estable e o mesmo acontece se pechamos o caudal para enxaboarnos e o volvemos abrir ao rematar, unha práctica moi recomendable dende o punto de vista ambiental, xa que nos permite aforrar un recurso tan prezado como a auga.

Analizáronse no laboratorio sete billas termostáticas para ducha e baño con prezos que van dende os 95,45 euros de Argo aos 244,99 euros de Grohe. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Argo, a referencia máis barata, a que proporciona maior caudal de auga e unha das que mellor mantén a temperatura cando se abre outra billa.

Funcionan sen fugas

Antes de someter as billas ás probas de laboratorio, comprobouse cunha inspección visual da superficie a ausencia de defectos de revestimento. A continuación, e para constatar que as billas están preparadas para soportar a corrosión da auga, realizouse unha proba de avellentamento acelerado durante 200 horas nunha cámara de néboa salina. Tras a proba, observouse a aparición illada de ampolas no revestimento da billa Rousseau. Nas seis billas restantes non se atoparon. Tampouco se detectaron manchas, escamacións nin rugosidades.

Todas as mostras superaron ademais as probas de estanquidade e demostraron que funcionaban sen fugas de auga nas condicións previsibles de uso. O ensaio consistiu en aplicarlle presión ao cano pechando o obturador primeiro e o orificio de saída da billa despois, en todas as gamas de manobra do dispositivo regulador de temperatura. Realizouse tamén unha proba de estanquidade co inversor, o mecanismo interno que regula as posicións de baño e de ducha. Os resultados foron correctos nos sete casos, xa que a saída ducha permaneceu estanca ao aplicar presión co inversor en posición baño e viceversa. Ademais, tal e como esixe a norma, cando se pechaba a billa en posición ducha o inversor volvía de xeito instantáneo á posición baño. Os resultados tamén foron correctos na proba de resistencia á torsión. Aplicouse un par de torsión (unha forza xiratoria) de 6 e 3 newton/metro, respectivamente, na chave do caudal e na chave de temperatura durante cinco minutos e non se observaron alteracións, de modo que as sete mostras soportan os esforzos de apertura e peche tal e como pide a norma.

Menos caudal do que establece a norma

A normativa regula o caudal das billas e establece que, para o baño, o caudal debe ser superior a 20 litros por minuto coa billa aberta ao máximo ás temperaturas de 34, 38 e 42 ºC e cunha presión de auga de tres bares (0,3 MPa). Catro das sete billas analizadas (Tebisa, Grohe, Tres e Rousseau, que foi o peor neste apartado (11,8 l/m) quedaron moi por baixo do esixido pola norma. A mellor referencia e, xa que logo, a billa que permite encher antes a bañeira foi Argo (20,6 l/m). En posición ducha o incumprimento da norma está aínda máis espallado. Para garantir unha agradable sensación de confort, a norma establece que o caudal de ducha debe ser igual ou superior a 12 m/l. Nin Rosseau nin Tres alcanzaron este caudal en ningunha das condicións estudadas.

Un dos maiores problemas para o que deben estar preparadas as billas é que suba bruscamente a temperatura por un corte na subministración de auga fría. Para comprobar a súa resposta, cortouse o paso da auga fría e mediuse o volume e a temperatura da auga que saía durante os seguintes segundos. Os resultados foron correctos en todos os casos: tal e como indica a norma, durante os primeiros cinco segundos non se recolleron máis de 200 mililitros e durante os seguintes trinta segundos, non máis de 300 mililitros. Cando se abriu de novo a auga fría e se mediu a temperatura, a diferenza non superou os 2 ºC. Polo tanto, as sete billas termostáticas analizadas son capaces de garantir que o usuario non se queimará en caso de que se corte a auga fría. O mellor foi Grohe, seguido de Rousseau, e as billas con resultados máis pobres nesta proba foron Argo e Tres.

A temperatura da auga tamén pode subir se se abre outra billa na casa e diminúe a presión de auga fría. As billas termostáticas deben dar regulado o caudal de xeito que a diferenza de temperatura, malia o cambio de presión, sexa mínima. Os técnicos de laboratorio realizaron unha segunda proba regulando a auga a 38 ºC e reducindo progresivamente a presión da auga fría (a 0,25 MPa) e volvéndoa estabilizar despois (ata 0,3 MPa). A referencia máis pobre foi a de Tebisa, aínda que todos os resultados foron correctos, xa que a desviación da temperatura en ningún caso superou os 2 ºC.

Os resultados tamén foron correctos en todas as billas cando se foi reducindo 10 ºC a temperatura da auga quente para comprobar como respondían ante un posible fallo da caldeira. Ningún se desviou máis de 2 ºC da temperatura que indicaba o regulador e as billas que mellor responderon foron Rocha e Rousseau. Argo foi a peor referencia neste campo.

Algunhas marcas ofrecen tres anos de garantía adicional

Detectáronse tres incumprimentos da norma de etiquetaxe: Argo, Forma e Rousseau non indicaban o domicilio de ningún responsable da comercialización do produto. Tres billas, das marcas Roca, Tres e Rousseau, ofrecían unha garantía adicional de tres anos, que se suma aos dous anos de garantía obrigatorios por lei. Non obstante, no caso de Rousseau pode que o consumidor se atope con dificultades para facer valer esta garantía, xa que esta billa non indica nin na embalaxe nin na documentación adxunta ningunha dirección nin número de teléfono ao que o cliente se poida dirixir para reclamala.

Consellos para se duchar de xeito ecolóxico

 
  • Substituír o baño pola ducha aforra entre catro e seis veces a cantidade de auga necesaria para encher unha bañeira.
  • Cinco minutos de ducha abondan para unha correcta hixiene, e á hora de enxaboarse, pechar a billa aforrará auga.
  • Xabóns, xampús, acondicionadores e xeles son nocivos para a natureza e convén utilizalos con sentido da medida.
  • Unha boa idea en casos nos que escasee a auga pode ser encher un recipiente coa auga que sae da billa así que se abre, cando aínda non ten a temperatura desexada e utilizala despois para regar as plantas ou para algunha tarefa de limpeza.
  • Canto máis alta sexa a temperatura, máis enerxía haberá que consumir: mantela entre 30 e 35 ºC debería ser abondo para unha ducha confortable.
  • Debemos evitar toda clase de fugas e que pingue a auga, mesmo só un chisco. Unha pinga por segundo convértese en 30 litros de auga ao día (máis de 10.000 litros ao ano).
  • Amais das billas monomando e das termostáticas, ofrécense outros elementos tecnolóxicos que axudan a aforrar na ducha: interruptores de caudal, perlizadores (filtros que mesturan aire e auga), esparexedores de baixo consumo, sensores de movemento ou sistemas de reutilización de augas grises (as que se perden polo desaugadoiro cando nos lavamos).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto