Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Deterxentes líquidos concentrados e convencionais: Mellor os concentrados: limpan igual, custan o mesmo e son máis cómodos

Ningún é totalmente eficaz contra as manchas difíciles, pero os máis deles son bos abondo para as coadas cotiás

 Nos últimos anos, os consumidores atopan nas tendas, a carón dos deterxentes téxtiles líquidos, outros moito máis pequenos, que con menos cantidade de produto prometen a mesma eficacia. De ser así, poucas razóns habería para cargar con produtos máis incómodos pero, realmente os deterxentes concentrados son polo menos tan bos como os seus equivalentes máis pesados?

Analizáronse no laboratorio catro deterxentes líquidos concentrados, que van dende os 0,23 euros por coada de Colón 101 Manchas ultraconcentrado aos 0,30 euros de Ariel Poder concentrado. Tamén se analizaron oito deterxentes líquidos convencionais, que custan dende os 0,17 euros por lavado de Flota aos 0,26 euros de Skip Active Clean. Os prezos calculáronse dividindo o prezo de cada envase polo número de doses declaradas polo fabricante, sen ter en conta as doses que se anuncian como "de regalo". As versións concentradas de Ariel e Skip son un 10% máis caras por lavado ca as convencionais, pero en Colón e Wipp Express acontece o contrario: a versión convencional é un 4% máis cara.

Dixan Gel ofrece 58 ml máis de produto do que declara á súa etiqueta e Colón concentrado 15 ml máis. Flota é o único que non chega ao anunciado (ten un 1% menos). Os deterxentes concentrados son máis pequenos, lixeiros e cómodos de almacenar e o seu transporte provoca menos emisións de dióxido de carbono. En principio, a única diferenza na súa composición é a cantidade de auga, un ingrediente que non afecta ao lavado. A mellor relación calidade-prezo deste comparativo é Colón 101 Manchas ultraconcentrado: dos máis eficaces contra as manchas, co mellor poder branqueador, cun prezo intermedio e co envase máis lixeiro.

A dose recomendada por lavado varía moito dunhas marcas a outras. Dentro dos deterxentes convencionais, as doses máis pequenas foron as de Omino Bianco, Flota e Elena (90 ml) e entre os concentrados a maior foi a de Wipp Express (50 ml). Non todos os fabricantes concentran o produto na mesma medida: Colón é o máis concentrado (a dose convencional é 3,4 veces maior ca a concentrada). O menos concentrado é Wipp Express, que só "encolle" dúas veces.

No tocante á etiquetaxe, Wipp Express superconcentrado, Dixan e Omino Bianco tiñan letras algo máis pequenas do especificado pola norma á hora de indicaren o contido neto do envase. Non é o único incumprimento detectado: a lexislación europea obriga os fabricantes a publicar os seus ingredientes nas súas webs, pero cando se fixo este comparativo Ariel Poder concentrado e Elena 2 en 1 non cumprían con ese requisito legal.

Poder deterxente

As substancias propiamente deterxentes son os tensioactivos. Mediuse a súa presenza secando primeiro o produto para eliminar a auga e despois purificándoo con alcohol para eliminar os sales (que non afectan á capacidade limpadora). Os produtos con maior cantidade de substancias deterxentes foron Colón Convencional e Skip concentrado (17 g e 16 g, respectivamente). As mostras con menos substancias limpadoras foron tres convencionais: Flota (5,5 g), Dixan (5,8) e Elena (6 g). Esta proba demostrou que algúns fabricantes non só concentran, senón que melloran a súa fórmula na versión concentrada. Ariel mostrou un 83% de incremento de tensioactivos e Skip un 13% fronte ás súas versións convencionais. En Wipp Express e Colón acontece o contrario: a fórmula concentrada ten menos cantidade de materia activa (47% menos Wipp e 21% menos Skip).

Eficacia anti manchas

Para comprobar a eficacia dos deterxentes á hora de quitar as manchas laváronse con cada deterxente trece manchas distintas nunha lavadora con 3 kg de carga a 30 ºC e cunha auga de dureza media (25ºHT) e tras o lavado comprobáronse as cores cun espectrómetro. Escolléronse manchas graxas (maquillaxe, hamburguesa), oxidables (viño, café) e manchas proteínicas e amiláceas, como o sangue ou o chocolate, todas elas especialmente complicadas. En todos os tipos de manchas o mellor foi Ariel Convencional, cunha eficacia media do 38% ante estas manchas tan difíciles. As peores foron tamén deterxentes convencionais, Elena (25%) e Flota (24%). Este nivel de limpeza abonda para a sucidade habitual de moitas das coadas, pero dende logo non é adecuado cando a roupa está toda lixada. As manchas máis doadas de eliminar resultaron ser as graxas, mentres que as oxidables deron os resultados máis pobres. De feito, as manchas de café e de té escurecéronse na lavadora. Polo tanto, a pesar de reclamos como "limpeza total" ou "o campión contra as manchas" ningún deterxente é eficaz ao 100% e ante manchas difíciles segue cumprindo fregar, facer prelavado ou engadir lixivia. De feito, no caso das manchas oxidables é mellor utilizar deterxentes en po ou engadirlle produtos específicos á coada.

O feito de que un deterxente sexa concentrado ou convencional non indica a súa eficacia. Ariel e Colón convencionais eran máis eficaces ca os seus equivalentes concentrados, mentres que Skip e Wipp concentrados deron mellores resultados ca os convencionais das mesmas marcas.

Brancura total?

Amais da eficacia antimanchas, analizouse que deterxente lavaba máis branco. Para comprobalo laváronse seis veces tres mostras de tecidos diferentes (algodón, poliéster e mixto) con cada deterxente (en total 216 lavados) e mediuse a súa brancura Ganz (canto maior sexa este valor maior é a brancura percibida). Nos tres tecidos o branco máis brillante obtívoo Colón, tanto a versión convencional (140 ganz) como a concentrada (141 ganz). Os que menos branquexaban foron Flota (125 ganz) e Dixan (125 ganz).

Protección das cores

A un deterxente non só se lle pide que sexa eficaz e que deixe un branco brillante, tamén se espera que protexa as cores. Para valorar este aspecto efectuáronse vinte lavados con e sen deterxente. A continuación medíronse 14 tecidos de cores distintas cun colorímetro, puntuando os resultados tal e como indica a norma ISO 105 A05 do 1 ao 5 (no que 5 representa a ausencia de degradación). Lavados só con auga e sen deterxente as cores sufriron unha perda de 3,1 puntos. Wipp Express é o único que non protexe as cores: obtén 3 puntos, menos que só con auga. Os que máis protexen as cores son Ariel (3,4 puntos), Colón convencional (3,3), Elena (3,3) e Skip concentrado (3,3). Tampouco neste aspecto se pode concluír que todos os concentrados se comporten igual. Skip e Wipp protexían mellor as cores na súa versión concentrada, pero Ariel e Colón eran mellores na súa versión convencional.

Logo de avaliar todos estes aspectos, as dúas mostras de Colón, Ariel convencional e Skip concentrado obtiveron a mellor valoración (excelente). Elena é o único que queda no "ben" e os outros sete alcanzan o "moi ben".

Difíciles de dosificar

Os doce indican con claridade nas súas etiquetaxes que dose cómpre usar en cada lavado e fano tendo en conta a sucidade da coada e mais a dureza da auga (branda, dura ou normal, dependendo do lugar de residencia). Non obstante, só catro (Flota, Skip Pequeno e Poderoso, Ariel Poder concentrado e Colón convencional) inclúen un tapón do tamaño adecuado (ou correctamente marcado) para calcular a dose e non desperdiciar produto. Skip e Ariel convencionais véndense sen dosificador, pero pódese solicitar gratuitamente por Internet ou por teléfono. Nos outros seis deterxentes, elixir a cantidade axeitada é unha misión imposible: Elena ofrece un tapón de 60 ml, pero as doses que recomenda son múltiplos de 45 ml. Algo parecido ao que acontece con Omino Bianco, que indica unha dose de 90 ml e ten un tapón de 50 ml sen ningunha marca. Colón ultraconcentrado recomenda verter 35 ml, cando o seu tapón é de 60 ml. En Wipp Expres, Wipp superconcentrado e Dixan inclúese un tapón de 80 ml cunha marca adicional de 75 ml, cando as doses recomendadas son de 100 ml e 50 ml.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto