Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Zumes de laranxa envasados

Os de laranxas espremidas custan o dobre pero saben mellor. Aínda que son máis naturais e saben mellor, os de laranxas espremidas son nutricionalmente similares aos que proceden de concentrado

 Leváronse ao laboratorio e ao panel de cata catro mostras de zume a base de concentrado que se conservan a temperatura ambiente (Juver, Don Simón, Kasfruit e Zumosol) e tres de zume de laranxas espremidas (Tropicana, Pascual e Don Simón) que esixen refrixeración. O formato máis común foi o dun litro; Juver (2 litros) e Pascual (0,75 litros) foron as excepcións. Os zumes de concentrado comercialízanse en tetra-brik, mentres que dous dos de laranxas espremidas se venden en botella de plástico e un (Tropicana) en tetra-brik. Os de laranxas espremidas custaron de media 2,06 euros por litro, máis do dobre ca os de concentrado (0,80 euros por litro).

En que se diferencian

O que distingue a estes dous tipos de zume non é a súa composición nutritiva (ambos os dous achegan pouca enerxía, unhas 50 calorías cada cen gramos, e bastante azucre e vitamina C), senón o seu sabor e olor, amais do seu prezo. Pero o que crea as diferenzas é como se producen uns e outros. Para fabricar un zume de concentrado, pártese dun concentrado de zume que se obtén por evaporación de boa parte da auga do zume de laranxa e que posteriormente se refrixera ou conxela. Xa despois, reconstitúese o produto engadíndolle ao concentrado a auga necesaria. A lexislación permite que nesta reconstitución se engadan substancias aromatizantes e vitaminas que proveñan do concentrado do propio zume de froita ou doutro zume de froitas da mesma especie. E admítese a adición de azucre ata un máximo de 15 gramos por litro. O concentrado pode proceder de varios países, e mesmo obterse mesturando concentrados de laranxa de distintas procedencias. Os zumes concentrados deben indicar na súa etiqueta "zume a base de concentrado" ou unha expresión similar.

O zume de laranxas espremidas utiliza como materia prima o propio zume, e non recorre a concentrados nin se somete a evaporación ningunha.

 Dependendo do tratamento térmico ao que foron sometidos, ambos os dous tipos de zumes poden ser refrixerados ou ambiente (non requiren frío). Os refrixerados só sufriron pasteurización, polo que se deben conservar no frigorífico ata o seu consumo. Os ambiente recibiron un tratamento térmico máis intenso, UHT, que garante a súa esterilización (ausencia de microorganismos) e logra que o envase non requira frío. Polo tanto, "refrixerado" non é sinónimo de "zume de laranxas espremidas", xa que hai zumes de concentrado que son refrixerados. O zume refrixerado debe permanecer no frigorífico, mentres que o ambiente só debe facelo así que se abre o envase. Deste xeito, manteñen as súas propiedades nutritivas e calidades gustativas entre 2 e 6 días despois de abertos.

A achega de enerxía dun zume de laranxa non é elevada, e non difire dun a outro tipo de zume: unhas 50 calorías cada cen mililitros, equivalente ao dunha laranxa grande de 200 gramos. Estas calorías veñen determinadas polo contido de azucres da froita espremida ou, de ser o caso, do azucre engadido. Os zumes conteñen de media un 10% de azucres (glicosa, frutosa e sacarosa), mentres que proteínas e graxas non representan nin sequera o 1% do zume. O 89% restante é auga, coas súas vitaminas e minerais.

A análise

Para avaliar a calidade dos 7 zumes, amais da normativa vixente, tomouse como referencia a guía de recomendacións da AIJN (asociación industrial de zumes e néctares), que se ten como código de boas prácticas de fabricación. Entre outros parámetros, determináronse graos Brix (indican a cantidade de zume: mide sólidos solubles), pH, acidez, perfil de azucres, oligosacáridos e minerais, índice de formol (relacionado coa madureza da froita), cantidade e tipos de aromas e o contido en vitamina C.

 Os resultados obtidos nestes indicadores permiten tamén a detección de fraudes: emprego de zumes de froitas máis baratas, adición de azucre sen declarar ou por riba do máximo, e emprego de aromas artificiais ou non provenientes da laranxa. A maioría das análises depararon resultados semellantes entre as 7 mostras e conformes ao ditado pola lexislación. As diferenzas máis relevantes víronse no contido de vitamina C e no de aromas propios da laranxa.

Tamén se estudou a información ofrecida nas etiquetas. Os sete incumprían a normativa de etiquetaxe. Un dos incumprimentos máis importantes foi o de Juver: a pesar de que a análise demostrou que contiña unha cantidade satisfactoria de vitamina C (44 mg/100 ml, co que cumpre a norma, que obriga a un mínimo de 20 mg/l), declaraba só 9 mg/100 ml. Catro zumes facían alegacións nutricionais non admitidas e outros utilizaban expresións incorrectas. A maior irregularidade foi a de Zumosol, "zume de laranxa a base de concentrado", que contiña tamén zume de mandarina (comprobouse con técnicas xenéticas e perfil de carotenoides), o que está prohibido pola norma.

E a vitamina C?

A vitamina C atópase de modo natural no zume de laranxa, pero permíteselle á industria engadir ácido ascórbico (E-300) para compensar a perda desta vitamina no tratamento térmico. O éxito comercial destes zumes débese en boa medida á súa grande achega de vitamina C, nutriente esencial de efecto antioxidante.

Todos os zumes a base de concentrado informan da adición de vitamina C, mentres que nos zumes directos toda a vitamina C a conteñen de modo natural. Entre os de concentrado, Zumosol (82 mg/100 ml) e Don Simón (79 mg/l) son os de máis vitamina C, mentres que Juver (44 mg/100 ml) foi o de menos. Nos zumes directos, Pascual (67 mg/100 ml) foi o que máis vitamina C tiña, e Tropicana (25 mg/100 ml), o de menos. Cen mililitros de zume de laranxa acabada de espremer proporcionan uns 50 mg de vitamina C e unha laranxa de 150 gramos, uns 78 mg.

Cantidade de aromas e adición de azucre, indicadores de calidade

En ningún zume se detectaron aromas artificiais, co que se demostra que os aromas engadidos aos zumes de concentrado son naturais. Nada di a normativa nin a guía AIJN sobre a cantidade de aromas esixible a un zume, pero percibíronse grandes diferenzas: a concentración de aromas de Don Simón a base de concentrado (26 ppm) foi catro veces menor ca a media dos zumes directos (111 ppm), e en dous dos outros tres zumes de concentrado (Kasfruit: 37 ppm, e Juver: 38 ppm) tamén foi moi inferior. A de Zumosol (74 ppm) tamén foi menor, pero achegábase máis á dos zumes directos. E se se pon o foco de atención no limoneno, aroma característico e maioritario do zume de laranxa, as diferenzas tamén son notables: nos de concentrado, a cantidade media de limoneno (36 ppm) foi moi inferior á dos zumes directos (88 ppm). O aroma é un dos compoñentes máis caros dos que se suman ao zume, e se cadra iso explica estas diferenzas.

Os zumes de laranxa conteñen de modo natural 0,17 mg/100 ml de vitamina E. Kasfruit é o único dos zumes analizados que engade vitamina E: ten 2,8 mg/100 ml, polo que un vaso de 200 ml deste zume representa máis da metade da CDR (cantidade diaria recomendada) de vitamina E, que é 10 mg.

A fabricación dos zumes produce perda de azucres das laranxas, polo que se lle permite á industria a adición de azucre se non se superan os 15 gramos de azucre engadido por cada litro de zume e se declara na etiqueta. A adición de azucre axuda a imitar a composición do zume e o seu característico sabor doce. Pero esta adición de azucre tamén pode servir para corrixir a excesiva acidez do zume, para ocultar o emprego de zume doutras froitas ou para abaratar o custo do produto incorporando máis azucre e menos concentrado de zume. Os resultados dalgunhas análises (isotópicos, perfil de azucres e oligosacáridos) serven para detectar a adición de azucre. Don Simón a base de concentrado foi o único que engadía azucre, e informaba axeitadamente diso.

Zume de mandarina

Mediante técnicas xenéticas e perfil de carotenoides, descubriuse en Zumosol a presenza (non cuantificable: a técnica non o permite) de zume de mandarina, non permitida pola norma.

Por outra banda, a posible adición excesiva de auga poderíase detectar cos resultados do perfil de minerais (cantidade de fósforo, magnesio, potasio e calcio) e o extracto libre de azucre, pero nas 7 mostras os valores foron correctos, polo que ningunha engadía demasiada auga. Zumosol de concentrado presentou un particular problema, a súa cantidade excesiva de sodio: 91 mg/l, cando o máximo aconsellado pola AIJN é 30 mg/l.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto