Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Vicente Pallardó, Director do Observatorio de Conxuntura Económica Internacional: "O cidadán medio non entende de economía"

A porta de acceso ao despacho de Vicente Pallardó está adornada por dous gráficos pouco alentadores: o da evolución dos tipos de xuro e o dos prezos do petróleo. Non obstante, no seu interior, as liñas macroeconómicas dilúense e o protagonismo correspóndelles a fotografías de espectaculares paisaxes de Canadá, Namibia, Brasil ou Botswana, lugares que Pallardó visita os 15 días do ano que desconecta do Observatorio de Conxuntura Económica Internacional da Universidade de Valencia, do que é director.

O panorama económico dá vertixe, pavor...?

Eu definiría a situación actual, sendo xeneroso, como complicada.

E sendo realista?

Sendo realista, dende o punto de vista financeiro, atopámonos no momento máis difícil dende a Gran Depresión de 1929. Insisto, dende o punto de vista financeiro. É verdade que a economía real aínda se viu, e subliño o aínda, pouco afectada dada a gravidade da situación financeira. Para a economía real a situación non é tan difícil como a crise de 1973, que foi, sen dúbida, moito máis grave, pero aínda pode empeorar para a economía real porque as turbulencias financeiras, insisto, son as máis serias dende 1929.

Pasouse en poucos anos de prestar cartos sen medida a unha rixidez implacable. Que explicación se lle pode dar ao desconcertado consumidor?

Dende logo isto non é nada positivo. O que aconteceu a finais dos 90 e no primeiro lustro deste século era que os tipos de xuro eran excepcionalmente baixos. En España foi así porque o Banco Central Europeo vela pola economía dos 12 países do euro. Como consecuencia diso, os tipos de xuro que podían ser atinados para Alemaña, para Francia... eran excesivamente baixos para España. Resultado: aforrar era moi pouco rendible e endebedarse era extremadamente barato.

Pódese dicir que o cidadán español se comportou de modo irracional?

Non, pero si se comportou tendo en conta unha visión a moi curto prazo, porque estaba claro que os tipos non ían seguir a ese nivel tan baixo. Pero é que estaban a regalar os cartos. Se analizas a situación no curto prazo, é doado dicir "endebédome"; casas, coches, viaxes... o que faga falta.

E os bancos, non deberían ter esa visión a longo prazo?

Pois si, pero acontecía o mesmo. Os bancos decatábanse de que prestasen o que prestasen e a quen llo prestasen devolvíanllo todo. Non había grandes marxes, pero se prestas moito con marxes pequenas tes moito negocio.

E as institucións non tiñan que tomar cartas no asunto? non deberían achegar algo de cordura nesta situación?

Estamos nunha economía capitalista de mercado, é verdade que cun papel significativo de reguladores, pero capitalista de mercado. O Banco de España lanzoulle múltiples mensaxes de prudencia á banca. É verdade que podería facer unha intervención máis enérxica e dicir "vostedes non poden prestar", pero daquela que se lle diría ao Banco de España. O Goberno podería eliminar as desgravacións fiscais á vivenda e frearía a venda. Agora ben, que se lle diría ao Goberno que o fixese.

Cando a economía se resente, pasa a estar no primeiro lugar das preocupacións dos cidadáns nas enquisas. O interese é evidente, pero, vostede diría que o cidadán medio entende de economía?

Non. E debería ser máis consciente da realidade económica.

A quen lle corresponde esa responsabilidade?

Unha parte da responsabilidade recae nos propios economistas, que, como noutras profesións, tendemos a explicar as cousas dun modo complexo, outra pode recaer nos medios, pero eu coido que é unha elección dos cidadáns.

Canto hai de crise económica real e canto de crise de confianza neste momento?

Cada vez máis real e menos de confianza. É verdade que nos primeiros estadios desta crise os indicadores de confianza dos consumidores caían máis rápido do normal. Pero tal e como está evolucionando a situación financeira e a repercusión que pode ter na economía real, cada vez hai máis de real e menos de psicolóxica, por desgraza, porque esta é máis doada de remontar.

Chama a atención a compoñente psicolóxica, subxectiva e, polo tanto, impredicible, que ten a economía.

Hai especialistas no ámbito da análise psicolóxica dos temas económicos e das reaccións económicas. Pero é verdade que a economía ten un compoñente psicolóxico moi importante. Se todos os cidadáns pensasen que a crise vai ser moi grave e que o futuro vai ir moi mal e deixasen de consumir, o futuro irá moi mal porque o consumo é en Occidente o 60% como media do PIB.

Daquela, ao seu xuízo, o cidadán debe seguir consumindo para evitar que se agrave a crise?, como debe actuar ante ela?

O cidadán debe ser responsable e pensar a medio prazo. É dicir, hai cidadáns que non teñen por que restrinxir o seu consumo agora mesmo, non deben porque teñen un traballo fixo, unha remuneración razoable, traballan os dous membros da parella..., múltiples situacións nas que se lles permite seguir consumindo de maneira normal. E hai outros cidadáns que teñen que apertar o cinto, ben porque se endebedaron de máis, ben porque traballaron en sectores nos que se gañaron moitos cartos e que agora están en crise, como a construción e todo o que leva aparellado.

Non resulta frustrante realizar tantos estudos e análises con miles de cifras, datos, estatísticas para comprobar que unha parte importante do que poida acontecer depende do medo ou da confianza?

Efectivamente, é un dos traumas da economía como ciencia. Por iso son tan importantes os indicadores de confianza e por iso se lles dá tanta relevancia.

Que é un indicador de confianza?

É unha enquisa na que se pregunta como se percibe a situación económica con respecto ao período anterior e a previsión que se ten sobre o futuro, a seis meses ou a un ano. Son preguntas relativamente sinxelas, porque o que se pretende é avaliar iso que os modelos non poden captar, que pensa a cidadanía que vai pasar. Os consumidores son o 60% do PIB e, xa que logo, o que eles crean, sexa ou non verdade, é moi importante.

O número de divorcios en España diminuíu no último ano. As crises económicas repercuten nas crises persoais?

Absolutamente. É lóxico que se as posibilidades de emprego empeoran e as remuneracións non soben, un teña menos posibilidades de iniciar unha nova vida. E non falo só de divorcios, tamén do abandono ou non do fogar paterno...

Que aumente o consumo de comida rápida, o gasto en xogos de azar, o consumo das marcas brancas... indica que a sociedade xa interiorizou a crise e trata de salvar os mobles como sexa?

Sen dúbida ningunha.

O freo do consumo débese á incerteza sobre a situación económica ou á angustia hipotecaria?

Débese a unha restrición moi importante de liquidez por ambos os dous motivos, en primeiro lugar porque os tipos de xuro subiron e iso fai que non só as hipotecas senón tamén o resto de créditos representen unha maior carga. En segundo lugar, non esquezamos como se está a incrementar o paro e, polo tanto, son moitas as persoas que se están a ver privadas da súa fonte principal de renda, e máis os autónomos: moitos deles non se reflicten no paro, pero é salientable a diminución do negocio que poden realizar.

En que medida a situación que se vive en España se debe ao desenvolvemento inmobiliario desenfreado nos últimos anos?

O que aconteceu é que tivemos un modelo de crecemento extraordinariamente desequilibrado onde, volvo repetir, nin cidadáns nin banca se comportaron de xeito irracional, pero non souberon ver máis alá do curto prazo.

Os piares da economía española son, polo tanto, máis ca de ladrillo, de barro, como din os analistas internacionais?

A verdade é que a variable clave en economía é a produtividade e a variable que peor funciona na economía española é, precisamente, a produtividade. Fixemos algunhas cousas moi ben, melloramos os equilibrios macroeconómicos do servizo público; mesmo da inflación, aínda que agora volvemos ter uns repuntes de certa magnitude; liberalizamos nunha boa parte a economía; pero no ámbito da produtividade avanzamos moi pouco, e sen produtividade non hai competitividade. Iso déixanos no medio e longo prazo cun problema serio.

A preparación é tamén outra das rémoras que arrastra a economía española. Ante a recesión, máis formación?

E cando non hai recesión tamén. En educación regulada temos o costume de que cada Goberno cambia o sistema educativo de arriba abaixo. Iso non ten xeito, eu non podo comprender como cando se fala de pactos de Estado o da educación non é o primeiro. Ademais, dedicámoslle un 40% menos da media da OCDE a formar no posto de traballo, por non falar de que hai un problema de temporalidade no emprego en España que, como todos sabemos, é máis do dobre ca a media da UE. Se ten un emprego precario, que incentivo ten o traballador para formarse e cal ten o empresario para formar ese traballador... É certo que hai sectores onde o emprego ten que ser por necesidade temporal, sen dúbida, pero unha terceira parte do total? Iso non se pode manter.

En que medida repercuten e repercutirán no cidadán os efectos desta crise financeira?

De momento, está a ter un impacto en Occidente en xeral e en España en particular, moi claro e moi directo, e é o acceso ao crédito. Toda a economía occidental vive moito do crédito: a economía estadounidense, a británica, a española e mais a irlandesa son os catro exemplos máis claros, que coinciden ademais cos catro países que tiveron un boom inmobiliario moi forte e cos países que máis están a sufrir esta restrición do crédito. E xa dende o punto de vista do cidadán, é evidente que estamos a percibir problemas para acceder ao crédito de particulares e empresas.

Os millóns de familias que sofren polo aumento constante do Euríbor, a quen lle deben botar a culpa?

A eles mesmos. Non houbo ninguén que obrigase a ningunha familia española a endebedarse ao nivel ao que o fixeron, algunhas delas, máis alá do razoable. Insisto, pensando no medio ou longo prazo. Agora ben, debo matizar que son familias que non recibiron a información necesaria. Nalgúns casos, as entidades financeiras -por descoñecemento ou interese- non lles transmitiron dunha maneira clara as implicacións dese endebedamento e que eses tipos de xuro eran mentir, que era o mínimo ao que ían chegar os tipos de xuro nos 30-40 anos da súa hipoteca. O tipo normal na zona euro, e polo tanto para España, fíxase arredor do actual. Esta é a parte na que os cidadáns non son responsables. Pero no caso daqueles a quen si llo contaron ou quen escoitaron de boca dos expertos estas advertencias, a única responsabilidade é súa.

E os condutores que mercan gasolina moi cara cando sobe e menos barata cando baixa o prezo do cru, a quen poden responsabilizar?

Aquí hai unha tripla explicación. A primeira é que as persoas ven moito máis decontado o momento en que soben os prezos que cando baixan, polo tanto hai un problema de percepción, non necesariamente real. A segunda é que as compañías son moito máis rápidas en repercutir á alza ca á baixa, polo negocio. E terceiro, aínda que eu son dos que cre que o prezo do petróleo baixou para quedar, hai algúns analistas que pensan que o prezo do petróleo volverá repuntar. Dado que as compañías están a vender un petróleo que procede do comprado tempo atrás, ata que non se consolide a baixada é razoable que non diminúa demasiado o prezo da gasolina e iso cómpre telo en conta. O que acontece é que se a baixada se consolida algún tempo máis non estará xustificado que non se repercuta claramente sobre o prezo. Pero si é razoable conceder 2-3 meses de marxe porque hai un debate entre os analistas nesta cuestión.

Dicía que o 60% do PIB vén dado polo consumo. O consumo excesivo é bo, malo ou regular para a economía?

É malo se supón establecer desequilibrios. Se nunha economía o consumo está medrando ao 10% anual porque a renda per cápita medra ao 12%, o aumento do consumo non me preocupa. Iso tira da economía. Pero se o consumo medra máis alá do que a renda dos cidadáns permite e repercute na diminución do aforro, iso é pan para hoxe e fame para mañá. Nos EEUU a taxa de aforro persoal é cero. Isto é insostible; loxicamente, cando se teñen que repoñer eses niveis de aforro o consumo cae, e o que foi exuberancia nun momento convértese en crise no momento seguinte. Polo tanto, é mellor manter uns patróns de consumo dinámicos pero moderados que non épocas de fortísimo incremento para que logo se estanque, tanto por riba como por baixo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto