Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Sintonizadores de TDT, televisión dixital terrestre: Hainos que precisan sete segundos para mudar de canle

O equipo máis caro foi o que menos gustou e o peor nas probas de laboratorio. A maioría dos equipos non se poden apagar completamente, polo que consomen moita máis electricidade

 A televisión analóxica ten os días contados. En menos de dous anos as cadeas de televisión españolas emitirán as súas canles só a través do sinal dixital terrestre, coñecido como TDT. Os fogares recibirán máis canles pero terán que se adaptar ao cambio coa adquisición dun dispositivo externo que se conecta ao televisor ou mercando un aparello que xa incorpore o sintonizador. A antena tamén deberá estar adaptada, pero iso, case sempre, queda en mans das comunidades de veciños.

Analizáronse no laboratorio e sometéronse á proba de uso oito receptores externos de TDT que custan dende os 38,90 euros de Puffins e Sunstech aos 69 euros de Axil, o peor valorado na proba de uso. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Televés. Ten un prezo intermedio (55,50 euros), é o mellor en funcionamento do receptor e calidade de imaxe, e acadou a segunda mellor nota na proba de uso (8,1 puntos sobre 10). Ademais, é dos que menos consome e pódese apagar por completo.

Axil ten o maior consumo (10,6 W en funcionamento e 9,8 W en espera); mentres que Sanyo é o que menos electricidade necesita en funcionamento (4,8 W) e Televés o de menos en espera (2,2 W). Pero o verdadeiro aforro prodúcese se o receptor se apaga cando non se usa. Cinco dos equipos (Philips, Sanyo, Puffins, Siemens e Axil) non se poden apagar, só quedan "en repouso" ou "stand by". O único xeito de que se interrompa o consumo de enerxía é desenchufalos da rede eléctrica. Cada familia ve unhas tres horas e media de televisión ao día. A electricidade necesaria para utilizar durante un ano calquera dos tres decodificadores con botón de apagado (o que posibilita a súa desconexión) custa arredor dun euro no suposto de uso de case catro horas ao día aceso e 20 horas apagado. Cun decodificador Axil, no que ás catro horas aceso se suman 20 en posición de "stand by", o gasto multiplicaríase ata os 9,75 euros. En España hai 5 millóns e medio de decodificadores de TDT externos, polo que o aforro posible alcanzaría os 24 millóns de euros ao ano, o 0,08% do consumo eléctrico nacional.

Funcións e accesorios non comúns

Amais do teletexto, da busca automática de canles ou do soporte para subtítulos (moitas canles emiten en TDT as películas en versión orixinal e con subtítulos para quen así o desexe), cada aparello inclúe outra serie de funcións adicionais, como a posibilidade de conxelar a imaxe, que inclúen todos agás Philips e Axil. A TDT permítelles tamén ás canles emitir xogos, que a metade dos receptores poden gozar: Bestbuy, Puffins, Sunstech e Televés. O equipo que conta con maior número de funcións é Televés, que ordena automaticamente as canles (ao igual ca Axil) e que dispón tamén da opción de aumentar de tamaño a imaxe (zoom). Axil é o único con función PIP (Picture in Picture), que permite ver dúas canles ao mesmo tempo (útil durante as pausas publicitarias).

Axil, Televés, Sunstech, Philips, Puffins e Bestbuy contan con saída de audio dixital, útil, por exemplo, para conectalos a equipos de "home cinema". Sanyo, Televés e Axil teñen saída de audio analóxica. Todos ofrecen manual de instrucións e o mando a distancia coas súas pilas. Philips e Siemens engaden cable euroconector (imprescindible para conectalos ao televisor) e Axil un pequeno cable de antena. Sanyo ofrece opcións. Rexistráronse considerables diferenzas no tamaño e peso dos receptores (Axil pesaba 1,10 kg e Philips só 350 gr), en calquera caso pouco relevantes para un aparello que permanece no mesmo sitio unha vez instalado.

Mandos a distancia

A TDT trae consigo máis canles e, con iso, un máis que probable incremento do uso do mando a distancia. Pero non todos os sintonizadores tardan o mesmo en pasar dunha canle a outra. Philips precisa 3,53 segundos e Puffins case sete segundos. As probas realizáronse co teclado numérico do mando a distancia, porque os botóns "canle máis" e "canle menos" non precisan tanto tempo.

Os controis remotos tampouco son igual de resistentes. Realizouse un ensaio para simular 100 caídas dende o sofá ao chan. Só sufriron danos Siemens e Puffins: soltáronse as tapas das pilas. Outra das características que distingue un mando a distancia doutro é o ángulo de emisión infravermello. Todos os controis son eficaces se o usuario se sitúa fronte ao decodificador, pero algúns non funcionan dende os lados. Para comprobalo, os controis situáronse a unha distancia de tres metros fronte aos aparellos e desprazáronse lateralmente de modo perpendicular ao decodificador ata que deixaron de funcionar. Siemens foi o que mostrou un menor ángulo de funcionamento (36º, apenas se percorrera lateralmente un metro), mentres que Sanyo foi o mellor, con 68º. Os outros cinco deixaron de funcionar tras un metro e medio de desprazamento lateral (53º).

Comprobouse tamén se a grafía dos mandos é indeleble. Os oito modelos superaron a primeira proba, que consistía en fregar a marcaxe cun pano impregnado con hexano (un disolvente orgánico) durante 15 segundos. Pero só Siemens, Televés e Sanyo soportaron un lixado de cinco segundos. No caso de Puffins as grafías borráronse e no resto de aparellos (Bestbuy, Axil, Philips e Sunstech) detectouse unha pequena perda de ton.

Seguridade e compatibilidade electromagnética

Todos os aparellos analizados superaron as probas eléctricas e comprobouse que eran seguros. Amais de comprobar que estaban construídos de acordo á normativa de seguridade eléctrica, realizáronse dúas probas adicionais. Introducíronse nunha estufa a 70º durante 7 horas e ningún se deformou nin deixou de funcionar. A única excepción foi Bestbuy, xa que a solapa da pantalla se despegou. Tamén se comprobou o quecemento dos equipos en condicións de mala ventilación. Todos os equipos aprobaron, se ben Siemens foi o que máis queceu.

Os decodificadores poden sufrir danos debido a descargas electrostáticas indesexadas (como as que se perciben cando se toca unha superficie metálica cargada de electricidade estática). Para comprobar a súa resposta ante esta eventualidade, aplicáronse unhas corenta descargas en diferentes partes do aparello e todos responderon de xeito correcto. Así e todo, no caso de Sunstech, Philips, Puffins e Axil apareceron alteracións na imaxe que desapareceron rematada a descarga.

Calidade global

Logo de efectuar todas as probas, ponderáronse os resultados para descubrir que sintonizador é o de mellor calidade técnica. O equipo máis caro, Axil, foi o que obtivo a cualificación global máis baixa (6,8 puntos sobre 10). Os outros sete equipos acadaron cualificacións superiores a sete. Televés foi o mellor: obtivo 8,1 puntos.

Os consumidores opinan

 

Pedíuselles a oito usuarios habituais desta clase de dispositivos que usasen cada sintonizador dixital e que puntuasen distintos aspectos do 1 ao 10. Todos os equipos aprobaron, pero con salientables diferenzas. O que máis gustou foi Philips (8,4 sobre 10): o seu uso resultou cómodo e sinxelo e gustaron moito a súa presentación e aspecto exterior. Os consumidores consideraron que Axil era o equipo máis incómodo de usar, o peor equipado, coas instrucións menos claras e coa peor calidade de imaxe. Obtivo a cualificación máis baixa, con 6,9 puntos. Televés (8,1 puntos) destaca pola claridade das instrucións, polo seu equipamento e pola calidade de imaxe. Sanyo só sintonizou vinte canles, cando o resto detectaron 25. Puffins, un dos máis baratos obtivo unha das mellores valoracións por parte dos usuarios: 7,7 puntos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto