Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Ofelia Tejerina, Defensora do internauta: "O acceso á tecnoloxía debería ser un dereito constitucional"

  Sós ante o perigo. Así se senten milleiros de cidadáns cando se chantan diante dun teclado para accederen a Internet. Non obstante, e a diferenza do que acontece no clásico do cinema protagonizado por Gary Cooper, o imperio da lei mantense no espazo virtual. O que fai falla é que os que naveguen por el se comporten coa mesma prudencia coa que se desenvolven na súa vida cotiá. Esta é a mensaxe tranquilizadora que lanza dende o seu despacho madrileño a avogada Ofelia Tejerina, Defensora do Internauta e letrada especializada en Novas Tecnoloxías.

Que fai unha avogada nun territorio sen lei como é Internet?

Iso é o que me preguntaban todos os meus compañeiros na facultade. Atraeume a curiosidade por algo novo que eu coidaba que ía ser o futuro.

A falta de regulación do sector financeiro atópase detrás da crise económica actual. Internet precisa unha regulación ou con ela desaparecería a súa esencia?

O que acontece en Internet xa está regulado: as estafas, as compravendas, as comunicacións tamén..., pero precisa matices porque o medio cambia.

Por que coida que hai esa sensación de que en Internet o imperio da lei é menos imperio ca noutros ámbitos?

A ausencia de fronteiras e o suposto anonimato dos internautas poden facer pensar que non hai lei: eu son anónimo e non hai fronteiras. Ademais, e é curioso, as persoas son moi confiadas cando acceden a Internet por primeira vez, porque non saben como funciona. Cren que ninguén os ve. Pero non é así. Cando xa comezas a coñecer como funciona Internet decátaste de que non es tan anónimo e de que, efectivamente, hai fronteiras.

Polo tanto, non só é posible unha regulación en Internet, senón que é unha realidade.

Exacto. Os matices deben ir sempre enfocados a axilizar a intervención das autoridades que xa están capacitadas e que son competentes para entrar a investigar ou a xulgar ou controlar o que acontece en Internet. Por exemplo, nos xulgados deberíase ofrecer formación específica a xuíces en materia de Internet e non a hai.

Como se pode ensinar a manexar e manexarse por Internet?

En cada situación dubidosa, hai que intentar actuar como o fariamos se nos acontecese na rúa. Por exemplo, a ti chámate un señor por teléfono, ofréceche un coche, mándache unha fotografía por correo ordinario, e pídeche que lle envíes 8.000 euros, faríalo na rúa? Non.

Unha das bases do éxito da campaña de Barack Obama foi o máximo aproveitamento que logrou de Internet. Como cualificaría a utilización que fan os distintos niveis da administración española da Rede?

É moi básica. A Administración Pública non aproveita esta ferramenta. O acceso dos cidadáns á Administración Electrónica é unha mera declaración de intencións. A Administración Pública, hoxe por hoxe, non pode darnos o que en teoría o medio si nos facilita.

É viable unha mellora substancial nos vindeiros anos?

Tal e como están agora as cousas non. Entendo que a seguridade absoluta non existe, nin en papel nin en dixital, pero se esa seguridade falla, o Estado ten que lles dar garantías aos cidadáns.

E agora non se pode falar de que se ofrezan esas garantías?

Agora mesmo non.

As súas palabras non invitan a utilizar Internet.

Depende de para que. Eu agora mesmo non me fiaría do sector público para que xestionase toda a información... Agora ben, podo pedir un certificado de nacemento ao rexistro civil cun clic e que mo envíen á miña casa. E iso pódese facer dende hai moitísimos anos. Ese tipo de cousas, si, e outras como a declaración de facenda que, por Internet, se foi mellorando a entrega. A Administración Pública é unha xestión inxente de datos persoais e de información dos cidadáns e a súa adaptación ao mundo dixital é moi complicada, require moitísimo tempo e eu prefiro que se faga aos poucos. Hai cousas nas que si confío e quéroas. Por exemplo, se a Administración me informa a través de Internet é fabuloso, non teño que acudir a ningún sitio, cun clic teño toda a información. Para iso xa estamos preparados e non está como debería.

Que partido sacan as empresas de Internet?

Están mellor ca a Administración Pública. Tratan de tirar todo o proveito que poden, e en ocasións de maneira imprudente. Lánzanse a ascender, vender, facer campañas, crear novos modelos de negocio, novas expectativas para teletraballar sen as garantías abondas, porque o que lles interesa é promover o seu negocio.

E os cidadáns, como utilizan Internet?

De xeito imprudente, bastante imprudente. Pero precisamente por iso, porque comezamos a ser usuarios habituais nos dous últimos anos, e estamos nesa fase de confianza total.

Os perigos son maiores con Internet porque é máis público o que se fai ou o que se deixa de facer?

Non, hai maiores perigos porque somos máis imprudentes, porque confiamos máis en Internet. Non nos paramos a pensar que publicar un blog non é como un diario privado que calquera poida ter na súa casa, cunha chave... e aí contamos o que se nos ocorre, e pensamos que só o len os nosos amigos e non é certo.

Amais da brecha tecnolóxica entre uns países e outros, non lle preocupa a diferenza que se pode formar dentro dun mesmo país?

Non. Creo que á tecnoloxía todos temos acceso e quen máis ou quen menos pode entrar nun cibercafé e conectarse a Internet.

E as diferenzas xeracionais?

A diferenza xeracional si é tremenda. Así e todo, o cambio é cuestión de tempo. Os profesores xa se están vendo obrigados a utilizar Internet. Xa hai centros de día que lles imparten cursos aos avós e hai avós que xogan cos seus nenos por Internet, mentres que os pais nin sequera o intentaron.

Que se pode facer para universalizar o acceso á banda ancha en España?

O servizo universal e a conexión a Internet debe prestalo Telefónica, que é a operadora dominante, o que acontece é que está obrigada a prestalo cunha capacidade tan desfasada que a metade das descargas non se poden realizar. O acceso existe porque as empresas privadas o proporcionan, pero aí si que o Estado debería actuar e promover a banda ancha como servizo universal. Nós na asociación levamos moito tempo pedíndoo.

Debería ser un dereito constitucional, como a vivenda ou o traballo?

O acceso á tecnoloxía debería ser un dereito constitucional. En España é moi preocupante que teñamos lugares onde os cidadáns non poidan acceder a Internet e que se estean a permitir grandes abusos das operadoras de xeito impune. Non é normal que me deixen sen conexión seis meses, que non pague por un servizo que non me prestan e entre nunha lista de morosos. Iso si que fomenta a brecha dixital, o prezo do ADSL, os problemas que temos os usuarios no acceso a Internet, fomentado polas operadoras de empresas privadas e auspiciado e permitido polo Estado. Tamén se están a vender accesos a Internet por 20 megas e resulta que, se me dan o 10%, xa me dou por contenta, son unha afortunada. Iso non se pode permitir.

Vostede é defensora do internauta. De que e de quen hai que defender os usuarios da Rede?

Primeiro hai que defender o usuario de si mesmo. Hai que dicirlle: confías na rede máis do que confías na rúa. Segundo, hai que informalo de que non pode ir mercar algo alegremente e logo pedir unhas garantías se non se informou con antelación de que existen. Eu merquei de todo en Internet, pero antes de mercar hai que avaliar as garantías, localizar onde está a empresa, estudar se te podes dirixir a ela se hai un problema e, de se desconfiar do que ofrece, pódese consultar na páxina de defensor do internauta.

Cales son as principais fraudes en Internet?

Á parte dos produtos mercados e nunca recibidos, as que máis nos chegan son as relacionadas coa compravenda de coches, ofertas falsas de traballo e, por suposto, as das contas bancarias.

Como evitalas?

A prudencia é a clave. Se ti lle dás as chaves da túa casa a alguén, non lle podes dicir a ninguén que che devolva o de dentro, salvo que teñas un seguro contratado, e non creo que os bancos estean a ofrecer seguros para estes temas.

Se a unha persoa a estafan en Internet por incauta, non ten dereito a obter ningunha compensación?

Pensa no engano da estampiña, a pé de rúa. Non ten sentido ningún. Non obstante, nos xulgados estase a dar o caso de que persoas que deron os seus datos bancarios ás que lles faltaron cartos se lles están a devolver, porque houbo un intermediario no camiño que foi enganado. Considérase que o culpable de estafa é o intermediario que foi imprudente e creu nunha oferta de traballo falsa, é imputado como estafador, e obrígaselle a devolver os cartos á persoa que regalou os seus datos bancarios en Internet. Iso non ten ningún sentido, nin xurídica nin loxicamente, pero nos xulgados...

Polo tanto, se vostede é vítima de phising (páxinas web falsas para obter información coa que roubar cartos) pola súa propia imprudencia, quedará sen cartos?

É o máis probable. O que acontece é que o sistema xudicial está agora mesmo comezando e pode que resulte que lle devolvan os cartos, cando poña unha denuncia, iso si.

A privacidade e a intimidade morreron con Internet?

Mátaas o usuario.

E a verdade? Segundo un estudo elaborado pola Asociación de Internautas, dous de cada tres usuarios de Internet non distinguen entre un conto e unha nova real.

Non fixo máis que cambiar de plano, do mundo real ao mundo virtual. Ti vaite a unha aldea pequena e pregúntalle a calquera ancián sobre os díxome-díxome máis divertidos do seu lugar e poderás escachar da risa. Cústanos menos crelo que preguntalo e descubrilo.

Ás persoas que se tornan protagonistas en Internet sen o desexaren, quen as protexe?

A lei, son aldraxes. Todo comeza cun rumor. O rumor da marmelada de Ricky Martin comezou en Internet? Eu coido que non, e pasou, e como ese caso, milleiros.

En Internet, o consumidor é menos David e as grandes empresas son máis Goliat?

Si, en Internet as empresas aprovéitanse moito desa confianza e dese descoñecemento.

Descargar películas e música é piratear?

Vendelas, obter lucro comercial é piratear. Se non, non é piratear porque o termo piratear significa cometer un delito, e o delito é cando hai lucro comercial. Poderíase entrar nunha conduta determinada como ilícita civil cando contrariamos algúns dos artigos das normativas civís que agora mesmo rexen a propiedade intelectual. Esas campañas de moito ruído e poucas noces, de "agora a lei actúa", "a policía na túa casa" "internauta pirata"..., iso son parvadas e ideas políticas.

Daquela, iso de que España é un dos países nos que máis se piratea...

Dáme a risa, porque o pirateo é o top manta. De que estamos a falar, de cometer delitos, de lesionar os dereitos de propiedade e económicos dunha persoa.... A lóxica dime que non é así. Se as perdas por piratería, pola comisión de delitos son tan importantes, hai que perseguilo e hai que denuncialo e a policía está para iso. Se as perdas son por outro tipo de ilícitos hai que perseguilos cos medios que a lei pon á túa disposición e se non podes perseguilos tanto como che gustaría vai pensando en cambiar o modelo de negocio. O teu sector está en crise, pero non é pola piratería, senón porque non te estás sabendo adaptar ao medio.

Así e todo, a Sociedade Xeral de Autores (a SXAE) non para de gañar cartos.

  Si, porque teñen acceso a un canon, a unha taxa, que o resto de sectores en crise non teñen. Cando se dixitalizou a música pasamos do vinilo ao soporte dixital e o aforro de custos foi bestial. O mesmo acontece coa publicidade e mercadotecnia, grazas en boa medida a Internet. Non obstante, ese aforro non se investiu en I+D para o sector da música. Por que seguimos vivindo como se traballásemos en vinilo? Porque o sector da música funciona en vinilo. Eu cando vexo un anuncio que di: "merca o meu disco", sorpréndome. Eu escoito a radio e non vou mercar o teu disco. E se unha ou dúas cancións túas me gustan, case seguro que irei ao teu concerto, e prefiro gastarme 200 euros en concertos que en CD. A Gran Vía de Madrid está máis chea de musicais ca nunca. A música non está en crise. O canon é un abuso e contraproducente para a industria musical. Eu entendo que o sector está en crise por un problema de falta de creatividade, porque non hai interese. O ser humano móvese por interese, e se eu non necesito traballar para vivir, para que vou traballar, por deporte?

Vostede descarga música?

Non, xamais descarguei nada.

Por que non?

Porque eu estou conectada a Internet no meu traballo e nel non podo facer iso. Tamén é verdade que coñezo persoas que o fan e que algunha vez me pasaron algo, e se me gusta vou ao concerto. O que hai que facer é ter respecto cara aos demais, eu estou en contra do top manta, é un abuso.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto