Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Javier Angulo, director da Seminci de Valladolid: "Encher hoxe unha sala de cinema é unha heroicidade"

 O celuloide corre polas veas de Javier Angulo. Educado, seducido e marcado polo cine, a súa paixón pola sétima arte levouno a abandonar o seu posto de xefe de información política do xornal El País para fundar e dirixir a revista Cinemanía. Membro da Academia do Cinema Europeo e a piques de estrear unha longametraxe documental da que é guionista e director, a actividade de Javier Angulo céntrase dende hai medio ano en dirixir a Seminci de Valladolid, un dos festivais máis destacados de España. "Dende o seu despacho do Teatro Caldeirón, arrodeado de libros e de obxectos vinculados co "silencio, estase a rodar", insiste con paixón en que o cine, máis alá do entretemento, atesoura un valor social e cultural que os novos hábitos de consumo están a diluír.

Xornalista cinematográfico, director dun festival de cinema, realizador dun documental... Para vostede, como cantaba Aute, toda a vida é cine?

Pois si. Eu fun educado social, política e sentimentalmente no cine. Cando estudaba na Universidade de Pamplona, xa daquela vía tres sesións de cine seguidas moitos días. Toleo polo cine e así que xurdiu a oportunidade, pregunteime: "e por que non? ".

E como o mesmo Aute canta, máis cine, por favor?

Si, si. Máis cine, pero do bo, do coidado, do de autor, do que saia dos circuítos comerciais e español.

Que é cine de autor?

 Para min é unha película elaborada fóra dos grandes circuítos comerciais, cunha produción non esaxerada, na que non se abusa dos medios técnicos nin dos grandes efectos especiais nin de son, cun tema serio, cunha boa historia, contada dun modo máis ou menos intimista, sen concesións ao público, realizada dende o corazón de quen a escribe e chea de sinceridade, sen acenos baratos doados nin de técnica nin de guión. É un traballo serio que busca chegar aos sentimentos humanos, ao riso, ao choro, ao enfado...

Polo tanto, 'O Padriño' non sería cinema de autor?

Si, si, é cinema de autor, pero tamén é unha superprodución. Hai certas cousas que non se poden contar sen medios. Pola contra, para min non é cinema de autor 'A guerra das galaxias'.

Non coida que, por veces, baixo o paraugas do cine de autor se queren disimular ou agachar traballos falidos ou fracasos comerciais estrepitosos?

Todos os traballos poden fracasar, sexan superproducións ou non. Que pasa, que os americanos non nos venden traballos falidos acotío? Para min o cinema de autor é ese director que quere innovar aínda que non o consiga, que pretende facer algo distinto fuxindo dos lugares comúns, cun selo persoal. Pero cando o proxecto é tan grande, tan grande, o selo persoal do director pérdese moito.

Malia que vostede escribiu crítica cinematográfica, négase a identificarse como crítico. Non está de acordo co seu labor?

Todo o contrario. Paréceme que o día que desaparezan os críticos deixarase de falar do cinema como a sétima arte. Sen eles, todo serían películas de entretemento.

Os críticos viven tan ben como parece?

Non. Eu téñome fixado nos críticos, e ademais cubrín un festival como Cannes, e ver catro ou cinco películas diarias é unha marabilla, dende logo mellor que estar na mina ou conducindo un camión, pero é un curro. É un traballo fermoso, pero tamén pode ser unha angueira dura.

Por natureza, o labor do crítico é subxectivo. Que diferencia daquela unha boa crítica doutra?

Unha boa crítica é a que ofrece argumentos e non adxectivos. Eu o que quero é que me digan exactamente por que non lle gustou a película, onde está o problema e que o detallen polo miúdo para que eu o entenda. E se afirma que a película está moi ben, daquela quero que argumente por que hei de ir vela.

E iso fano os críticos?

Pois non todos, porque, como sinalas, son moi subxectivos. Pero penso que, agás nalgún caso, os críticos son persoas honestas que tentan facer ben o seu traballo. O que si lle debemos reclamar ao crítico é preparación, esixencia a si mesmo co que escribe, didáctica, que non escriba para os críticos senón para todos e que calquera que lea os críticos aprenda de cine e a ver o cine.

Ata que punto pode influír o bo ou mal funcionamento comercial a opinión dun crítico?

Aínda hai unha proporción relevante de espectadores que le as críticas para orientarse e iso está moi ben, pero se a película ten que funcionar comercialmente, faino diga o que diga o crítico. Tampouco estou de acordo coa idea de que hai un divorcio completo entre a crítica e o público: perdura un público que ve o cine como arte, ao que lle gustan os temas para poder debater... A toda esa xente que ten o que eu chamo "padal" a opinión dos críticos interésalle. Onde si pode facer dano unha crítica é nunha película pequena, de autor, con poucos medios, que vai a salas de cine de ensaio...; á gran película, non. Eu admiro os críticos e respéctoos, porque o seu traballo non é doado. A min, cando me tocou, suei.

A súa percepción dos críticos mudou agora que é director dun festival de cinema?

Sinceramente, póñenme respecto e medo, porque aquí si que che poden mancar.

Daquela, dende a súa posición, convén levarse ben con eles?

Ben, non sei que che dicir. O que penso é que non se pode facer un festival para os críticos nin sen os críticos. No caso da Seminci, o que máis me preocupa é o público de Valladolid.

Un festival non debe perder nunca de vista o público.

Así é. No primeiro que hai que pensar é no público. Un festival debe ter tres cousas básicas: unhas boas películas, un público que as avale e un grupo de críticos e xornalistas que falen do fenómeno. Logo xa, os famosos, famosiños e famosóns...; home, a xente pásao ben, son días especiais...

O glamour é prescindible.

Este festival sobreviviu moitos anos sen glamour.

Non resulta chocante que se roden películas españolas que logo non se distribúen?

A razón é que hai distribuidores que non se arriscan, non que son sempre malas. Cada día tómanse menos riscos. Nestes momentos hai produtores que son máis ben buscadores de diñeiro, xestores de fondos, de subvencións... Tampouco digo que haxa que volver a ese produtor que hipoteca a súa casa, que vive unha tolemia porque cre nun proxecto. Pero si hai ocasións en que ves produtores que arriscan, agora, cada vez menos. E logo está a publicidade. Para que se saiba que tes unha película bonita, pequena, tenra... hai que investir moito cartos.

Onde está o límite entre a obra de arte e un produto dunha industria cultural como é o cine?

O cine comezou sendo puro lecer, logo a xente comezou a tomalo en serio e converteuse na Sétima Arte. Pero non todas as películas son arte, son intentos de facer arte. O que acontece é que hai outras películas que só teñen como meta entreter. A min paréceme que o cinema debería entreter, pero tamén desacougar, facer pensar... Pero hoxe moito público novo acode só a rir, a pasar medo... e así que saen do cine xa lles esqueceu a película. Non hai un só minuto de debate na rúa sobre o que pasou. Eu teño un fillo de 18 anos que viu moito cine e a quen lle gusta, pero non participa deses debates que tiñamos nós despois de ver unha peli. A razón é que en moitos lugares, e para moitos, o cine deixou de ser primeiro un acto social e segundo un acto cultural. É só un acto de entretemento e debería ser algo máis.

Habería que rescatar o cine club?

Sen dúbida ningunha. Xa se está a rescatar en universidades, colexios..., porque axuda a imaxinar, a propór, a enfocar, a interpretar... O debate no cine club deunos a moitos cultura e mais as pautas para gozar do cine unha vez que xa viches a película. A min gústame que as películas me remexan os sentimentos de todo tipo e, ademais, comentalo.

Falando de dificultades, imaxine que ten que convencer o alcalde dunha cidade para organizar un festival de cine. Que argumentos utilizaría?

Cando era universitario viña a Valladolid porque era o sitio onde sabías que ías ver un cine distinto. E ese é o espírito que a min me gustaría recuperar, que estivese a cidade chea de rapaces coas súas mochilas ou de calquera xeito para ver pelis. Porque contribuiriamos a que visen outro tipo de cine diferente ao que teñen á man.

Iso é factible?

Estou niso. Estamos a elaborar un plan estratéxico para poder ofrecer prezos máis baratos e dar atraído mozos cunha boa escusa de cine.

A crise económica é unha realidade; tamén o é a crise do cine?

Eu falaría da mala saúde de ferro do cine español, porque levo anos e anos oíndo falar da crise do cine. Distinguiría entre o plano creativo e o industrial. No creativo, non acepto baixo ningún concepto que esteamos en crise. No industrial, é certo que o cine español precisa dunha industria profesionalizada de verdade, con xente que saiba que non só hai que facer cine, senón facelo ben, con técnicas de promoción nos medios, mercadotecnia... Coido que aínda non demos cun modelo que nos permita facelo tan ben como o fan os franceses, aos que admiro moito nese sentido. Podemos falar de que se cadra non sabemos elixir ben as nosas películas, vendelas ben, distribuílas mellor... e que nalgúns casos non somos o esixentes que temos que ser para non levarmos á pantalla unhas películas que xa dende o guión non o merecen. Que non se fagan 127 películas para lle dar de comer á industria e que logo 20 queden sen estrear, outras tantas duren unha fin de semana... Para iso a solución está en facer telefilmes, telemovies e miniseries para TV, que aí se lle pode seguir dando traballo á industria. Hai que encher moitas horas de televisión.

De cada dez espectadores que acoden ao cinema en España, só un o fai para ver unha película española. Pódese cambiar esa proporción?

Aquí de novo citaría o modelo francés. Francia é un país onde se fala moito de cine, no que o estado defende o seu cine a morte, séntense orgullosos do seu cine. Iso fai que o cidadán francés, en igualdade de oportunidades, sempre vai tratar de ver cinema francés.

A excepción cultural, é dicir, a regulación por cotas de pantalla do mercado cinematográfico, é a solución?

Si, o que acontece é que hai que crer nese modelo e pelexar para que isto sexa así, mande quen mande. O cinema si é arte, pero tamén industria e é a quilla de toda unha imaxe exterior no mundo.

Á parte de Almodóvar, hai algún outro que pense así?

Almodóvar e os Trueba, por exemplo, venden moi ben o seu cine. Sábeno facer ben. E Amenábar tamén. Porque amais de facer unha boa película haina que saber vender moi ben, se non cómela con patacas.

E ese é o modelo que se debe seguir?

Si, si.

Por terceiro ano consecutivo baixa o número de entradas que se venden nos cines. De 144 millóns no 2004 pasouse a 104 no 2007. A que se debe?

Iso débese a que o dvd e a piratería acaba con todo.

Cando vostede coñece a alguén ou lle contan que piratearon unha película, que lles di?

Cando mo contou o meu fillo a miña primeira vez, eu díxenlle: "non o fagas, eu págoche a descarga". "Queres que se rían de min na escola?", respondeume. É unha mágoa, porque é moi difícil encher unha sala hoxe, é unha heroicidade, e ademais vender entradas e gañar cartos.

Así é moi difícil que o cinema se manteña como un acto cultural e social, tal e como vostede defende.

Claro. Por iso eu fago unha cruzada en defensa do cinema en sala e contra a piratería.

O cine na casa acabará co cine?

Certo cine na casa xa está a acabar co cine nas salas.

Algunha solución?

Debemos ser moi estritos dende abaixo, nos fogares e nas escolas. A educación debe partir dos educadores, das escolas, que creen fórums, cineclubs, que utilicen as películas para aprender, para debater... Pero, claro, se nas escolas nunca escoitan falar de cine, se nunca lle escoitan a un profesor opinar sobre unha película, se na casa nunca ven os seus pais ir ás salas de cine, nin consumir cine... todo iso absórbeno os rapaces.

Con que frecuencia vai vostede ao cine?

Home, o meu caso é especial. O 60% do cine que vexo fágoo de xeito profesional, en festivais, pases privados que lles fan aos xornalistas... Así e todo, sábados e domingos vou coa miña moza a ver o que chamamos arte e ensaio. Algunha vez fun cos meus fillos ver películas espectáculo, do tipo de 'A guerra das galaxias' ou 'O Señor dos aneis', porque iso tamén o hai que ver.

E os seus fillos?

Ven menos cine do que eu quixera, porque, claro, é que o cine é caro, e co que lles dou de paga...! Agora, a min non me importa darlles máis cartos para que vaian ao cinema, pero téñenme que ensinar a entrada.

Debería ser máis barato?

Quizais si, pero a lóxica de mercado di que unha suba é moi posible e unha baixada moi improbable.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto