Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os expertos non auguran unha gripe máis virulenta ca a do 2007, aínda que recomendan que os afectados acudan ao médico se, transcorridas 48 horas, os primeiros síntomas non remiten
Co cambio estacional e coa chegada do frío, a idea de pasar varios días na cama, mimados e atendidos por un familiar que non cesa no seu afán de servir zumes de laranxa e caldiños vitaminados, albíscase como unha opción desexable. Non obstante, o seu atractivo desaparece cando, por obra e graza da gripe, a esta situación hai que engadir febre alta, dor de garganta, mocos e un malestar xeral no corpo que, as máis das veces impide que o afectado acuda ao traballo e se faga cargo das tarefas cotiás. Acantoada durante os meses de verán, a gripe non esquece a súa cita anual. Inverno tras inverno ameaza con ser máis agresiva ca a súa versión anterior. Nas epidemias anuais de gripe, a poboación afectada sitúase entre o 5% e o 15% e é superior ao 50% en grupos de poboación pechados, como os internados escolares ou os asilos, segundo as estatísticas do Ministerio de Sanidade e Consumo (MSC).
Ante o temor de que o virus atravese as portas de fogares, centros escolares e lugares de traballo, a vacina é a medida máis eficaz para previr esta enfermidade, baseada nunha infección aguda das vías respiratorias causada polo virus da influenza, de aí a súa popular abreviatura inglesa "flu". E aínda que para esta "tempada de gripe" os expertos consultados non auguran que sexa máis virulenta ca a sufrida no 2007, a ameaza dunha pandemia, por recombinación do virus da gripe común con aviar, persiste.
A gripe maniféstase de súpeto e caracterízase pola presenza de varios síntomas que non son exclusivos dela, senón tamén de infeccións afíns, como o arrefriado común. Entre os síntomas que distinguen unha doenza doutra atópanse os seguintes:
Dado que os indicios de ambas as dúas infeccións son pouco específicos, non é desatinado que unha persoa deixe transcorrer as primeiras 24-48 horas dende o seu inicio tomando analxésicos e antipiréticos para alivialos e comprobar se remiten. Sempre que persistan, transcorrido ese prazo, cómpre consultar o médico, tal e como aconsellan dende a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG).
Aínda que se contemplan tres subtipos do virus causante da gripe ou influenza: A, B e C, só os dous primeiros infectan os humanos e a vacina antigripal é o método máis eficaz para se protexer deles. O virus da gripe caracterízase pola súa gran capacidade de mudar e as súas variacións implican que cada ano aparezan novos virus gripais, fronte aos que o ser humano non ten protección. Por este motivo, cámbiase de xeito periódico a composición das vacinas antigripais co obxectivo de que se poida vacinar a poboación contra a cepa do virus que se prevé que sexa a máis común en cada tempada.
Para iso, a Organización Mundial da Saúde (OMS) instaurou hai 50 anos un sistema de alerta encargado de vixiar e illar os virus da gripe circulantes no mundo. España participa neste programa mundial a través do Sistema de Vixilancia da Gripe, no que traballan os chamados 'médicos sentinela'. Estes profesionais reciben material para tomar mostras de exsudado farínxeo cando aparecen os primeiros casos de gripe. Para iso, recollen dúas mostras ao comezo da tempada de gripe (xaneiro ou febreiro), dúas a metade do período e outras dúas cara ao final, cando parece que rematou. A partir desas mostras que se obteñen nos hospitais rexístranse as das cepas do virus que circulan cada ano.
Para esta tempada 2008-2009, a OMS realizou as súas recomendacións sobre cal debe ser a composición da vacina antigripal que se debe administrar no hemisferio norte. Esta vacina trivalente conterá as seguintes cepas do virus: a cepa análoga a A/Brisbane/59/2007 (H1N1); a cepa análoga a A/Brisbane/10/2007 (H3N2); e a cepa análoga a B/Florida/4/2006.
Segundo os expertos, esta próxima tempada de gripe apenas se diferenciará da anterior, aínda que dende hai uns anos se vén anunciando o posible estourido dunha pandemia por recombinación do virus da gripe común co da gripe aviar (H5N1). Ata o momento todos os casos de gripe aviar transmitíronse de aves a humanos e para que se produza a pandemia o virus debería transmitirse de humano a humano. Ata agora só se rexistraron 385 casos de gripe aviar en humanos en todo o mundo, dos cales 243 acabaron en defuncións. En España só se deu un caso de gripe aviar nunha ave no País Vasco, en xullo do 2006.
Non obstante, e a pesar da excepcionalidade que representa, a ameaza de pandemia persiste, aínda que de se detectaren casos deste tipo en humanos as mutacións do virus xurdirían primeiro nos países asiáticos e, tras saltar as alarmas no sueste de Asia, o resto contaría cuns días (entre 10 e 15) para tomar medidas en Europa. De feito, o Goberno español dispón dende maio do 2005 dun Plan Nacional de Preparación e Resposta ante unha Pandemia de Gripe, en colaboración coas comunidades autónomas, a OMS e a Unión Europea, para actuar con dilixencia nese suposto. Ademais, a Comisión Europea aprobou a primeira vacina prepandémica, Prepandix que protexe fronte ao virus H5N1.
A vacina contra a gripe común está elaborada con virus inactivados ou mortos. Inxéctase, polo xeral, no brazo, e está aprobada para persoas de máis de seis meses de idade. Ten unha eficacia do 90% e confire protección de entre seis e nove meses aos vacinados. Por este motivo, o período ideal para vacinarse é facelo en España entre os meses de setembro e outubro. As autoridades sanitarias aconséllanlle esta vacina aos grupos de maior risco de contraer a infección e de sufrir complicacións graves. Segundo o Ministerio de Sanidade, a SEMG e os Centros para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC) dos EEUU, son os seguintes:
A gripe propágase por vía aérea, no momento en que unha persoa infectada expele unhas pinguiñas respiratorias ao tusir ou espirrar que recalan noutra non infectada. Non obstante, tamén se pode contaxiar ao tocar algo infectado co virus e despois levar as mans á boca, ao nariz ou aos ollos. Para evitar o contaxio entre persoas, dende a Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (SEMFYC) e os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades CDC recomendan o seguinte:
Sempre que unha persoa enferma de gripe é fundamental que faga repouso, que durma, que beba abundante líquido e que opte por unha dieta sa, eliminando hábitos nocivos como o tabaquismo e o consumo de alcohol.
Fonte: SEMFYC
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI