Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Pagar o dobre non protexe máis: Cascos de bicicleta para nenos e adolescentes

Os cascos infantís e xuvenís analizados responderon ás probas de seguridade con nota: protexen máis do que están obrigados

 Levar casco cando se circula en bicicleta por vías interurbanas non é unha opción, esíxeo o código de circulación. A norma só se pode obviar en ramplas ascendentes moi prolongadas, en caso de calor extrema ou se o ciclista acredita razóns médicas. Resulta que o casco é unha das poucas medidas de seguridade pasiva que teñen ao seu dispor os ciclistas para minimizar os danos nunha caída. Non son poucos os usuarios que aducen unha suposta incomodidade para incumprir o código da circulación e non poñelo, a pesar das melloras incorporadas polos cascos anatómicos actuais. Se o uso do casco na idade adulta é importante, a súa colocación durante a infancia e adolescencia é simplemente esencial. Estas idades son clave para inculcar a importancia de pedalear sempre protexidos e para resgardar a cabeza dos que menos adoitan ver o perigo.

Analizáronse oito cascos de ciclista, catro deles para nenos e nenas (destinados a protexer cabezas de 46 cm a 54 cm de circunferencia) e outros catro, algo máis grandes, para adolescentes (para cabezas de 50 cm a 61 cm de perímetro), que custan desde os 18 euros de Ked Joker ata os 39 euros de Met Formula. A mellor relación calidade-prezo dos cascos infantís analizados é Catlike Tiger, e nos cascos para adolescentes Bell cognito B095Y. Os dous son dos máis baratos da súa categoría, superan as probas de impacto, o seu sistema de retención é axeitado e son os únicos que cumpren todas as esixencias de marcaxe e información ao consumidor a que obriga a norma.

O estándar EN1078 define como debe ser un casco. Entre outras cuestións, especifica que debe ser duradeiro, de peso reducido, ben ventilado, fácil de quitar e poñer, debe permitir o seu uso con lentes e non interferir na capacidade de oír o ruído do tráfico. Tamén debe ofrecer un ángulo de visión de polo menos 105º á esquerda e á dereita, un ángulo de 25º cara arriba e de 40º cara abaixo. Todos os cascos superaban estes requirimentos mínimos. Tamén se comprobou que as cintas que suxeitan o casco por debaixo do queixo (coñecidas tecnicamente como barboqueixos) teñen un mínimo de 15 milímetros de ancho, que os sistemas de suxeición están firmemente unidos ao casco e que se desabrochan con facilidade. A norma prohibe usar a cor verde para calquera parte do sistema de suxeición, e recomenda a cor vermella ou laranxa. Porén, todos obvian esta recomendación e son dunha cor neutra: negros.

Diferentes talles

O casco que se pode axustar ata un talle máis pequeno é Ked Meggy, que serve ata para unha cabeza de 46 cm de circunferencia. Xiro e Met son os que alcanzan un talle maior: poden ser utilizados por aqueles ciclistas cun perímetro de cabeza ata 61 cm. Pero, máis que a extremos, é conveniente que estes cascos poidan axustarse á cabeza dun neno ao longo do seu crecemento para non ter que cambiar de casco cada poucos anos. Fronte ao dun adulto, un casco infantil, ou mesmo un para adolescentes, debe permitir que se regulen diferentes tamaños para que lle siga servindo ao usuario a medida que medre. Met, Xiro e Bell, con sete centímetros de diferenza entre o talle máximo e mínimo son os máis adaptables. Spiuk e Catlike só ofrecen 4 centímetros de diferenza entre o talle máximo e o mínimo.

Os cascos de bici non deben supoñer unha carga para o ciclista. Entre os infantís, o máis livián é Ked Meggy (191,5 g) e o máis pesado Spiuk (221,5 g) e nos xuvenís, Ked Joker (232 g) foi o máis lixeiro e Bell (285,5 g) o de máis peso. A norma obrígaos a indicar o peso na súa etiquetaxe. Todos o amosan, pero algúns non de forma adecuada: Catlike afirma pesar unicamente 199 gramos, pero realmente pesa un 22% máis. Máis curioso é o caso de Ked, que na súa referencia infantil afirma pesar un 20% máis do que realmente pesa e no seu modelo xuvenil un 17% máis.

Absorción de impactos

Os cascos deben demostrar realmente a súa eficacia na absorción de impactos. Para poñelos a proba colocáronse sobre a cabeza dun manequín, que se deixaba caer sobre unha zafra plana que simulaba o chan (chocaban a 16,5 km/h) e sobre outro angular que simulaba un bordo (19,5 km/h). As probas realizáronse por duplicado, nun ambiente moi caloroso (a 50 ºC) e outro xeado (-20 ºC). Un acelerómetro dentro da cabeza do manequín medía a intensidade da freada. A norma fixa unha freada máxima de 250 gravidades (g), isto é, 250 veces a aceleración da gravidade. Os oito cascos aprobaron con nota: demostraron valores moi inferiores ao máximo.

Cada casco lanzouse catro veces para descubrir canto protexían (contra o bordo e o chan tanto a 50 ºC coma a -20 ºC). Os cascos infantís analizados protexen peor ca os xuvenís (137 g de media dos primeiros fronte a 122 g dos segundos). O mellor infantil foi Spiuk (118 g) e os que menos protexían Mickey (149 g) e Catlike (148 g). Entre os dirixidos a adolescentes, Ked (105 g) freaba o impacto con maior suavidade e Xiro (134 g) demostrou un peor comportamento.

Proba por proba, a 50º C o casco que mellor protexe fronte aos impactos contra un bordo é Ked Joker (65 g) e o peor Mickey, con 129 g. Nos impactos contra o chan tamén en ambiente caloroso, Bell (127 g) foi o que mellor freaba a caída, e o que menos protexía Catlike (189 g). En ambiente xeado, na proba contra o bordo, Bell (91 g) e Spiuk (92 g) foron os mellores, fronte a Mickey, que volveu ser o peor (142 g). Tamén a -20 ºC, pero contra o chan, Ked Joker (102 g) obtivo o mellor resultado, e Catlike (178 g) o peor.

Sistemas de retención

Non serve para nada un casco resistente se o seu sistema de retención non impide que saia disparado no momento do impacto. Para verificar a súa eficacia, colocouse e axustouse o casco sobre a cabeza do manequín. A proba consiste en facer forza cara arriba para intentar sacar o casco. Todos os sistemas de suxeición soportaron a acometida e non se soltaron. Noutra proba tirouse cara abaixo dos estribos de barboqueixo (as correas que suxeitan o casco) cun peso de 4 quilos. Mediuse así o que chegan a estirar as cintas durante a caída (extensión dinámica, non debe ser superior a 35 mm), e vólvese a medir dous minutos despois (extensión estática, o máximo admitido son 25 mm). Os oito estaban por baixo destes valores e, o máis importante, no momento de maior tensión tamén era posible abrir os enganches.

Mal a maioría das etiquetaxes

O ámbito en que máis fallaron os cascos foi a etiquetaxe. A norma é moi estrita e obriga a incluír oito lendas de seguridade que deben acompañar o casco durante toda a súa vida e sete frases máis con recomendacións e advertencias sobre a súa escolla, colocación e uso, así como sobre a efectividade real destes sistemas de protección que non evitan completamente as lesións en caso de forte impacto. Só Catlike e Bell ofreceron todas as advertencias en castelán, como é preceptivo. Os demais, ou ben non incluían algunha das lendas ou estaban escritas noutros idiomas.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto