Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Un trastorno baseado na asociación dun alimento ou dun prato concreto coa sensación de perigo, malestar profundo e cunha experiencia moi desagradable
"Non me gusta a carne". "Pero, probáchela"? "Non, e non o quero, que me dá noxo". Este diálogo aliña as comidas de numerosos pais cos seus cativos. Non obstante, o rexeitamento irracional a determinados alimentos non é un comportamento exclusivo dos menores de idade. Son moitas as persoas adultas que senten un profundo rexeitamento a probar un alimento novo. Tanto nun caso coma noutro, a comunidade científica cataloga a repulsión a un alimento concreto ou a aversión a inxerir unha determinada comida como un tipo de fobia cara aos alimentos ou cara ao acto de comer. Descartadas todas as razóns de rexeitamento cara a determinados alimentos por gustos ou preferencias alimentarias, os nutricionistas detectan un caso de fobia cando a simple posibilidade de ter que probar un alimento ocasiona unha forte ansiedade nunha persoa acompañada dun medo intenso e irracional, amais dun rexeitamento compulsivo, profundo e inmediato cara ao alimento ou o prato.
Aínda que pouco explorada, a emocionalidade que un comensal experimenta ante a comida é determinante no diagnóstico e tratamento das fobias alimentarias. As persoas que as padecen asocian o alimento coa sensación de perigo, de malestar profundo ou cunha experiencia moi desagradable. Pesadelos infantís padecidos o mesmo día que en que se probou o alimento, experiencias de atragoamento, vivencia de malestar tras consumir o alimento (logo dunha forte e dolorosa gastroenterite, por exemplo), asociación do seu consumo cun mal recordo, sensación de acoso continuo por parte dalgún proxenitor ansioso por lle dar a probar o alimento, ou unha atención excesiva e persistente ante o acto de comer ou ante o contido da comida fan que, en maior medida durante a infancia, se desenvolva un trauma e se rexeite ese alimento ou prato. Se a fobia alimentaria é grave, interferirá de modo significativo nas actividades cotiás, no ámbito das relacións persoais ou no obxectivo de manter unha alimentación saudable.
Para este trastorno contémplanse diversos tratamentos. En principio, os psicólogos son os especialistas que deben tratar o afectado. Estes profesionais coinciden ao salientaren que canto máis se insista en que o neno supere estes medos, máis se agrava a fobia, co risco de transformala en crónica, sobre todo se esta presión se realiza baixo ameazas ou unha actitude coa que o neno poida asociar ese alimento a unha situación desagradable e tensa.
"Non me gusta nada". Esta é a resposta dalgúns nenos e adolescentes, aínda que tamén se dá algún caso en adultos, que manifestan unha grande aversión a determinados alimentos, aínda que nunca os probaran. Trátase de persoas que dende os seus primeiros anos de vida rexeitaron de xeito contundente a introdución de calquera novidade na súa dieta, converténdoa en monótona e desequilibrada polo reducido número de alimentos que consomen. A neofobia na infancia non é un trastorno alimentario illado, xa que a metade dos nenos de entre dous e dez anos se nega nun primeiro momento a degustar un alimento novo.
Este rexeitamento é intenso e frecuente entre os menores que teñen entre catro e sete anos. A partir desta idade a maioría das situacións de neofobia remiten. Os expertos neste campo subliñan a hipótese de que a neofobia xermola ao lles ofrecermos aos cativos unha alimentación monótona en variedade de alimentos, en sabores, na preparación dos pratos e mais a súa presentación, asociando, por exemplo, sempre os macarróns ao tomate, o peixe ao rebozado, etc.
Así e todo, novas investigacións revelan que o factor xenético pode influír tamén na neofobia alimentaria. Moitos nenos catalogados por pais e educadores como malos comedores sono porque algún dos seus proxenitores tamén o foi na súa infancia. Por outra banda, hai que considerar que a actitude de agrado ou desagrado que amosan os proxenitores cara aos alimentos inflúe de xeito determinante nas preferencias alimentarias dos pícaros, que tratan de imitar o comportamento dos pais.
A razón que motiva o rexeitamento da comida é o terror a afogarse ou a asfixiarse cando tragan os alimentos, xa sexa líquidos ou sólidos. Adoita xurdir en nenos -aínda que tamén se comprobaron casos en maiores- logo dun episodio de atragoamento coa comida, dunha esofaxite ou farinxite moi dolorosa, ou tras unha experiencia de disfaxia (dificultade para tragar). Tamén hai nenos que sofren fobia a tragar e deixan de comer por medo a vomitar e a sentir dor, polo xeral despois de vomitar tras un empacho, unha forte gastroenterite ou mesmo por mor do malestar provocado polas sesións de quimioterapia, se estas se aplicaron próximas á hora da comida.
Sobre a fobia a tragar non se publicaron ensaios terapéuticos controlados na literatura científica, tan só informes de casos. Non obstante, a prevalencia é baixa se se ten en conta os poucos casos descritos, polo que se conclúe que é un proceso pasaxeiro que se resolve as máis das veces en menos de seis meses. O médico, antes do diagnóstico de fagofobia, descartará que se trata de calquera outra enfermidade que poida provocar os mesmos síntomas, como disfaxia (dor ou dificultade física para tragar), globus (sensación de nó na gorxa), anorexia nerviosa, trastorno obsesivo-compulsivo (temor a atragoarse con obxectos non comestibles, como un anaco de cristal) ou trastornos afectivos.
Con todo, nos afectados, aínda que o malestar desaparece, persiste a conduta alimentaria de evitar a comida por medo de tomar os alimentos cunha textura cambiada -líquidos, semilíquidos, cremas, purés ou iogures, polo que limitan de xeito considerable a variedade da dieta. Nalgúns casos esta conduta alimentaria tan restritiva pódese confundir co diagnóstico de anorexia nerviosa.
Comezar por servirlle ao afectado purés líquidos ata chegar, de xeito gradual, a un puré espeso e máis adiante a alimentos sólidos.Este plan dietético irá acompañado dun plan condutual dirixido polo psicólogo e mais dun curso de educación nutricional elemental referida ao contido de nutrientes dos alimentos nunha dieta axeitada ás necesidades individuais.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI