Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Ovos de diversos tipos: Frescos e libres de salmonella pero con defectos de calidade

Analizados ovos convencionais, "de curral", omega 3 e de galiñas criadas "en chan". Os de maior tamaño e prezo, os XL, foron os de peor calidade. Defectos de calidade e etiquetaxe, materias pendentes

 Analizáronse 24 paquetes de ovos de categoría A correspondentes a cinco marcas de ámbito nacional. Para o estudo de defectos de calidade estudáronse 60 unidades por cada mostra (un total de 1.440 ovos) e para a análise microbiolóxica de detección de salmonella, 12 unidades por mostra, que fan un total de 288 ovos. Un total de 14 mostras eran convencionais, de elas catro de calibre XL (moi grande), cinco L (grande) e outras cinco M (mediano). Catro eran ovos "de curral", de calibres L e M; cinco eran enriquecidos en Omega-3 de tamaños tamén L e M; e unha era de ovos de galiñas criadas "en chan". O laboratorio non analizou a composición nutricional destas mostras porque non hai diferenzas nos contidos de nutrientes (proteínas, hidratos de carbono, graxa, vitaminas e minerais) entre os diferentes tipos de ovos. Mediuse o contido en ácidos graxos Omega-3 e vitamina E nos ovos que o declaraban. Os ovos que máis respectan o benestar das pitas son os "de curral".

 Nos convencionais, o formato de venda máis común, mais non o único, era unha ducia de ovos, mentres que os ovos Omega 3, os "de curral" e os de galiñas criadas en chan se venden todos en envases de media ducia. Todas as mostras viñas nun paquete de cartón retractilado con base de cartón e con ou sen plástico envolvendo o estoxo. Constátase que canto maior é o calibre dos ovos, maior é o seu prezo: os ovos XL custan de media 0,22 euros cada un, os L saen a 0,14 euros e os M a 0,13 euros. Os "de curral" custan 0,23 euros e os omega-3 unha media de 0,17 euros. A mostra procedente de galiña criada "en chan" custaba 0,19 euros cada ovo.

Sen salmonella, pero mal etiquetados e con defectos

Ningún dos 288 ovos analizados en laboratorio deu positivo en salmonella, polo que o seu estado hixiénico-sanitario foi satisfactorio.

Trátase dun gran resultado, do que debe felicitarse todo o sector. Pero non todo foi tan positivo: máis da metade das mostras (o 54%) incumpre a norma de etiquetaxe, e o problema é compartido por igual en todos os tipos de ovos. E houbo dúas mostras, os ovos de tamaño L de Coren e os de tamaño M de Matines, que presentaron unha proporción de ovos con marcado ilexible superior ao admitido pola norma, que é o 20%. Só os de Cantos Blancos lucían unha etiquetaxe conforme á norma en todas as mostras. Tampouco pode interpretarse como satisfactorio que o 70% das mostras presentasen máis defectos de calidade do admitido. Polo menos, moi poucos ovos estaban rotos (a que en maior cantidade os tiña rotos quedaba no 3% de ovos rotos). Os defectos máis comúns foron lixo, féndoas na casca e a cámara de aire superior a 6 milímetros (falta de frescura). Os ovos normais con maior proporción de defectos (50% das unidades) foron precisamente os máis caros: XL de Matines, que custaban 0,26 euros cada ovo. Estes defectos déronse case por igual entre os diversos tipos de ovo: os convencionais presentaron unha media de defectuosos do 24%, os "de curral" do 23% e os Omega 3 quedaron nun 18%. En todos os tipos de ovo os valores medios foron superiores ao máximo admitido pola norma (14% de unidades con defectos). En resumo, etiquetaxe e calidade seguen a ser a materia pendente dos ovos en España.

Ben frescos

Outro dato positivo: as probas de frescura dos 24 paquetes de ovos depararon resultados satisfactorios. Aínda que os houbo con cámara de aire superior a 6 mm (criterio de defecto de frescura), os valores medios deste parámetro e doutros utilizados na proba, indican que a frescura de todas as mostras era satisfactoria. Destacaron en frescura tres de Cantos Blancos (convencionais L e M e galiñas criadas "en chan"), unha de Pitas-Pitas (convencionais M) e os "de curral" de Matines.

O sistema de cría das galiñas (gaiolas, "de curral", "en chan") practicamente non inflúe na calidade comercial dos ovos. Pero o tamaño si, e decisivamente: canto maior é o seu calibre, menor é a calidade do ovo. No tamaño XL presentaron defectos de calidade o 37% das mostras, no L o 23% e no M o 15%. Débese a que o tamaño do ovo aumenta conforme o fai a idade da galiña poñedora e a que canto maior é o ovo, a casca é máis fina e fráxil e menos illante.

Por marcas, destacaron pola súa maior proporción de ovos con defectos de calidade Matines (30%), Pitas-Pitas e mais El Aldeano (25%) e Dagu (23%). Cantos Blancos (12%) sobresae xusto polo contrario. Coren, cun 18%, queda nun posto intermedio, pero supera o 14% que dita a norma como máximo. Das catro mostras de Cantos Blancos, dúas (M e "en chan") cumpren a norma e as outras dúas superaban o admitido pero por pouco: 15% de defectos nos L convencionais e 17% nos Omega 3.

Doutra parte, a norma admite que ata un 10% dos ovos dun envase teñan un peso inferior ao que lle corresponde ao seu calibre. Catro das 24 mostras incumprían esta norma, pero as dúas que o facían en maior grao (Pitas e Coren) tiñan un erro de etiquetaxe: eran "de curral" tamaño L e vendíanse como convencionais XL.

Omega 3 e vitamina E

A análise revela que os ovos enriquecidos na graxa saudable Omega-3 conteñen unha cantidade apropiada desta graxa, que mesmo se comprobou superior á declarada nas súas etiquetas. Esa é, por certo, a súa única diferenza respecto dos ovos convencionais. O xeito máis sinxelo e económico de incorporar Omega-3 ao noso organismo é comer peixe azul. Os ovos enriquecidos teñen cinco veces menos Omega-3 ca o atún e dez veces menos ca o salmón. E as dúas mostras de ovo que declaran vitamina E (ambas as dúas eran ovos Omega 3) están enriquecidas nesta vitamina: contéñena en cantidade dez veces maior ca os non enriquecidos.

Mellor relación calidade-prezo

A mellor relación calidade-prezo son os ovos normais de calibre M de Cantos Blancos: os máis baratos, figuran entre os máis frescos, son os de menos defectos de calidade e están ben etiquetados, tanto a embalaxe como o propio ovo. Entre os "de curral", destaca Matines; e nos omega-3, Pita-Pitas.

Ovos: fonte inesgotable de preguntas

Son mellores os ovos grandes?

Ao contrario: os ovos, canto máis grandes, peor calidade. Canto maior é o seu calibre, menor é a calidade do ovo. No tamaño XL presentaron defectos de calidade o 37% das mostras, no L, o 23% e no M o 15%. Débese a que o tamaño do ovo aumenta conforme o fai a idade da galiña poñedora e a que canto maior é o ovo a casca é máis fina e fráxil e menos illante.

Son mellores os ovos con xema máis avermellada?

A cor da xema, máis avermellada ou máis pálida, nada ten que ver coa calidade comercial do ovo nin co seu sabor. Esta cor é facilmente manipulable polo produtor mediante unha suplementación con pigmentos carotenoides que se lle engade ao penso das galiñas poñedoras.

Realmente son tan nutritivos?

Si, teñen un gran valor nutritivo que aínda é máis valioso pola súa moderada achega enerxética, 150 calorías cada cen gramos. Están indicados os ovos mesmo en dietas de control de peso. Para un neno ou persoa de complexión media é saudable un consumo de tres a catro ovos á semana; un individuo corpulento ou fisicamente moi activo pode consumir ata seis ou sete ovos por semana. O ovo é o alimento con proteínas (13% do seu contido) de maior valor biolóxico, máis completas aínda ca as da carne, porque contén en proporción óptima os oito aminoácidos esenciais. As graxas representan o 10%, e saturada só o é o seu 32% polo que o seu perfil lipídico é saudable. O ovo achega tamén diversas vitaminas liposolubles. A súa vitamina D é moi valiosa cando se seguen dietas baixas en graxas. O ovo é interesante tamén polo seu contido en minerais, sobre todo fósforo, sodio, potasio e cinc, amais do selenio, bo antioxidante. O ovo achega tamén antioxidantes como lutena e zeaxantina, que protexen a parte central da retina e do cristalino da acción oxidante da luz; ambos os dous nutrientes están implicados na prevención da dexeneración macular senil, causa de perda de vista na terceira idade. O ovo é unha fonte valiosa de colina, vinculada ao bo funcionamento do fígado.

Teñen moito colesterol os ovos?

Si, pero os alimentos con alto contido de colesterol non inflúen tanto como se pensaba na elevación do colesterol plasmático total. De feito, no control da hipercolesterolemia hai factores máis importantes ca o colesterol dos alimentos, sobre todo a proporción entre ácidos graxos saturados e trans (os menos saudables) e os poliinsaturados (saudables). E este perfil lipídico é saudable no ovo. Ademais, tamén ten lecitina, que axuda a manter en suspensión o colesterol en sangue, impedindo que se deposite na parede das arterias. Polo tanto, aínda que quen teña hipercolesterolemia debe moderar o seu consumo, non está xustificado eliminalos da dieta.

Nenos con alerxia ao ovo

O ovo é o alimento máis alerxénico en nenos de 1 a 2 anos. A quen sofre esta alerxia non lle abonda con evitar o consumo do alimento, xa que o ovo e mais os seus compoñentes son moi utilizados na elaboración doutros produtos, o que dificulta o seguimento dunha dieta sen ovo. O prognóstico, así e todo, é bo: os máis dos nenos afectados acaban tolerando o ovo cando superan os dous ou tres anos.

Por que hai ovos omega 3?

Porque ante a mala sona que durante anos tivo o consumo de ovos polo seu elevado contido en colesterol, a tecnoloxía alimentaria desenvolveu a técnica de modificar o perfil de graxas do ovo aumentando a súa concentración de ácidos graxos omega 3, recoñecidos pola súa contribución positiva na saúde cardiovascular. Conséguese modificando a composición dos pensos das galiñas mesturándoos con aceites de peixes, algas ou sementes de liño, fonte natural da graxa omega 3.

A cor do ovo ten algo que ver coa súa calidade?

A cor da casca (branca ou morena), depende da raza da galiña e nada ten que ver coa súa calidade nin co seu sabor.

Benestar das galiñas?

Unha galiña feliz é a que goza de liberdade para peteirar polo chan, facer exercicio, arranxar as plumas, darse baños de terra, subir a un pau cando se sente ameazada e construír un niño no que depositar os seus ovos. Son condutas, todas elas, negadas ás galiñas criadas en gaiolas, as que poñen a inmensa maioría dos ovos que o mercado lle ofrece hoxe ao consumidor; a excepción represéntana os ovos "de curral". No sistema de cría en gaiolas non acondicionadas (quedará prohibido no 2012), as galiñas dispoñen de polo menos 550 centímetros cadrados de superficie por ave (menos do que ocupa un folio). Nas gaiolas acondicionadas, a superficie mínima por galiña é semellante, só 600 centímetros cadrados. As galiñas criadas en chan están en naves nas que a densidade non superará a de nove galiñas por metro cadrado, uns 1.100 centímetros cadrados por galiña, o dobre ca as criadas en gaiolas. E as de curral, as máis afortunadas de todo o sistema produtivo, deben ter acceso de xeito ininterrompido e durante todo o día a un espazo ao aire libre, se ben os produtores poden restrinxir este acceso durante un período limitado polas mañás. A densidade máxima destes espazos ao aire será dunha galiña por cada 4 metros cadrados, é dicir, correspóndelles 67 veces máis espazo ca ás galiñas criadas en gaiolas e 36 veces máis ca ás "criadas en chan". Optar pola compra de ovos "de curral" equivale, polo tanto, a favorecer o benestar das galiñas poñedoras. Esta elección esíxelle ao consumidor un compromiso, medible en esforzo económico: como é lóxico, os ovos "de curral" son máis caros, aÌnda que se cadra non tanto como se podería supor. Os "de curral" (sempre son de tamaño L ou M) custan, de media, 0,23 euros cada un, só un céntimo máis ca os ovos máis grandes de cría en gaiolas, os XL, e catro céntimos máis ca os de "chan"; iso si, son moito máis caros ca os convencionais L e M, que custan 0,14 e 0,13 euros, respectivamente. Agora ben, a composición nutricional dos ovos "de curral" é idéntica á dos convencionais. O seu valor engadido non é nutritivo, senón cultural e ecolóxico: a súa cría ten máis en conta o benestar das galiñas.

Os ovos frixidos engordan moito e son pouco dixestivos

 A dixestibilidade do ovo depende da tolerancia individual e do xeito de cociñalos. Cocido é máis dixestivo ca frixido. O ovo frixido contén algo máis de graxa, aínda que non tanto como se coida, porque a súa capacidade para absorber o aceite é limitada e independente da cantidade de aceite empregada na frixidura. Estímase que un ovo frixido ben escorrido achega só 35 calorías máis que de se consumir cocido.

Crus alimentan máis

Non é certo. Os ovos crus (desaconsellables, xa que de teren salmonella -que se inactiva coa calor- poderían causar unha infección alimentaria) non son tan nutritivos como se cría. A proteína do ovo precisa a acción da calor para coagular e poder ser dixerida e aproveitada polo noso organismo.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto