Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Caldos de polo: líquidos e deshidratados: Os dados deshidratados son semellantes aos caldos líquidos e saen moito máis baratos

No nutricional son parecidos. Os deshidratados, que gustaron máis na cata, non son máis salgados, pero teñen aditivos, mentres que os caldos líquidos carecen deles

 Analizáronse 7 mostras de caldo de polo que tamén conteñen vexetais, tres das cales son pastillas deshidratadas (Knorr, Avecrem e Maggi) comercializadas en envases de cartón, e catro (Knorr, Gallina Blanca, Aneto e Don Simón) caldos líquidos UHT envasados en cartón de un litro. Todos eles poden conservarse a temperatura ambiente varios meses, pero así que se abren, os líquidos hainos que manter no frigorífico e durante non máis de catro días.

Estes caldos pódense tomar tal cal, pero tamén se usan como condimento para arroces, pastas, potaxes, guisos, salsas de carne ou peixe. Se se consomen como caldo, temperan o estómago e axudan a combater o apetito, mentres que no seu uso como condimento engádenlles sabor aos pratos. Agora ben, case non teñen interese nutritivo, son bastante salgados e os deshidratados (que non os líquidos) conteñen moitos aditivos, sobre todo saborizantes.

Para comparar prezos e características nutricionais de ambos os dous tipos de caldo, calculouse o custo de preparar un litro de caldo coas pastillas deshidratadas seguindo as indicacións do fabricante, dúas para un litro en todos os casos. Con cada envase de dados Knorr e Avecrem (12 unidades) prepáranse 6 litros de caldo e co de Maggi (24 pastillas) conséguense 12 litros. Como cabía esperar, as diferenzas en prezo son enormes: un litro de caldo con pastillas deshidratadas custa de media 0,20 euros, mentres que o custo dos caldos líquidos en cartón foi 2,02 euros de media por litro, dez veces máis. Maggi (sae a 0,13 euros o litro) é o máis barato. A mostra máis cara foi Aneto (3,3 euros), 25 veces máis ca Maggi e 13 veces máis ca os outros dous deshidratados. Gallina Blanca (1,71 euros) e Don Simón (1,59 euros), ambos os dous caldos líquidos, custan case a metade ca Aneto, pero seguen a ser moito máis caros ca os deshidratados.

Dous dos sete incumpren a norma de etiquetaxe, os dous líquidos (Don Simón e Gallina Blanca), e polo mesmo motivo: salientar ingredientes con imaxes e non indicar a súa cantidade. Os sete indican a súa composición nutricional, aínda que a norma non obriga a iso.

A análise microbiolóxica revelou que o estado hixiénico-sanitario de todas as mostras era correcto, o que era previsible dada a escasa humidade dos caldos deshidratados e a esterilización UHT dos caldos líquidos, que elimina os microorganismos. Noutro asunto, ningún caldo deu positivo na proba de Organismos Xeneticamente Modificados (OXM), polo que se conclúe que os sete carecen de transxénicos.

Alimentan estes caldos?

O contido de nutrientes destes caldos (proteína -0,6% de media-, graxa -0,3%- e hidratos de carbono, 0,4%) é ínfimo e similar en todos eles, e o mesmo acontece co seu valor calorífico (de media, unhas 6 calorías cada 100 mililitros). Unha cunca de caldo ten 200 mililitros, polo que achegaría (sempre falando de medias) un gramo de proteína, outro de hidratos de carbono, medio gramo de graxa e só 12 calorías. Os líquidos teñen, en xeral, un pouco máis de proteína ca os deshidratados e menos hidratos de carbono e, non obstante, unha achega calorífica similar. E a mesma cantidade de sal, que, malia ser considerable (o 0,9%, de media), non peca de excesiva, xa que se estima que un alimento é demasiado salgado a partir do 1,5% de sal. En conclusión: estes caldos case non alimentan, son un mero complemento á dieta.

A cata ou análise sensorial deparou unha sorpresa: os deshidratados Maggi (6,3 puntos) e Knorr (6,5 puntos) foron máis preferidos ca os líquidos Don Simón (3,7 puntos) e Aneto (5,3 puntos), mentres que as outras mostras ocuparon posicións intermedias. Os dous mellor valorados na cata son os máis baratos e os que máis aditivos saborizantes conteñen. E Aneto, o máis caro (3,30 euros) e natural (único que carece de aditivos, aromas engadidos e espesantes) foi un dos que menos agradou.

A mellor relación calidade/prezo recae en Knorr deshidratado, por ser un dos que máis gustou na cata, un dos máis baratos (o litro sae a 0,23 euros) e pola súa moderada cantidade de sal (0,7%). Maggi deshidratado é outra opción (a máis barata: sae a 0,13 euros o litro), pero ten aditivos que outros non incorporan, como antioxidantes e colorantes. A mellor opción entre os caldos líquidos é Knorr, o máis barato dos do seu tipo.

Teñen carne?

O caldo con máis proteína (1 g/100 ml) e, polo tanto, maior contido de carne de ave, é Knorr líquido, e os de menos, os dous (deshidratado e líquido) de Gallina Blanca, con 0,2 g/100 ml. Don Simón líquido presume de engadir xamón de Jabugo, mais, así e todo, figura entre os caldos con menos proteína. Aneto di que utilizou "¼ de polo fresco de Curral (22%)", cando destaca pola súa pouca proteína: 0,3 g/100 ml. A norma, para asegurar un contido en ave nos caldos, establece un mínimo, medido en nitróxeno total. A análise demostrou que as sete mostras cumpren con esta obriga legal: as que dan valores máis baixos multiplican por cinco este límite. A norma permite preparar estes caldos usando, amais de carne de ave, "graxa de ave, canles evisceradas frescas de ave ou extracto de carne de ave".

Estes caldos conteñen de media só o 0,3% de graxa (0,3 g/100 ml), os líquidos (0,4 g/100 ml) o dobre ca os deshidratados (0,2 g/100 ml). Gallina Blanca e Don Simón decláranse "baixos en graxa", aínda que os sete caldos o son. Tampouco teñen apenas carbohidratos, a media é do 0,4% e as diferenzas (o que máis, só chega a 1 g/100 g) son irrelevantes. Os carbohidratos achéganos ingredientes como o amidón e a fécula, ambos os dous espesantes. Aneto, o único que non engade espesantes, deu 0 g/100 g de carbohidratos. Así e todo, o contido en espesantes é ínfimo nos caldos que os incorporan. Knorr deshidratado declara azucre e glicosa e é un dos de máis hidratos de carbono, pero queda en 0,5 g/100 ml. Un alimento con menos dun 1% de cada macronutrientes (hidratos de carbono, proteína e graxa) non pode ser enerxético: achegan de media 6 calorías cada cen gramos. Unha cunca (200 ml) dun destes caldos supón 12 calorías, cando a inxestión diaria recomendada para un adulto é de 2.000 calorías. Os caldos líquidos son un pouco máis caloríficos, pero a diferenza é insignificante.

O máis salientable, o sal

Estes caldos conteñen unha cantidade considerable (0,9 g/100 ml de media) de sal, o máximo para Gallina Blanca (líquido) e Maggi deshidratado, con 1,1 g/100 ml, e o mínimo para Knorr deshidratado e Aneto (0,7 g/100 ml). A norma fixa un máximo de 1,25 g/100 ml de sal, que ningunha mostra supera. Pero tomar unha cunca de 200 ml de caldo equivale a ingresar de 2,2 a 1,4 gramos de sal, cando se recomenda non alcanzar os 6 gramos de sal ao día. Doutra banda, considéranse alimentos con alto contido en sodio os que superan os 0,6 g/100 ml (equivale ao 1,5% de sal). Pero a súa presenza nos caldos non se debe só ao sal, xa que os deshidratados engaden potenciadores de sabor ricos en sodio, como o glutamato monosódico (nos tres deshidratados), guanilato disódico (Knorr e Maggi), inosinato disódico (Knorr e Maggi) e fosfato de sodio (Maggi). Pero non hai diferenzas significativas na cantidade de sodio (media: 0,3 g/100 ml) entre os caldos. Algúns conteñen outros aditivos. como acidulantes, antioxidantes ou colorantes (véxase o "Un por un"). Aneto é o caldo máis natural, non engade aditivos, espesantes nin aromas.

Merece o glutamato a súa mala fama?

Atribúeselle ao glutamato un efecto negativo na saúde de persoas sensibles ao aditivo. A reacción que xera coñécese como "síndrome do restaurante chinés", xa que era frecuente que os que sufrían os seus síntomas (cefaleas, opresión torácica, sensación de calor e formigo, rixidez e debilidade nas extremidades, atordamento, arrubiamento facial e molestias gástricas) frecuentasen a comida chinesa. O glutamato (E621) realza o sabor dos alimentos e aumenta o sabor salgado. Asóciase coa percepción dun quinto sabor básico, o "umami", semellante á carne. É aditivo habitual en pratos preparados como sopas de sobre, dados de caldo, aliños para ensaladas, mesturas de especias e precociñados como pizzas, canelóns e lasañas. Son numerosas as investigacións que estes últimos anos chegaron á conclusión de que o glutamato é un condimento seguro e práctico.

Comprobouse que as reaccións de intolerancia que poden aparecer logo de inxerir comida oriental poderían deberse máis a ingredientes desta cociña (marisco, froitos secos, especias e herbas) ca ao glutamato. As institucións alimentarias cualifícano de aditivo seguro, e quizais porque se atopa de xeito natural en alimentos frescos determinouse innecesario especificar un consumo máximo diario aceptable de glutamato.

CONSUMER EROSKI mediu a cantidade de glutamato destes sete caldos de ave. Só apareceu glutamato nos tres deshidratados, e as cantidades foron en todos os casos 0,1 g/100 ml, dez veces menos do máximo admitido.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto