Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
No primeiro semestre do 2008 xestionáronse en España máis de 180.000 permisos de maternidade e case 140.000 de paternidade
Tal e como se establece no Art. 46.3 do Estatuto dos traballadores, os traballadores teñen dereito a un período de excedencia dun máximo de tres anos para coidaren os seus fillos, tanto se son naturais como adoptados, e mais nos casos de acollemento permanente ou preadoptivo, tempo que se conta dende a data de nacemento ou, de ser o caso, da resolución xudicial ou administrativa. A excedencia pódese facer efectiva ata que o menor cumpra tres anos e, polo tanto, non debe comezar necesariamente a partir do nacemento de fillo, senón que se pode solicitar en calquera momento dentro do período dos tres anos do menor. A lei recoñece que este é un dereito individual dos traballadores, homes e mulleres, o que significa que calquera dos dous proxenitores pode solicitala con independencia da situación laboral da súa parella. En caso do nacemento dun novo fillo, a necesidade de atendelo dálle dereito ao traballador a solicitar un novo período de excedencia que pon fin ao período do que se viña gozando con anterioridade, máis alá da duración da primeira excedencia.
Segundo datos do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, durante o 2007 un total de 34.826 españois (33.335 mulleres e 1.482 homes) fixeron unha paréntese na súa vida laboral para criaren os fillos. As cifras totais incrementáronse un 21% entre o 2005 e o 2007, período no que os homes que optaron por se ocuparen dos fillos pasaron do 3,3% ao 4,3%. O acceso da muller a mellores empregos, xunto a outros factores como a temporalidade, precariedade e diferenza salarial con respecto aos homes, a maternidade tardía -cando pode primar máis a vida persoal ca a laboral- ou as melloras legais en materia de igualdade -mantemento do posto de traballo e cómputo do tempo como período cotizado- poden influír no aumento de solicitudes.
Os pais e nais con fillos menores de seis anos teñen a posibilidade de solicitaren unha redución da xornada laboral -entre un terzo e a metade desta- para se dedicaren ao seu coidado. Ademais, a lexislación laboral permite que ambos os dous proxenitores gocen ao mesmo tempo deste dereito e do permiso de lactación. Tamén é decisión dos pais a concreción horaria e a determinación do período do que van gozar. Ao igual que acontece co dereito de excedencia laboral, calquera dos dous proxenitores pode solicitar a redución de xornada, sen que supoña un inconveniente a situación laboral do outro proxenitor. Agora ben, a redución da xornada laboral leva aparellada unha rebaixa proporcional no salario, que afecta tanto ao salario base coma aos complementos salariais que figuran na nómina do traballador e polos que se cotice á Seguridade social.
No caso dunha familia na que o pai ou nai sexa autónomo e desexe cederlle a súa baixa ao outro proxenitor -traballador por conta allea- debe comparecer nas oficinas da Seguridade Social e realizar o trámite de "cesión de baixa" e cubrir todos os papeis que alí lle indiquen. Terán dereito á prestación coa mesma extensión e nos mesmos termos e condicións ca os previstos para os traballadores do Réxime Xeral.
Ademais, as nais e os pais autónomos teñen dereito á prestación do 100% da base reguladora correspondente coa mesma extensión e nos mesmos termos e condicións ca os previstos para os traballadores do Réxime Xeral. Para iso, o traballador debe presentar ante o Instituto Nacional da Seguridade Social unha declaración no modelo oficial sobre a persoa que xestione directamente o establecemento mercantil, industrial ou doutra natureza do que sexa titular, dentro dos 15 días seguintes á data do inicio do descanso.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI