Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A maior variedade e deseño das lentes, xunto co aumento do uso das lentes de contacto, reducen os reparos dos rapaces
O uso de lentes deixou de ser un motivo de burla nas escolas. Termos como "gafotas" e "catro ollos" caeron en desuso grazas ao enxalzamento deste obxecto como complemento de moda. A variedade de modelos, prezos e cores, consonte á moda actual, inflúe tamén nos nenos. O mesmo acontece coas lentes de contacto -desbotables, de cores, para piscina...-, de uso cada día máis espallado. Segundo datos do Libro Branco da Visión en España 2006, publicado por Visión e Vida, o 15% dos nenos e nenas menores de 14 anos usa lentes ou lentes de contacto. Malia todo, un 5% da poboación de entre 0 e 14 anos non usa lentes aínda que as precise, a pesar de que un estudo realizado pola Fundación do Instituto de Ciencias Visuais de Madrid (INCIVI) conclúe que entre o 15% e o 30% do fracaso escolar se pode deber a problemas de visión.
Se o seu fillo é moi inquedo ou practica algún deporte, opte por unha liña deportiva: lentes con talóns de silicona antiesvaradíos nas patillas para evitar que lles caian ou que se lles chanten no caso de levaren un golpe.
En idade escolar as lentes de contacto son a mellor opción se o neno ten algún tipo de complexo ou obxección ao uso dos anteollos. Non obstante, antes da idade escolar, as lentes de contacto recoméndanse principalmente por razóns médicas. Despois, o seu uso vén marcado por cuestións prácticas e estéticas. Segundo un estudo de CooperVision, o uso de lentes de contacto dende a idade pre-adolescente achega maior autoconfianza, facilita a práctica de moitas actividades con maior seguridade para os ollos e axuda a mellorar o rendemento escolar.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI