Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
O custo mensual vai dos 230 euros aos máis de 1.400. Madrid e Barcelona son as cidades máis caras. As instalacións están limpas e ben equipadas, aínda que a accesibilidade para persoas discapacitadas é deficiente
As residencias universitarias e os colexios maiores non están ao alcance nin de todos os universitarios, nin de todos os petos. Un bo expediente académico, unha entrevista persoal e a posibilidade de poder desembolsar cada mes unha media que rolda os 600 euros marcan os límites. A estes requisitos súmaselle a ausencia dalgún tipo de discapacidade, xa que a accesibilidade para persoas con problemas de mobilidade ou cegas é, non sendo contadas excepcións, deficiente. Así o puido comprobar CONSUMER EROSKI na análise que realizou a 86 residencias e colexios maiores (unha de cada cinco das rexistradas no noso país) de 18 capitais.
Da análise dedúcese, iso si, que a diversidade de prezos é moi ampla e está condicionada pola cidade elixida e polo modelo de aloxamento: o maior custo do estudo, atopado nunha residencia barcelonesa, é de 1.418 euros mensuais por un cuarto individual con baño e pensión completa. Esta cantidade é case sete veces maior ca os 230 euros dunha residencia avaliada en Sevilla, que só dá o dereito a aloxamento, a mensualidade máis económica do estudo.
Visitáronse 86 residencias e colexios maiores en 18 cidades: Alacant, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, Salamanca, San Sebastián, Santiago de Compostela, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. A listaxe inclúe públicas, privadas, concertadas, femininas, masculinas e mixtas. Máis da metade das residencias e colexios maiores estudados eran mixtos, pero aínda perdura a separación de sexos: case o 38% eran só femininas e o 11% masculinas.
Por unha banda, CONSUMER EROSKI solicitoulles información aos directores e responsables de cada centro. Por outra, técnicos desta revista, facéndose pasar por clientes interesados en aloxar nesa residencia a un familiar, visitaron, en xullo deste ano, cada unha das residencias para comprobar sobre o terreo o estado das instalacións e a súa conservación, a limpeza, os servizos ofertados, a accesibilidade, a seguridade e as condicións de admisión ou normas de cada unha delas.
As residencias e os colexios maiores analizados aproban cun pouco satisfactorio 'aceptable' o exame proposto pola revista: as de Murcia e Vitoria logran un 'moi ben'; o 'ben' certifica a valoración das visitadas en Alacant, Bilbao, Córdoba, Málaga e San Sebastián; quedan nun pobre 'aceptable' os centros estudados en Barcelona, Madrid, Granada, Oviedo, Salamanca, Santiago de Compostela, Valencia, Valladolid e Zaragoza. As peores cualificacións do informe recaen nas instalacións observadas en Pamplona e Sevilla, que suspenden cun 'regular'.
Por seccións, as 86 residencias visitadas obteñen valoracións positivas en información, limpeza e servizos que lles ofrecen aos seus residentes (o índice medio é dun 'ben'). Fraquean con todo en medidas de seguridade ante casos de urxencia (apenas un 'aceptable') e suspenden en accesibilidade ('regular'). De feito, menos da metade dos centros estudados dispón de cuartos adaptados para residentes con discapacidade.
O cambio que representa o inicio dunha carreira universitaria agudízase cando implica o abandono por primeira vez do fogar familiar. A busca do aloxamento adecuado na cidade de destino convértese nunha prioridade. As opcións son múltiples: colexios maiores, residencias, pisos, familias ou clubs universitarios. As posibilidades económicas e a primacía da independencia persoal ou a comodidade marcan a decisión final.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI