Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizados oito flans, catro de ovo e catro de vainilla: Flans envasados: as mesmas calorías ca un iogur pero con máis aditivos

Os de ovo son máis caros e teñen un chisco máis de proteína, graxa e azucre ca os de vainilla, e tamén menos aromas e colorantes. Na cata resultaron semellantes, pero o mellor foi un de ovo

  Os flans de ovo e vainilla, polo seu emprego do leite como ingrediente principal, pódense asociar a outras sobremesas lácteas como crema, mousse, callada, crema catalá ou arroz con leite. Coa elaboración industrial destes flans (que, malia a seren moi consumidos, carecen de normativa específica que os regule), que en certa medida imitan a receita caseira, ofréceselle ao consumidor unha fórmula cómoda e saborosa de sobremesa láctea, sempre doce. Porque tanto aos flans de ovo como aos de vainilla se lles engade, e xenerosamente, azucre. No de ovo, o segundo ingrediente maioritario é precisamente o ovo, mentres que no flan de vainilla o é o azucre.

CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e someteu a cata 4 flans de ovo e outros tantos flans de vainilla, de Danet, Dhul, La Lechera e Pascual, comercializados en paquetes de catro unidades de 100 ou de 110 gramos cada un, salvo Dhul de vainilla, con envase de 500 gramos. Son máis caros os flans de ovo (de media, saen a 3,93 euros o quilo) ca os de vainilla (2,99 euros o quilo). Tres incumpren a normativa de etiquetaxe ao salientaren o leite con imaxes e non indicaren a cantidade que conteñen deste ingrediente. Outras conclusións: os oito atopábanse en correcto estado hixiénico-sanitario e carecían de transxénicos.

Moito azucre

No nutricional, comprobouse que o flan de ovo ten máis proteína, graxa e azucre e que achega máis calorías ca o de vainilla, se ben nin un nin o outro se poden considerar alimentos proteicos (ningún chega ao 5% de proteína), graxos (só conteñen entre o 0,2% e o 3,9% de graxa, segundo a mostra) nin enerxéticos: o máis calorífico queda en 156 calorías cada cen gramos. O principal macronutriente destes flans é o hidrato de carbono (un 21% de media), que provén na súa maior parte do azucre engadido (sacarosa), aínda que tamén contén lactosa (azucre do leite), xarope de glicosa (do caramelo) e o amidón (espesante engadido), que se atopa en seis das oito mostras. O azucre engadido, a sacarosa, representa entre o 15% (en Dhul de ovo) e o 6% (La Lechera de vainilla). De media, o flan de ovo (12,2%) ten case un 50% máis de azucre engadido (8,5%) ca o de vainilla, aínda que hai diferenzas no contido de azucre dunhas e outras mostras de cada tipo de flan.

Estes flans conteñen, sobre todo, leite, unha gran proporción de azucre (entre o 13% e o 21%) e pouco sal, arredor do 0,2%. Achegan a mesma cantidade de calcio e a mesma enerxía ca o iogur, e entre un 15% e un 45% menos calorías ca unha mousse ou ca unha crema catalá. O contido en lactosa (azucre do leite) permite realizar unha estimación do contido de leite nestes flans, se ben só aproximada, xa que conteñen outros ingredientes (leite en po, nata) con lactosa.

Entre os de ovo, os dous con máis leite son La Lechera e Pascual e, entre os de vainilla, Danet e Dhul. Os dous flans de Pascual, ao recibiren tratamento UHT, pódense gardar a temperatura ambiente, mentres que os demais deben conservarse en frío. Por outra banda, só Dhul ovo emprega conservantes (E-202: sorbato potásico), aínda que o recurso a aditivos é común nesta sobremesa láctea: os máis utilizados son espesantes (estabilizantes ou xelificantes), aromas e colorantes.

Mellor relación calidade-prezo

A análise revela que os flans de ovo (compostos por leite, ovo, azucre, caramelo, espesantes, colorantes e aromas) non son máis naturais ca os de vainilla, que carecen de ovo e teñen máis leite se ben recorren máis ao uso de aditivos como aromas e colorantes. Na análise sensorial (cata de consumidores), non salientou un tipo de flan sobre outro, pero o mellor valorado foi un de ovo, Danet, que ao ter un prezo (3,11 euros/quilo) e mais unha composición nutricional intermedios se converte na mellor relación calidade-prezo. Ademais, o seu contido en graxa é o menor do comparativo e é o único que non utiliza espesantes como o amidón.

A graxa

O valor medio de graxa nestes flans é modesto, o 2,2%. A mostra máis graxa é Dhul ovo (3,9% de graxa) e a que menos, Dhul vainilla, con só o 0,2% de graxa. Os ingredientes que lle achegan graxa aos flans son o leite (se é desnatado, a achega é practicamente cero), o ovo e mais a nata. Os flans de ovo (3,1% de graxa, de media) conteñen máis do dobre de graxa ca os de vainilla (1,4%). Esta maior achega débese ao ovo, pero tamén ao maior emprego de leite enteiro ca nos de vainilla. Entre os flans de ovo, Dhul (3,9% de graxa) e Pascual (3,1%) son os máis graxos.

O de Pascual emprega leite desnatado e ten a metade de ovo ca os outros tres, pero engade nata, e iso explica o seu relativamente alto contido graxo. O flan de ovo con menos graxa é Danet, que usa leite desnatado e que carece de nata: a achega graxa provén do ovo, ingrediente que representa o 23% do produto.

Pola súa banda, os catro de vainilla elabóranse con leite desnatado ou semidesnatado e carecen de ovo, o que explica o seu menor contido graxo. Danet (2,2% de graxa) e Pascual (2,1%) son os flans de vainilla máis graxos. En Danet débese a que usa leite só parcialmente desnatado e leite concentrado en po e, en Pascual, ao emprego de nata. Dhul, o menos graxo, só contén un 0,2% deste nutriente; o motivo é que o seu leite é desnatado en po reconstituído. Pascual ovo, que fai a declaración nutricional "contido reducido de graxas un 38%", aínda que non poida afirmarse que incorre en incumprimento, é unha das mostras con máis graxa (3,2%). Se se compara con outras sobremesas lácteas, o flan de ovo (3% de graxa) ten o mesmo contido graxo ca o iogur, tres veces menos ca a mousse de chocolate (que ten o 8,8% de graxa) e ca a crema catalá (9,1%), algo máis ca o arroz con leite (1,9%) e un chisco menos ca a crema (4,2%). O flan de vainilla (1,4% de graxa), pola súa banda, é a sobremesa láctea menos graxa. E, se traducimos a calorías, o flan de ovo (134 calorías cada cen gramos) é máis enerxético ca o flan de vainilla (105), ca o arroz con leite (110) e ca o iogur (115 calorías cada cen gramos), pero menos ca a mousse de chocolate (190) e ca a crema catalá (178 calorías cada cen gramos).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto