Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Contas correntes, si, moitas, pero rendibles?

Depositar os cartos nunha conta de alta rendibilidade "on-line" é a opción máis rendible para o aforro, xa que no mercado hai entidades que ofrecen ata un 6% TAE

 Quen dixo que gardar os cartos no calcetín xa pasou á historia? Aínda que non de xeito literal, a actitude da maioría dos aforradores españois parece seguir ancorada nesta práctica de raíces populares. E é que, na actualidade, un 42% do aforro das familias en España permanece depositado en contas correntes que non ofrecen ningún tipo de remuneración, segundo datos do Banco de España a peche de xuño. É dicir, segundo esta institución monetaria, 276.861 millóns de euros están depositados no banco sen lle daren ningún tipo de xuro ao aforrador, o que equivale, na práctica, a gardar o capital no calcetín ou debaixo do colchón. Estas cifras poñen de manifesto que é necesario saír da comodidade, fuxir do banco de sempre e buscar unha entidade ou unha conta corrente que de verdade poña a funcionar os cartos. As mellores, sen dúbida, son as contas de alta rendibilidade que ofrecen as entidades "on-line". Os seus xuros poden alcanzar o 6% en períodos curtos de tempo, unha remuneración moi substanciosa ante os tempos de incerteza económica que corren. Con todo, para atinar coa elección, amais da rendibilidade convén decantarse por unha conta verdadeiramente útil e operativa. Velaquí unha serie de pistas para non errar na elección.

Criterios para unha boa busca

Dous son os criterios que deben guiar o aforrador na busca da mellor conta corrente: a operatividade e a rendibilidade. De nada serve que unha conta xere un xuro atraente se non se pode utilizar para efectuar operacións básicas como sacar cartos do caixeiro ou domiciliar recibos, ou se non permite recuperar o capital cando se desexe. Pola súa banda, o aforrador perderá poder adquisitivo (polo efecto da inflación) se deixa os cartos no banco sen obter ningún xuro. Unha combinación de ambos os dous factores representará a elección perfecta. No momento actual, son moitas as entidades que están a multiplicar a súa oferta de contas de alta rendibilidade. As subas de tipos por parte do Banco Central Europeo (agora sitúanse no 4,25%) permitiulles ás entidades aumentar a remuneración dos seus produtos de aforro. Ademais, a inestabilidade que arrastra a Bolsa convida a buscar refuxio en produtos máis seguros. Neste contexto, é bo momento para apostar por unha conta de alta rendibilidade na que depositar os aforros.

Vantaxes

No panorama de incerteza económica actual, as principais vantaxes que se asocian a contas correntes de alta rendibilidade son as seguintes:

  • Xuro atractivo e coñecido de antemán: a principal vantaxe deste tipo de contas de aforro é, precisamente, a súa rendibilidade. Nos tempos que corren, con caídas bolsistas de máis dun 20% dende comezos de ano, os fondos de investimento perden, de media, un 3,3% nos últimos doce meses, o que non obsta para que sexan numerosas as entidades que ofrecen contas cunha remuneración exigua do 0,1%. Hai que fuxir destes produtos e intentar colocar o aforro en contas que dean, polo menos, un 3,5% de xuro anual. As mellores entidades ofrecen ata un 6% durante os primeiros cinco meses.
  •  Operativa sinxela: as contas correntes de alta rendibilidade funcionan como depósitos que rendibilizan o aforro sen máis. O seu xuro está fixado de antemán, co que non depende de flutuacións do mercado nin doutras variables. Si pode acontecer que a entidade decida subir ou baixar o tipo de xuro nalgún momento, pero informará os seus clientes debidamente antes de facelo, por se quixesen sacar os seus cartos ou tomar outra decisión.
  • Dispoñibilidade sen penalizacións: todas as contas correntes, xa sexa á vista ou de aforro, permiten dispor dos cartos en calquera momento sen pagar comisións. Nalgúns casos, para rescatar o diñeiro é necesario facer unha transferencia dende a conta de alta rendibilidade a outra conta asociada. Non obstante, polo xeral, o aforrador poderá gozar da súa capital uns segundos despois de facer a transferencia.
  • Comisións cero: as contas de alta rendibilidade que comercializa a banca "online" non cobran ningún tipo de comisións por mantemento nin por sacar os cartos. Isto contrasta coas comisións medias, duns 30 euros ao ano, que cobran as entidades tradicionais por manter os cartos nunha conta á vista.

Lectura obrigada do contrato

O aforro e a liquidez son dúas das características básicas das contas de alta rendibilidade. Non obstante, convén ter en conta a letra pequena que impoñen algunhas entidades neste tipo de produto.

  •  Obriga de abrir dúas contas: Algunhas contas de alta rendibilidade funcionan como meros depósitos, é dicir, non permiten domiciliar recibos, non traen tarxetas asociadas nin permiten sacar cartos do caixeiro. É común que este tipo de produtos se asocie a outra modalidade de contas á vista utilizadas tamén pola entidade financeira, e que, en moitas ocasións, deposita nesta conta o pagamento de rendementos que obtivo o cliente noutros investimentos ou as propias cantidades investidas cando o usuario decide rescatalas.
  • Liquidez non instantánea: algunhas contas de alta rendibilidade están asociadas a contas doutras entidades, o que equivale a que a disposición dos cartos non é automática. Por esta razón convén elixir contas de alta rendibilidade que sexan operativas por si mesmas ou que estean vinculadas a outras contas dentro da mesma entidade.
  • Operativa "online": todas as transaccións deben realizarse a través de Internet ou do teléfono, unha esixencia aínda incómoda para moitos clientes. Polo xeral, as contas de alta rendibilidade atópanse en exclusiva en Internet e as entidades non adoitan dispoñer de oficinas físicas onde comparecer.
  • Alta rendibilidade entre comiñas: convén ler con atención como remunera o aforro a entidade. En ocasións, anuncian a bombo e prato tipos de xuro coma se fosen permanentes cando non o son. É recomendable estudar canto tempo manterán a alta rendibilidade e preguntar como se remunerará o aforro pasado ese período. Na actualidade, algunhas contas ofrecen un 6% de xuro pero só durante os cinco primeiros meses. Despois ofrecen un 3% ou un tipo de xuro indefinido, que determinará a entidade segundo as condicións do mercado. Polo xeral, cando non se anuncia cal vai ser este tipo de xuro é porque finalmente será baixo.

Consellos para elixir conta de alta rendibilidade

 Coñecidos todas as interioridades das contas de alta rendibilidade, velaquí algúns consellos para elixir a mellor conta:

  • Alta rendibilidade sen prazo: convén apostar por unha conta que non limite o xuro elevado a un pequeno período de tempo.
  • Contas con tarxeta: o maior atractivo reside nas contas que traian asociada unha tarxeta de débito para poder sacar os cartos cando se desexe dun caixeiro.
  • Conta asociada a outra da mesma entidade: hai que fuxir das contas asociadas a outras entidades porque a súa liquidez pode non ser instantánea.

Oferta actual

Destaca Ibanesto, xa que remunera o aforro da súa Conta Azul a un xuro do 6,10% durante os cinco primeiros meses en que se manteña o investimento. ING Direct, pola súa banda, paga na súa popular Conta Laranxa un xuro do 6% durante os cinco primeiros meses. Logo pasa a remunerar o aforro ao 3%. Activobank ofrece a Conta Activo Plus, a un tipo do 5%. Sa Nostra, a caixa de aforro das Illas Baleares, comercializa unha conta cun xuro do 4,49%. Esta última conta, non obstante, pode tomarse como exemplo de produto que non permite domiciliar recibos nin trae tarxeta asociada. E o mesmo acontece coas contas de ING Direct (que obrigan o cliente a ter asociada outra conta noutra entidade), ou Ibanesto.

Non obstante, aínda que son escasas, tamén é posible atopar contas de alta rendibilidade e operativas. Un exemplo é a Conta Remunerada de Uno-e, que ofrece un xuro do 3,5% e, ademais, inclúe tarxeta de débito asociada e permite domiciliar recibos. Este tipo de conta destaca porque é operativa e rendible, á vez. Como conta á vista, ofrécelle ao cliente unha serie de servizos agregados. Os máis significativos son os de cobramento e pagamento (de domiciliacións, en definitiva), seguros de accidentes, anticipos na nómina e créditos preferentes, entre outros. O banco ten a obriga de lle transmitir ao depositante o extracto da súa conta, polo menos cada semestre. A pesar diso, a maioría das entidades envían ao domicilio do titular unha liquidación mensual, na que se indican os movementos da conta, o saldo final e os xuros correspondentes.

Na banca tradicional destaca, por exemplo, Caixa Madrid, e os seu responsables acaban de manifestar a súa intención de se colocaren entre as entidades que mellor rendibilidade dan polo pasivo en España. De momento, a caixa de aforros ofrece un 4,50% na súa Conta Superior por Internet.

Canto se aforra de verdade

Se se invisten 6.000 euros nunha conta de aforro durante un ano a un xuro do 6%, as ganancias equivalen a 360 euros. Se a isto lle quita o 18% de impostos que hai que pagar a Facenda, a rendibilidade neta ascende a 295 euros.

Pola contra, se o aforro se mantén nunha conta a un xuro do 0,1%, por eses 6.000 euros durante un ano só se conseguirán 6 euros. Se a eses 6 euros se lles quita o 18%, o aforro real non chega aos 5 euros.

Contas de alto rendemento, como gancho para investir

 Amais das contas de aforro que só permiten gardar os cartos e que non dan a posibilidade de dispor de tarxetas asociadas ou de domiciliar recibos, está a aumentar a oferta na actualidade de contas que ofrecen un alto xuro sempre que o cliente se vincule coa entidade con algún produto de investimento, como unha cesta de fondos de investimento, un plan de pensións...

Inversis Banco, por exemplo, ofrece a Conta Maxymas, cun xuro do 3,50% ata un saldo de 6.000 euros, sempre e cando se abra unha carteira de investimento (fondos ou accións) por un importe superior a 3.000 euros. Self Trade Bank comercializa a Fondicuenta, unha conta que remunera o aforro ao 3,5% sempre que o cliente manteña investido en fondos de investimento polo menos unha cantidade de aforro igual á que reflicte a conta. De non ser así, o aforro remunérase a un tipo de xuro do 0,5%. Esta conta, que actúa máis como un depósito, non permite efectuar domiciliacións de recibos nin nómina e non trae asociada tarxetas. É un depósito de aforro con liquidez inmediata e sen comisións.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto