Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Fígado graxo: A obesidade tamén dana o fígado

Mentres que hai uns anos o abuso do alcohol era a principal causa da dexeneración deste órgano, agora a obesidade é o novo motor do dano hepático, con graves consecuencias para o organismo

  "Acaso hai algún fígado que non o sexa?" Esta é a pregunta que formulan moitos afectados do fígado graxo, unha enfermidade crónica asociada á graxa, no intre mesmo en que o especialista llelo comunica. En efecto, o fígado dos humanos, ao igual ca o 'foie gras' (fígado graxo en francés) de parrulos e gansas, é unha das partes máis graxas do corpo. Non obstante, no caso das persoas, esta denominación refírese a unha enfermidade hepática relacionada con elevados niveis de graxa nas células deste órgano.

En España estímase que entre 3,5 e 4,5 millóns de persoas padecen as consecuencias do fígado graxo e que entre 800.000 e 1.200.000 sofren esteatohepatite (un mal caracterizado non só pola acumulación de material graxo nos hepatocitos ou células hepáticas, senón pola inflamación do fígado), números estes equivalentes ao número de afectados polo virus da hepatite C e ao de persoas con dano hepático por consumo masivo de alcohol. Aínda que a esteatohepatite é unha enfermidade leve, no 5% dos casos pode evolucionar a formas máis graves, como cirrose -algunhas estimacións sitúan nun 2% a porcentaxe da poboación española adulta que padece cirrose- e cancro de fígado; segundo datos achegados pola Unidade de Hepatoloxía na Clínica Universitaria de Navarra (CUN), a cirrose afecta a un 5% da poboación.

A obesidade, a causa principal

A causa máis determinante do fígado graxo é a obesidade, por detrás do alcohol, que ata hai pouco era a principal fonte de dano hepático. E aínda que se descoñece o tempo necesario que debe transcorrer ata que o fígado se torna graxo, tense constancia de que as persoas que engordan en moi pouco tempo poden desenvolvelo decontado. Non obstante, o abuso do alcohol e certas enfermidades metabólicas tamén son factores determinantes que contribúen á orixe deste mal.

Por outra banda, é habitual que o fígado graxo se diagnostique naquelas persoas que sofren a síndrome metabólica, unha combinación de varios factores de risco cardiovasculares, como son a obesidade, a diabete, a hipertensión arterial e a dislipemia. Nelas, a prevalencia desta patoloxía é moito maior, con proporcións que, segundo distintos autores, van do 20 ao 30% das persoas obesas, do 10% ao 75% en diabéticos e do 20% ao 92% de quen sofre hiperlipidemia (exceso de graxa ou lípidos en sangue).

Diagnóstico

Aínda que poucas persoas afectadas por fígado graxo se queixan de dor (de leve a moderado) na zona correspondente ao fígado -hipocondrio dereito-, menos aínda son as que sofren síntomas de insuficiencia hepática. Por este motivo, chégase ao diagnóstico logo de se realizar unha análise de sangue rutineira, sempre que se detecte nos valores dos marcadores hepáticos -as transaminasas- unha alteración, ou ben despois dunha imaxe sospeitosa nunha ecografía abdominal. Non obstante, o diagnóstico atinado de fígado graxo fundaméntase na biopsia hepática; se se dá unha elevación das transaminasas, o órgano en cuestión está inflamado e, se o facultativo conta con indicios de que, ademais, o paciente pode ter graxa no fígado, practicaráselle unha ecografía abdominal e despois, de ser precisa, unha biopsia.

Tras analizar estas probas, o prognóstico do paciente é favorable se se comproba que, en efecto, ten o fígado graxo pero non se aprecia un proceso inflamatorio porque non hai unha alteración nas transaminasas. Pero se se dan os dous estados, graxa e inflamación (esteatohepatite), o paciente deberá seguir os controis e recomendacións prescritas polo especialista para evitar que o mal evolucione cara a formas máis severas, aínda que a maioría das persoas con fígado graxo non desenvolven consecuencias graves.

Baixar de peso, o mellor tratamento

  A detección exclusiva do fígado graxo puro non esixe un tratamento determinado, aínda que non hai consenso científico que indique que non poida evolucionar cara a formas máis graves da enfermidade. Por esta razón, é preferible previlo e que cada paciente introduza os cambios pertinentes na súa dieta para perder peso, baixo control médico sempre que sexa posible.

Non é unha "mala dieta" en si o que produce o fígado graxo, senón un peso excesivo. Por iso, non é necesario seguir unha dieta especial para esta enfermidade, senón facer réxime para alcanzar o peso ideal. Os alimentos non causan dano, o dano créao a obesidade. Tampouco hai alimentos prohibidos para o fígado, como o chocolate ou as comidas ricas en graxas, tan asociadas a malas dixestións. A única prohibición para controlar este mal é evitar o consumo de alcohol.

No tocante á esteatohepatite, o seu tratamento admite dúas modalidades. A máis importante é evitar a obesidade e o sobrepeso e aumentar a actividade física. Ademais, en pacientes diabéticos comprobouse que, se se controla a enfermidade, constátase unha mellora da esteatohepatite.

Por outra banda, nos últimos anos comezaron a comercializarse algúns fármacos para controlar os factores de risco asociados ao fígado graxo, aínda que non son tratamentos eficaces universalmente e se lle receitan a cada paciente de xeito individualizado. Nalgunhas ocasións son útiles os antidiabéticos, xa que a resistencia á insulina é un factor que favorece a acumulación de graxa no fígado, polo que o uso de fármacos para mellorar a sensibilidade á insulina se entende como un tratamento eficaz. Noutras, non obstante, óptase por recomendar medicamentos para as graxas e mesmo hai casos nos que se receitan fármacos hepatoprotectores.

Menores afectados

  Como nos adultos, nos nenos este problema hepático é asintomático, de aí que os pais non poidan detectalo. O pediatra, non obstante, pode diagnosticar o mal do fígado graxo mediante a palpación primeiro e con ecografías abdominais despois. Agora ben, son moitas as ocasións en que estas probas non achegan toda a información necesaria para o diagnóstico, de aí que se completen con análises de sangue para comprobar se os valores das transaminsasas son elevados. Dende o 2007 está dispoñible un novo método non invasivo, o "test da metacetina marcada con isótopo estable carbono 13", impulsado por Ramón Tormo, responsable de Gastroenteroloxía Pediátrica do Hospital Quirón, en Barcelona.

Trátase dun test que se aplica lles a nenos que teñen un índice de masa corporal elevado (IMC). Para realizaren a proba só deben soprar dentro dunhas bolsas, cada 10 minutos durante a primeira hora, e cada 20 minutos durante a segunda. O obxectivo é analizar, despois, a metabolización da metacetina e, segundo os seus valores, establecer se se padece esta enfermidade. Ademais determínase o estado no que se atopa, xa sexa o inicio ou se evoluciona a hepatite ou hepatonecrose, as formas máis graves. Outras investigacións optan por medir a cintura dos nenos. Un estudo liderado polo equipo de Valerio Nobili, do Departamento de Hepatogastroenteroloxía e Nutrición do Hospital 'Bambino Gesù', de Roma (Italia), demostrou que a medida da cintura dos nenos obesos -máis ca a obesidade xeneralizada- correlaciónase coa presenza de fibrose no seu fígado e que este criterio é útil para seleccionar aqueles que precisan un estudo máis polo miúdo deste órgano.

Aínda que nos nenos o fígado graxo se debe sobre todo á obesidade e, nalgún caso, a enfermidades metabólicas, tamén se dan casos de menores que non padecen obesidade e que, aínda así, teñen un fígado que evoluciona a graxo. As cifras das autoridades sanitarias amosan que un 30% dos nenos españois son obesos, polo que boa parte deles poden sufrir de fígado graxo. Se non se lle pon freo a esta epidemia, que tamén se espalla entre os máis cativos, España poderíase atopar cunha situación semellante á de EE.UU., onde a obesidade se converteu na causa máis importante de transplante hepático en nenos. Anta esta ameaza, unha dieta equilibrada e a vitamina E protexen fronte ao desenvolvemento do fígado graxo. Nos nenos, ao igual ca nos adultos, adelgazar é o mellor tratamento para revertelo. Agora ben, se de novo aumentan de peso, o problema pódese volver reproducir.

De aí que os nutricionistas recomenden nestas festas de Nadal substituír os entrantes e primeiros pratos máis pesados e graxos -tradicionais en distintas comunidades, como os friames, o cocido e os canelóns- por outros máis lixeiros, como cóctel de gambas, gulas, lagostinos ou espárragos. No tocante aos segundos pratos, alimentos como o pavo recheo, o año e outras carnes pódense substituír por peixes nobres como a robaliza, o rodaballo ou a dourada. O control dietético non deixa fóra as sobremesas, de aí que se invite a deixar a unha beira os turróns, polvoróns, mazapáns ou barquillos, a cambio de tomar piña natural e macedonia de froitas.

Consellos para a poboación xeral

  1. Evitar o sobrepeso e a obesidade para previr danar o fígado e o corazón, entre outros órganos.
  2. Aínda que non se detecten síntomas, someterse a probas hepáticas polo menos unha vez na vida.
  3. Valorar as alteracións nos resultados destas analíticas, non as catalogar como banais, e someterse a outras exploracións, como a ecografía, para descubrir a causa de tales cambios.
  4. Se a ecografía desvela a existencia de fígado graxo sen inflamación, non hai que alarmarse. Pero se existe inflamación, debe someterse a un tratamento médico.

Fonte: Unidade de Hepatoloxía da CUN


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto