Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Lei do ruído: O peor veciño da comunidade

A normativa sobre contaminación acústica afecta a calquera actividade, infraestrutura, equipo, maquinaria ou comportamento que a xere

 Malia as múltiples denuncias tramitadas polos veciños, o ruído mantense como un desagradable compañeiro de millóns de cidadáns: no almorzo reciben o seu particular "bos días" dende as obras do edificio a carón da súa casa, acompáñaos polas autoestradas e estradas deica o seu posto de traballo a través dunha orquestra de bucinas, berros e improperios; aturan a súa estridencia na oficina, onde, en moitas ocasións, o ton de voz dos compañeiros e os sons dos centos de teléfonos apenas permiten concentrarse para, finalmente, despedirse ata o día seguinte. Aínda que, iso si, non sen o consabido ataque de nervios que causa o ruído dos servizos de limpeza nocturnos aderezados polas notas musicais que, protagonizadas polas bandas de rock, animan o barrio dende os locais nocturnos ou algunha vivenda próxima.

Este malestar, lonxe de ser un caso excepcional, está moi espallado na nosa sociedade. O 70% dos españois sofre niveis de ruído "inaceptables", segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS). Este organismo, xunto co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), revela que o ruído non só produce prexuízos directos sobre a saúde, senón que, ademais, ten graves efectos socioculturais e económicos. Para tratar de combatelos, a Lei do ruído, do ano 2003, introduce medidas orientadas a mellorar a calidade acústica das vivendas, unha delas recollida no Código Técnico da Edificación a través dun sistema de verificación acústica das edificacións, no que se declara que o incumprimento dos obxectivos de calidade acústica interior se considerara un suposto de vicio ou defecto oculto nos inmobles.

Por outro lado, a Lei prevé a modificación de tecnoloxías utilizadas ata agora por outras de menor incidencia acústica, e inclúe un sistema de autocontrol das emisións acústicas que noutros países se concretou nun sistema de "tacómetro acústico". Unha vez colocado no interior dos locais, mide e grava as emisións sonoras da fonte emisora de ruído.

Hai que ter en conta que a Lei do ruído se aplica en todos os emisores acústicos, é dicir, que afecta a calquera actividade, infraestrutura, equipo, maquinaria ou comportamento que xere contaminación acústica, pero exclúe do seu alcance as actividades domésticas ou as relacións de veciñanza, sempre e cando non excedan os límites tolerables de conformidade cos usos locais.

Como se rexe o control de ruídos nas relacións veciñais?

 Antes e despois da Lei do ruído, os tribunais sempre tutelaran os cidadáns fronte ás emisións sonoras e ordenaron o cesamento de actividades, o precinto de locais, a adopción de medidas correctoras e a indemnización polas perdas e danos sufridos. O concepto que mesmo acuña a xurisprudencia recente é o de "dereito a ser deixado en paz". Ademais, no domicilio, inviolable dende unha perspectiva constitucional, as exposicións prolongadas a uns determinados niveis de ruído que poidan obxectivamente cualificarse como evitables e insoportables, merecen protección cara á intimidade persoal e familiar na medida en que "dificulten o libre desenvolvemento da personalidade".

Onde se tramita a reclamación por ruídos?

Depende do foco do ruído e do tipo de danos causados. Agora ben, o primeiro paso é dirixirse, mellor por escrito, ao causante do ruído e informalo das molestias e prexuízos padecidos, e solicitarlle o cesamento das emisións sonoras e a adopción de medidas específicas para iso.

E se non se dá chegado a un acordo?

Tanto a vía xudicial civil como a vía administrativa, e mesmo nalgúns casos a penal, son válidas para canalizar a reclamación. Ante a emisión de ruídos procedentes de bares, discotecas ou zonas de copas situadas no propio edificio ou en edificios lindantes, de obras públicas ou de ruídos en fábricas próximas ou noutros edificios en obras, o seguinte paso é realizar unha denuncia administrativa ante o Concello. Aínda que a resolución final pode pasar tanto por vía administrativa ou contencioso-administrativa como por vía xudicial civil, as molestias intolerables e danos por ruídos orixinados polos propios veciños soluciónanse na vía xudicial civil de acordo á Lei de propiedade horizontal e á de arrendamentos urbanos.

Daquela, hai que acudir ao Concello?

Si. Esta é a vía administrativa apropiada por ruídos de bares, discotecas, obras ou outras actividades, aínda que un dos problemas máis graves para os afectados foi a permisividade e a inactividade municipal fronte a este problema. Aínda así, o primeiro paso debe ser un escrito dirixido ao Concello, no que se expoña a causa do ruído, o propietario ou o responsable deste, as horas nas que se produce, as persoas afectadas e os prexuízos causados. Outra opción é acudir directamente, sobre todo en caso de urxencia, á Policía Municipal para que visite o lugar.

Que pode facer o Concello?

É o organismo competente para atallar estas cuestións, é o responsable de velar polo cumprimento das normas ambientais que protexen o silencio e a tranquilidade. Por iso, pode enviar técnicos inspectores e impor medidas correctoras e sancións que van dende a multa monetaria á revogación da licenza de actividades, a clausura das instalacións, temporal ou definitiva, e o precintado de equipos e máquinas.

Se o Concello non soluciona o problema?

A través das ordenanzas municipais, os concellos teñen encomendado o ámbito "doméstico" ou veciñal de protección dos cidadáns e deben actuar para defender unha convivencia tranquila. Non sempre o dan feito e, neses casos, ábrese a posibilidade de lle reclamar á Administración municipal a súa responsabilidade patrimonial. En calquera caso, a persoa afectada debe estar atenta e, se non ten noticias no prazo de tres meses dende o inicio do expediente, pode presentar un recurso contencioso administrativo.

Cando é un veciño o que molesta coa música alta, batendo as portas ou berrando, é máis conveniente acudir á Lei de propiedade horizontal?

 Si. A Lei de propiedade horizontal prohíbelles, tanto a propietarios como a inquilinos, desenvolver no seu piso ou local actividades que resulten daniñas para o terreo ou que contraveñan as disposicións xerais sobre actividades molestas, insalubres, nocivas, perigosas ou ilícitas. Os pasos que hai que dar son os seguintes:

  • O presidente, a iniciativa propia ou doutro propietario ou ocupante, requiriralle ao veciño, por medio dun escrito fidedigno (burofax certificado, por exemplo), o cesamento inmediato das actividades molestas, e informarao de que, de non se producir, a comunidade iniciará accións xudiciais.
  • Se o infractor persiste na súa conduta, convocarase a Xunta de propietarios para autorizar o presidente a comezar unha acción xudicial de cesación.
  • A demanda pode ir acompañada da solicitude de medidas preventivas e solicitar, xunto coa cesación das molestias ou da actividade que as xera, unha indemnización por perdas e danos.

Que se pode facer cando a Xunta decide non levar o asunto ao xulgado?

Un propietario afectado tamén pode acudir aos Tribunais pola súa conta e solicitar unha indemnización por perdas e danos e mais o cesamento dos ruídos, alegando exercicio antisocial do dereito, a protección do dereito á intimidade, etc.

Que perdas e danos se poden reclamar?

Amais de solicitar o cesamento dos ruídos e a adopción de medidas que o eviten, é posible reclamar unha indemnización baixo a cobertura do dano moral. Pódese englobar aí toda a gama de sufrimentos e dores físicas ou psíquicas padecidas. A indemnización ao prexudicado procede nestes casos do que marca a xurisprudencia. Aínda que son de difícil cuantificación económica, ao final os tribunais valóranas, aínda que a Lei do ruído non especifique nada ao respecto. A xurisprudencia referiuse ao sufrimento psíquico, á axitación, ansiedade, angustias, sensación anímica de inquedanza, pesadume, temor, impacto emocional, etc. No tocante ás relacións veciñais, o Tribunal Supremo considerou como dano moral o ataque ao sosego e á lexítima vida en paz na vivenda.

O mapa do ruído

En España trabállase na elaboración de mapas acústicos estratéxicos para a prevención do ruído. Primeiro tratouse de identificar os grandes eixes viarios con tráfico superior aos seis millóns de vehículos ao ano, os grandes eixes ferroviarios con tráfico superior aos 60.000 trens ao ano, os grandes aeroportos e as aglomeracións de máis de 250.000 habitantes.

Segundo a Federación Española de Municipios, nesta primeira fase incluíronse 18 aglomeracións urbanas que están a elaborar os mapas estratéxicos do ruído: Alacante, Barcelona I, Barcelona II, Baix Llobregat I, Bilbao, Córdoba, Xixón, Madrid, Málaga, Murcia, Palma de Mallorca, As Palmas de Gran Canaria, Santa Cruz de Tenerife-San Cristóbal de la Laguna, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vigo e Zaragoza.

Segundo a información publicada pola devandita Federación, estes mapas estratéxicos de ruído achegan metodoloxía, criterios e información estratéxica que orientarán as políticas e estratexias que van aplicar as comunidades autónomas e mais as administracións locais en materia de planificación urbanística no tocante á contaminación acústic


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto