Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Un 17% dos centros visitados non inclúe verduras como mínimo un día á semana e os alumnos de unha de cada dez escolas non comen nin unha porción de peixe de luns a venres
Os nenos non só alimentan o seu intelecto na escola. Para un millón e medio de menores o centro escolar tamén é o seu comedor diario de luns a venres. Por iso, é fundamental que o menú que consuman sexa equilibrado e saudable, co uso frecuente de peixe fresco, froita, verdura, hortalizas e o abandono de precociñados ou bolería. Non obstante, un de cada cinco non o fan. Así o constatou CONSUMER EROSKI logo da análise que realizou de 422 menús semanais de 211 escolas públicas, concertadas e privadas de 18 provincias españolas. Aínda que a calidade dos menús escolares rexistrou unha evolución positiva con respecto a un estudo semellante elaborado no 2004, aínda se arrastran carencias salientables. As principais: o 17% das escolas non ofrecen verduras e hortalizas como mínimo un día á semana e os alumnos dun 10% dos 211 colexios nin sequera toman un prato de peixe fresco á semana como mínimo. Non obstante, todos os colexios da mostra deste informe coinciden, positivamente, na contención da oferta na bolería e doces, que só se lles dispensan aos máis pequenos en ocasións moi especiais. A mellora na calidade nutricional veu acompañada por un incremento no prezo medio do menú: dos 3,8 euros diarios do 2004 pasouse aos 4,9 euros do 2008, o que representa un aumento do 22%, oito puntos por riba do IPC acumulado.
Solicitouse información de colexios de Madrid, Barcelona, Asturias, Cantabria, A Coruña, Alacante, Araba, Biscaia, Guipúscoa, Navarra, Zaragoza, Valencia, Valladolid, Murcia, Sevilla, Córdoba, Granada e Málaga. Solicitóuselles información a 1.100 centros. Deles, 211 remitiron os datos requiridos (o 71% son de titularidade pública, 27% concertados e un 2% privados, unha proporción similar á do sistema escolar). Os centros escolares que non colaboraron na elaboración deste informe apuntaron dende un primeiro momento falta de tempo, outros recoñeceron que non lles interesaba participar na mostra e mesmo algúns sinalaron que non facilitaban ese tipo de informacións.
Entre os que si se prestaron a participar, cada un deles proporcionou dous menús semanais (primeiro e segundo prato e sobremesa), co que se analizaron 422 menús que se someteron a unha análise na que se comprobou a frecuencia de consumo (recomendada por expertos) de alimentos básicos que non deben faltar nos menús: verduras, ensaladas, legumes, peixe e froita fresca. Tívose en conta tamén que non incluísen en exceso produtos precociñados (croquetas, empanadillas, salchichas...) nin sobremesas doces. Os requisitos mínimos que debían cumprir eran os seguintes: uso, como mínimo unha vez por semana, de verdura, legumes e peixe fresco ou conxelado non elaborado; limitar os precociñados e doces a un máximo de dúas veces nunha mesma semana e ofrecer froita fresca, como mínimo, en dous dos días da semana.
Por territorios, as mellores cualificacións obtivéronas os centros estudados en Araba, Madrid, Málaga, Sevilla e Valladolid ('moi ben'); mentres que as peores recaeron nas escolas analizadas na Coruña, en Córdoba e en Asturias (entre un 'mal' e un 'regular'). Barcelona, Guipúscoa, Navarra, Biscaia, Valencia e Zaragoza situáronse na media, non moi lonxe de Alacante, Cantabria, Murcia e Granada, que se movían entre o 'ben' e o 'aceptable'.
Se se comparan estas cualificacións coas recollidas no 2004, pódese comprobar que a evolución positiva dos menús nestes catro anos foi xeneralizada. Dous datos avalan esta afirmación: hai catro anos, a proporción de menús cunha cualificación de 'ben' ou 'moi ben' quedaba nun 41% e a de suspensos alcanzaba o 24%, mentres que na actualidade o 68% dos centros analizados ofrecen un menú bo ou moi bo e só un 14% non superan a proba. A excepción: os centros estudados na Coruña, que, de novo, suspenden.
A educación dos nenos para que coman ben é unha tarefa ardua que implica un proceso de aprendizaxe longa e aburrida. Nel, os comedores escolares poden axudar e marcar unha serie de pautas que o neno deberá aplicar no futuro. Non obstante, é na casa onde aprenden os hábitos alimenticios, de aí que o papel dos pais sexa fundamental para que o neno/a comprenda a importancia de manter unha alimentación sa e equilibrada. Estas son algunhas recomendacións en función da idade do pequeno da casa:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI