Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

10 balóns de fútbol

Un dos máis baratos é case tan bo como o da Eurocopa. Sete cumpren coas especificacións da FIFA, pero só un o indica

  Se houbo un regalo polo que deveceron milleiros de nenos, ese foi un balón "de regulamento". Pero, que características ten un balón para ser "de regulamento"? O que a lexislación esixe nestes balóns é o mesmo que o que reclama en calquera outro artigo deportivo. Por iso, para realizar este comparativo utilizáronse as normas da FIFA, organización privada que rexe o destino do fútbol e que define como debe ser un balón para que se poida empregar nunha competición internacional oficial ao aire libre.

A FIFA sinala tres niveis de certificación para lle conceder a súa marca a un produto: FIFA Approved ("Aprobado pola FIFA", o máis esixente), FIFA Inspected ("Inspeccionado pola FIFA", algo máis laxo) e IMS (que son as siglas inglesas de "Balón Internacional Estándar"). As dúas primeiras requiren que o fabricante do balón lle pague unha cota á FIFA, mentres que a terceira pode lucila calquera balón que supere os mesmos criterios técnicos de FIFA Inspected, sen que medie ningunha relación coa entidade reguladora, é dicir, sen que o fabricante pague polo selo. Queda en mans da empresa comprobar que o seu produto realmente cumpre co estándar.

Analizáronse dez balóns de fútbol de tamaño 5 (o "oficial"), que custan dende os 12,50 euros de Umbro ata os 30 euros de Astore. Entre eles están o Adidas Europass Replique (24 euros, que se vende como idéntico ao utilizado na Eurocopa que vén de acabar) e Nike LFP 2007-2008, o empregado na última Liga española de fútbol (ao non ser competición internacional non está obrigado a aterse ao establecido pola FIFA). O único dos utilizados que lucía un distintivo FIFA era o de Adidas: FIFA Inspected. Nesta análise todos os balóns se mediron segundo a norma do Balón Internacional Estándar. As normas da Liga española son máis laxas ca as da FIFA. Só definen o material ("coiro ou similar"), a forma ("esférica", sen indicar canto) e o tamaño e peso.

Sorprende que o diámetro calculado en Nike, o balón oficial da Liga, non chega ao mínimo, aínda que só por dous milímetros (67,8 cm fronte a 68 cm).

A mellor relación calidade-prezo é Puma Big Cat II, de 13 euros, un dos máis baratos, e que cumpre coas máximas especificacións da FIFA, salvo pola lonxitude da súa circunferencia, un milímetro inferior ao establecido (unha diferenza pouco relevante). Outra opción interesante é o balón de Adidas, o único que cumpre estritamente coas máximas especificacións da FIFA: non só leva o selo FIFA Inspected, senón que cumpre cos requisitos superiores de FIFA Approved. Polo tanto, podería ser utilizado en competicións internacionais oficiais. É o único dos analizados que encaixa de modo rigoroso na definición de balón "de regulamento", se ben Diadora e Puma non o son por un par de milímetros de circunferencia, desviación pouco significativa. Mikasa FT-5 é unha boa opción para os que xogan decote sobre terreos mollados ou con lama: é case impermeable.

Tamaño e peso

  O peso dos dez balóns estaba comprendido entre o máximo e mínimo que fixa a norma. O máis pesado foi o de Nike (436,7 g), seguido de Astore (436,1 g). O balón máis lixeiro foi o de Joma (421,8 g). No tocante á súa circunferencia, debe estar comprendida entre os 68 cm e os 70 cm. Tres balóns quedaron por baixo: Matt (67,5 cm), Umbro (67,7 cm) e Nike (67,8 cm), se ben a marxe de erro da técnica non permite asegurar que suspenden esta proba.

As culturas mesoamericanas foron as primeiras en xogar con pelotas que rebotaban, xa que as confeccionaban con caucho e látex. Na actualidade, a precisión no rebote dun balón é un dato esencial para descubrir a súa calidade, xa que un xogador ten que poder anticipar o bote que dará a pelota no seu corpo (peito, cabeza, coxas...) ou no chan. As probas fanse a 5 ºC e a 20 ºC para simular diferentes condicións ambientais que poden alterar o comportamento do produto. Os balóns déixanse caer dende dous metros sobre unha lámina de aceiro e mídese ata onde rebotan: para seren aptos en competicións oficial deben ascender entre 115 cm e 165 cm na proba a 20 ºC e por riba dos 110 cm na proba a 5 ºC. O rebote non só debe ser elevado, senón tamén uniforme: cada balón lánzase dez veces e a diferenza entre o maior e menor rebote non debe superar os dez centímetros. Todos os balóns aprobaron: o que deu un rebote maior foi Diadora (147 cm a 20 ºC e 138 cm a 5 ºC), mentres que Umbro (123 cm e 113 cm) e Softee (128 cm e 121 cm) obtiveron os resultados máis discretos.

Absorción de auga

Un balón mollado rebota menos e é máis complicado de xutar, sobre todo se se lle quere dar efecto. Para comprobalo, simúlase o que acontece nun campo de fútbol húmido: colócase o balón nun recipiente cunha cantidade determinada de auga e sométese a ciclos de compresión. A proba faise sobre tres balóns de cada modelo: cada un deles non debe absorber máis do 20% do seu peso en auga, e a media das tres unidades non debe superar o 15%. Os dez situáronse moi por baixo destes valores: Nike (5,6%) e Diadora (5,3%) foron os modelos que máis auga absorbían. Mikasa demostrou un excelente comportamento: só absorbe o 0,2% do seu peso en auga.

Un balón debe chegar ao minuto 90 sen dar síntomas de fraqueza, e preparado para a prórroga e ata para os penaltis. Comprobouse se perdían aire nun período de tempo e cunha actividade similar. De ser así non responderían con uniformidade aos diferentes toques e tanto os pases longos como os cruzamentos profundos resultarían case imposibles. Infláronse todos os balóns a unha presión de un bar e deixáronse en repouso durante tres días, tras o que se comprobou a súa presión. Non deben perder máis do 25% da presión: Softee (21%), Matt (20%), e Adidas (19%) obtiveron os resultados máis discretos. Joma e Nike perderon só o 7% da súa presión.

Calidade global

Adidas é o único balón analizado que cumpre coa normativa máis estrita da FIFA en todas as probas realizadas, pero non o indica na súa etiqueta (di que é de FIFA Inspected, de calidade inferior). Puma e Diadora superaron as esixencias para este mesmo estándar, salvo por un par de irrelevantes milímetros na circunferencia. Mikasa, Softee, Astore e Joma non chegan á máxima calidade, pero cumpren coa norma menos esixente IMS, se ben non o indican. Nike e Matt (os dous rozan o límite de diámetro mínimo requirido) e, sobre todo, Umbro (amais de pequeno falla pola súa esfericidade) non alcanzan o estándar IMS.

Non son completamente redondos?

Un dos criterios que definen a calidade dun balón é a esfericidade, é dicir, canto de perfecta é a esfera. Pola súa propia natureza e polo proceso de fabricación, un balón non pode ser redondo de todo, pero a súa forma débese achegar o máximo posible a unha esfera ideal.

Só un balón cunha esfera perfecta permite que o xogador poida demostrar as súas virtudes. Canto máis se achegue a esfera á perfección, maior será o equilibrio do balón durante a súa traxectoria e máis preciso e previsible o seu percorrido.

Para determinar a esfericidade dun balón ínchase e mídese o seu diámetro en 16 puntos diferentes para calcular o diámetro medio. Despois, calcúlase a diferenza entre o diámetro máximo e o mínimo. O número que se obtén é a diferenza en porcentaxe entre o diámetro máximo e mínimo sobre o diámetro medio. Aos balóns oficiais para as competicións da FIFA esíxeselles que non superen o 2%. Umbro, cun 2,2%, non é o redondo abondo. Matt (2%) e Joma (1,9%) amosaron valores de esfericidade aceptables, pero elevados. As esferas máis perfectas foron as de Astore (1,3% de esfericidade) e Diadora (1,3%).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto