Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os trastornos do sono, coñecidos como parasomnias, non supoñen un grave problema de saúde, aínda que mingúan o descanso e alteran a vida cotiá
"Durmir para esquecer e desconectar". A maioría dos cidadáns atopan no sono o bálsamo contra un día cargado de tensión, de discusións familiares ou da preocupación por como chegar a fin de mes. Pero aínda que todos durmimos, non todos descansamos do mesmo xeito. O cerebro segue activo, aínda que sen conciencia, para reparar o cansazo e organizar toda a información recibida. Isto permite que o sistema nervioso entre en acción para garantir o descanso físico e mental, de aí que sono e vixilia se complementen e se consideren dúas partes da mesma unidade. Non obstante, hai persoas -sobre todo menores de idade- que sofren trastornos nalgunha das etapas das que consta o sono, co que non descansan de xeito conveniente e se ven afectados de temporalmente por somnambulismo, parálise do sono ou trastornos de balanceo.
O sono organízase en fases que aparecen de xeito continuado e que cumpren funcións específicas. A primeira, a de ondas lentas ou sono non REM, divídese en catro etapas que permiten que o sono sexa cada vez máis fondo. Neste proceso, que se prolonga durante uns 90 minutos, diminúe o ritmo respiratorio e cardíaco, ao mesmo tempo que se produce un illamento sensorial que proporciona o descanso físico para a recuperación de enerxía.
A segunda fase é a chamada de sono REM ou dos movementos oculares rápidos. Nos seus 90 minutos de duración, o cerebro rexistra case tanta actividade coma durante a vixilia, posto que é a etapa na que se orixinan os sonos e pesadelos. Pero no canto de recoller información do mundo externo, o cerebro só ten en conta a información que xera por si mesmo, como un intento de organización e de consolidación de aprendizaxe e recordos.
Durante as oito horas que debería durar o sono sucédense alternativamente as dúas fases descritas, de xeito que se alterna sono profundo e menos profundo unhas tres ou catro veces cada un. Os episodios vividos nos sonos da última fase REM son máis bos de lembrar pola súa proximidade ao momento de espertar.
Entre os trastornos do sono que unha persoa pode padecer a calquera idade, o máis habitual é o somnambulismo, unha alteración con maior prevalencia na infancia e que diminúe co paso dos anos. Non se considera unha patoloxía grave e en xeral non ocasiona problemas de saúde. Ademais, desaparece de modo espontáneo, polo que non require tratamento específico salvo que se dea con demasiada frecuencia.
Ante un episodio de somnambulismo, o máis sorprendente é que a persoa afectada segue durmida, aínda que se dea erguido da cama e realizado algunha tarefa sinxela. O resto da familia xa sabe que o somnámbulo se ergue da cama cos ollos abertos, desorientado e que os seus movementos son erráticos. Tamén é consciente de que intentar espertar a quen se atopa neste estado pode levar algúns minutos, posto que este trastorno se desenvolve na fase de sono máis fondo. Aínda que a crenza popular afirma que é perigoso espertar a unha persoa somnámbula, a evidencia científica confirma que non resulta daniño para a saúde. Non obstante, os expertos aseguran que o máis recomendable é proporcionarlle á persoa somnámbula unha serie de instrucións sinxelas de comprender e que faciliten a volta á cama para que poida continuar durmindo sen perigo.
Con este fin, é preferible que outra persoa o acompañe ao cuarto e que utilice frases tranquilizadoras, sen recorrer a expresións bruscas ou de queixa, como "xa está ben", "todos os días igual", etc. Se se acada este obxectivo, o normal é que ao día seguinte non lembre nada, polo que resultará pouco efectivo insistir no acontecido. Isto é moi relevante durante a infancia, período durante o que estes casos deberán ser tratados coa maior delicadeza, sen recriminacións nin intentos de convencemento para que isto non volva acontecer. Non obstante, e co obxecto de previr calquera accidente, as ventás da casa deben estar pechadas durante as horas de sono e controlados aqueles obxectos que poidan causar dano físico.
Outras prácticas rutineiras, sobre todo na infancia, pasan por seguir uns hábitos regulares e horarios de sono estables. Durmir as horas axeitadas (arredor de oito) co mínimo de alteracións facilita o descanso dos máis pequenos, e reduce a probabilidade de que se desenvolvan máis episodios.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI