Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Adopcións internacionais: A clave, os intereses do neno

A nova Lei de adopción internacional protexe os dereitos do menor e regula un proceso que afrontan 6.000 familias cada ano en España

  Nos últimos dez anos España púxose á cabeza en adopcións internacionais, só por baixo dos Estados Unidos; tramítanse unhas 6.000 adopcións internacionais ao ano, a razón de 12,3 por cada 100.000 habitantes. O baixo número de menores nacionais en adopción levou aos futuros pais adoptivos a acudir aos países do Leste, a China e a Suramérica para afrontar un longo e esixente proceso cunha meta: satisfaceren o seu desexo de crear ou aumentar unha familia. A súa regulación renovouse en datas recentes coa aprobación da Lei 54-2007 do 28 de decembro de adopción internacional, deseñada para preservar e protexer o interese e os dereitos dos menores. A norma establece as garantías para asegurar, ante todo, o interese superior do neno e o respecto aos seus dereitos. Do mesmo xeito, pretende evitar e previr a subtracción, a venda ou o tráfico de nenos, e asegurar a non discriminación do menor por razón de nacemento, nacionalidade, raza, sexo, deficiencia ou enfermidade, relixión, lingua, cultura, opinión ou calquera outra circunstancia persoal, familiar ou social. A mesma norma prohibe iniciar a tramitación da adopción dun menor nun país en conflito bélico ou inmerso nun desastre natural e cando non se dean as garantías axeitadas.

Calquera persoa pode adoptar un neno?

Os adoptantes deben reunir aptitudes, capacidades, motivacións axeitadas e condicións económicas e de saúde que os fagan "idóneos" para exercer a patria potestade e para asumir as súas responsabilidades.

Poden adoptar as persoas sen parella?

As persoas soas, as que están en parella e as casadas que sexan maiores de 25 anos, poden ser potenciais pais adoptivos en España, pero deberán cumprir os requisitos esixidos nos países de orixe do neno. China permítelles adoptar aos homes solteiros, viúvos ou divorciados cun mínimo de corenta anos de diferenza co menor. En Rusia e Brasil non poñen, en principio, inconvenientes para que un home ou unha muller sen parella procedan á adopción. Pola contra, en países como Bulgaria, Guatemala, Hungría, India, Kazakhistán, Madagascar, Moldavia e Nepal só se lles permite a adopción a matrimonios e a mulleres soas.

Cal é o primeiro paso?

A adopción é un proceso legal con algunhas variacións en función da comunidade autónoma onde resida a persoa interesada. Como primeiro paso hai que se dirixir á autoridade competente en materia de familia e do menor da propia comunidade e solicitar información.

Para iniciar un expediente de adopción internacional, débese cubrir unha solicitude acompañada de documentos de empadroamento, IRPF, certificados médicos, antecedentes penais, etc. Despois haberá que valorar se se reúnen os requisitos de idoneidade, xa que sen declaración de idoneidade o proceso non é viable.

Que é a declaración de idoneidade?

  É unha valoración psicosocial das circunstancias persoais, familiares e relacionais dos solicitantes e da súa capacidade para establecer vínculos estables e seguros, e para atender o menor. Unha vez obtida a declaración de idoneidade, envíase o expediente á autoridade local do país elixido. Alí iníciase o expediente de adopción e as súas autoridades acordarán, ou non, a entrega en adopción.

Quen se encarga das xestións coas autoridades estranxeiras?

Hai dúas vías. Unha, a través de axencias de intermediación denominadas ECAI (Entidades Colaboradoras de Adopción Internacional). Tras asinar un contrato e achegar ao expediente os documentos esixidos polo país do menor, a ECAI encárgase da súa tradución e legalización para que sexa considerada válida e veraz no país de destino. A ECAI presenta o expediente a través do seu representante no país ante as súas autoridades competentes, á espera de que lle asigne a familia a un menor.

A outra vía, a través da Administración, require que a xestión da documentación requirida polo país elixido, a súa tradución e legalización, se realice por conta dos solicitantes. Completado o expediente, o habitual é que se envíe ao país a través do Ministerio de Asuntos Sociais.

Que sucede despois?

O seguinte paso é o da preasignación, proceso polo cal as autoridades do país do menor elixen os solicitantes máis axeitados para atender cada neno. Tamén se concretará a viaxe que hai que realizar para ultimar os trámites necesarios e constituír, se finalmente é o caso, a adopción e recoller o neno.

Constituída a adopción ante a autoridade estranxeira, e en caso que a adopción sexa plena, o adoptante español debe dirixirse á Sección Consular da Embaixada ou ao Consulado español para que se inscriba o nacemento do menor adoptado e o cónsul poida expedir un pasaporte para que o menor poida entrar en España como nacional español. Ao mes seguinte remitirase ao rexistro civil central un duplicado da devandita inscrición de nacemento.

En que axudan as Entidades Colaboradoras de Adopción Internacional (ECAI)?

Interveñen mediante a posta en contacto dos solicitantes coas autoridades do país de orixe do menor e prestan a asistencia suficiente para que a adopción se poida levar a cabo. As funcións que deben realizar son as seguintes:

  1. Información e asesoramento
  2. Intervención na tramitación de expedientes de adopción ante as autoridades competentes, tanto españolas como estranxeiras.
  3. Asesoramento e apoio nos trámites que deben realizar en España e nos países de orixe dos menores.
  4. Intervir na tramitación e realizar as xestións correspondentes para o cumprimento das obrigas postadoptivas establecidas para os adoptantes na lexislación do país de orixe do menor.

Só poden ser acreditadas como ECAI as entidades sen ánimo de lucro inscritas no rexistro correspondente que teñan como finalidade nos seus estatutos a protección de menores, que dispoñan dos medios materiais e equipos pluridisciplinares necesarios e que estean dirixidas e administradas por persoas cualificadas pola súa integridade moral, a súa formación e a súa experiencia no ámbito da adopción internacional.

Como se establece a relación coa ECAI?

Formalízase un contrato previamente validado pola Administración e referido de xeito exclusivo ás funcións de intermediación para a tramitación da solicitude de adopción.

Cal é o custo?

As ECAI actúan sen ánimo de lucro, pero hai que pagar os gastos das súas xestións de intermediación, sen esquecer o custo dos traslados e de estancia.

É posible adoptar un neno acollido en vacacións por motivos médicos e de saúde?

A tramitación de solicitudes para a adopción dun menor estranxeiro que fose acollido en programas humanitarios de estancia temporal por motivo de vacacións, estudos ou tratamento médico esixe que ese acollemento finalizara conforme ás condicións para as que foi constituído e que o menor, no seu país de orixe, participe en programas de adopción regulados para iso.

Pode o adoptado esixir no futuro coñecer as súas orixes?

Cando alcanza a maioría de idade ou mesmo antes, a persoa adoptada, se actúa representado polos seus pais, ten dereito a coñecer os datos que sobre as súas orixes obren en poder das entidades públicas españolas, sen prexuízo das limitacións que puidesen derivarse da lexislación do seu país de orixe. Este dereito farase efectivo co asesoramento, axuda e mediación dos servizos especializados da entidade pública de protección de menores ou organizacións autorizadas para tal fin.

Cal é a novidade máis salientable da lei?

Destaca o establecemento de requisitos específicos para a conversión das "adopcións simples" estranxeiras en "adopcións plenas".

Que é unha adopción simple?

  É unha figura descoñecida no noso Dereito que se asimila ao acollemento. Por adopción simple ou menos plena enténdese aquela na que non hai ruptura dos vínculos persoais, familiares e xurídicos entre o neno e os pais biolóxicos. Con frecuencia, é revogable.

En xeral, non se equipara plenamente en canto aos seus efectos e réxime de dereitos e obrigas coa filiación natural e adoptiva plena. Segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, é o caso da "adopción ordinaria" da República Dominicana, da adopción simple da República do Salvador, da adopción prevista no dereito de México, da adopción simple do dereito paraguaio, da adopción do dereito brasileiro, da adopción simple do dereito de Guatemala, da adopción do dereito libanés e da adopción simple arxentina. Tamén admiten adopcións simples Francia, Mónaco, Portugal, Bulgaria e Polonia.

A adopción simple constituída en país estranxeiro non pode inscribirse nos rexistros españois. Ata a redacción da nova Lei podíase converter a adopción simple en plena no país estranxeiro onde se constituíu, sempre que a súa propia lexislación o consentise. Non obstante, a nova lei permite a conversión practicada en España pola autoridade española en determinados supostos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto