Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

O enfermo, menos paciente e máis activo

O tratamento para garantir a saúde da persoa enferma tamén depende da súa propia implicación e capacidade para participar na toma de decisións terapéuticas

 A persoa enferma deposita no saber médico a súa confianza e mais a súa esperanza. Pero o paciente non é un suxeito pasivo no proceso de recuperación. Pode, e é aconsellable que o faga, esixir un trato personalizado, unha mellor relación sanitario-paciente, unha axeitada e correcta información, así como a posibilidade de participar nas decisións sobre a súa saúde. Conceptos como os de mellora continua, calidade ou excelencia, xa asentados noutros ámbitos da sociedade, están a xurdir como referentes para os sistemas de xestión das organizacións sanitarias.

Novos roles

  O modelo tradicional da relación médico-paciente baseouse ata hai uns anos nun modelo paternalista: o médico, logo de escoitar e de recoñecer o paciente, emitía o diagnóstico e establecía un tratamento. El sabía qué era o mellor para o paciente e este consentía pasivamente, sen apenas recibir información sobre as distintas alternativas terapéuticas coas súas vantaxes e inconvenientes. Neste tipo de relación o paciente non era máis ca un elemento pasivo que pouco tiña que dicir e que poucas veces se atrevía a cuestionar a opinión do profesional.

Este modelo foi desaparecendo nas últimas décadas e a relación médico-paciente transformouse. A evolución das relacións sociais, o auxe dos dereitos individuais e a accesibilidade a unha grande información favoreceron que o paciente asuma de xeito cada vez máis xeneralizado un papel de coprotagonista no coidado da súa saúde e na toma de decisións cando require un tratamento.

Non obstante, para que este novo papel se desenvolva de maneira satisfactoria débese contar con certas condicións. A primeira é a garantía da calidade da información á que accede ou da que se lle proporciona ao paciente. A Lei 41/2002 de autonomía do paciente dispón no seu artigo 4.3 que "o médico responsable do paciente garántelle o cumprimento do seu dereito á información e os profesionais que o atendan durante o proceso asistencial ou que lle apliquen unha técnica ou un procedemento concreto tamén serán responsables de informalo". Hai que ter en conta que na asistencia non só intervén o médico, senón o resto do persoal sanitario que participa no proceso: enfermeiros, fisioterapeutas, auxiliares ou traballadores sociais, entre outros. Cando participan varias partes, o mesmo centro hospitalario pode ser o responsable de ofrecer toda a información, sempre e cando estean descritos os riscos de todas as intervencións e actos aos que se someterá o paciente.

Nesta liña, a Lei xeral de sanidade establece a obriga do médico de informar o paciente, e a Lei 41/2002 de autonomía do paciente introduce a figura do médico responsable, é dicir, o que coordina a información e asistencia: "todo paciente debe ser informado polo seu médico responsable antes de solicitar o consentimento escrito, que lle garante, ademais, o seu dereito a unha información completa".

Así e todo, e malia o importante amparo que proporciona o marco legal actual -artigo 43 da Constitución Española de 1978, Lei xeral de sanidade de 1986, Lei 41/2002 básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica, e as que as comunidades autónomas fixaron para os seus respectivos territorios-, non se contempla unha avaliación do seu coñecemento por parte dos usuarios nin da súa efectividade na práctica clínica cotiá. Este aspecto é básico, xa que se un individuo non coñece os seus dereitos e obrigas non poderá participar na toma de decisións sobre o seu tratamento, diagnóstico, etc.

As esixencias da información

A información suscita, ademais, outras cuestións importantes. Ata datas recentes, os profesionais da medicina mantiñan a hexemonía sobre a información relacionada coa saúde. Agora, a información sanitaria, que invade a prensa e, de xeito especial, Internet, medra de xeito exponencial -aínda que en ocasións a súa fiabilidade é cuestionable- e está ao alcance de case todos: o 19,6% das consultas en Internet que se efectúan en España céntranse en temas relacionados coa saúde e cada vez é máis frecuente que os pacientes consulten os seus médicos sobre cuestións que primeiro leron na Rede. Todo iso configura unha nova realidade na que os profesionais da saúde actúan como asesores sobre o acceso e calidade da información sanitaria dispoñible, actividade que esixe adaptar os tempos de consulta.

Precisamente, a falta de tempo para atender os pacientes é o inconveniente máis importante para que este modelo ideal de "toma de decisións compartida" se desenvolva con éxito na práctica clínica cotiá. Por este motivo, adóitase recorrer case con exclusividade ao documento escrito de información e consentimento informado, aínda que algúns estudos sinalan que o contido de moitos destes documentos é deficiente. Polo tanto, e malia as iniciativas legais que pretenden potenciar o dereito á información e á autonomía do paciente, estase moi lonxe de alcanzar os obxectivos mínimos.

Maior implicación

Nun chanzo superior áchase a implicación e participación do cidadán nas decisións de políticas sectoriais en saúde e servizos sanitarios. Expertos, asociacións e organismos internacionais como a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), a Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Consello de Europa elaboraron unha serie de recomendacións sobre a participación dos cidadáns e os pacientes no proceso de toma de decisións nos sistemas sanitarios. A necesidade de redeseñalos para se adecuar á nova realidade é patente e a participación dos cidadáns neste proceso é un dos mellores indicadores para que a saúde do paciente mellore dende todos os puntos de vista.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto