Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Aproveitamento por quenda de bens inmobles: Compartir pode saír moi caro

A vivenda que se comparte pero non se merca é unha alternativa á adquisición dunha segunda residencia, aínda que a súa rendibilidade é dubidosa polos numerosos gastos que hai que afrontar

 Como cada verán moitas familias séntense atraídas polas agresivas ofertas dunha vivenda de aproveitamento por quendas, coñecida antes da súa regulación como multipropiedade. Non obstante, no momento de asinar e de adquirir este tipo de posibilidade vacacional, unha sombra adoita planear por riba das persoas interesadas: e se é unha estafa? O elevado número de denuncias protagonizadas por grupos de compradores enganados convértese nun elemento disuasorio que xera receo e desconfianza. A excepcionalidade desta fórmula radica en que se comparte entre varios compradores e por rigorosa quenda unha mesma vivenda, aínda que na súa configuración xurídica e comercialización esta idea básica é máis complexa. Este sistema permite dispor dun aloxamento para as vacacións asegurado durante un período determinado de tempo ao ano. Este modelo compleméntase coa posibilidade de intercambio que permite variar o lugar de vacacións no tempo e no espazo mediante o abono dunha cantidade ou cota anual e de facer fronte aos gastos de xestión do intercambio, amais dos de mantemento e mobiliario do apartamento. Ante a contratación deste sistema convén facer cálculos e comparar estes gastos cos correspondentes ao arrendamento de tempada e ao aloxamento hoteleiro.

Que merca?

Adquírese o dereito a gozar con carácter exclusivo dun aloxamento amoblado nun período anual concreto, mínimo de sete días, por un prazo que pode variar entre tres anos e cincuenta anos, segundo se pacte no contrato.

Non merca unha parte do apartamento?

Non exactamente. O réxime posterior á Lei de aproveitamento por quenda do ano 1998 implica a adquisición dun dereito a gozar e a usar o apartamento no tempo prefixado. Non se funciona mediante o sistema de cotas de propiedade, senón que hai un dereito real, aínda que limitado, no tempo de duración.

E o réxime anterior á lei, como se xestiona?

  Pode configurarse como un dereito persoal, non real, a usar o apartamento durante un tempo, case como se se fose socio dun club. Pero tamén está vixente un réxime de porcentaxes de propiedade do apartamento. Neste suposto, hai unha comunidade composta por todos os copropietarios. Non hai un propietario único, como nos outros casos.

Canto custa unha semana?

O prezo varía en función do complexo turístico elixido e da zona, pero tamén da semana do ano que se contrate. De xeito orientativo, pódese acordar unha semana durante 50 anos dende 15.000 euros ata 30.000 ou máis.

Ademais, como se inclúen servizos de administración e mantemento do edificio e do complexo turístico, todos os anos haberá que pagar as correspondentes cotas a outra empresa de servizos -gastos de administrador, limpeza, luz, auga, mobiliario, piscinas, zonas verdes, etc.-. E é habitual incluír nos contratos a posibilidade de intercambiar as semanas adquiridas nun apartamento por semanas noutro complexo turístico situado noutro lugar xeográfico, mediante o pagamento dunha cota anual a outra empresa distinta á vendedora.

Pódese financiar este tipo de vivenda?

Si. Convén valorar esta opción e estar moi atento aos distintos tipos de financiamento e ás súas condicións, en especial ás ofertadas polas propias vendedoras. En calquera caso, unha vez asinado o financiamento é posible que o cliente se atope con graves problemas ante o seu desexo de reclamar a resolución do contrato e a devolución do prezo, alegando deficiencias contractuais. De feito, algunhas empresas vendedoras, configuradas como sociedades limitadas unipersoais, créanse e desaparecen nun ano e medio ou dous anos, así que cobraron un número abondo de vendas, momento no que deixan de responder ás reclamacións sen comparecer nin sequera nos Xulgados cando son demandadas. Estas prácticas fan que sexa imposible recuperar os cartos, mentres que o cliente se ve, por outra banda, obrigado a seguir pagando as cotas do crédito.

Para tratar de facer valer os seus dereitos, a miúdo é preciso pasar por un xuízo longo, custoso e sen garantía de resultado. Así e todo, moitos tribunais xa comezan a lle daren a razón ao consumidor e anulan tanto as compras realizadas baixo engano e incumprimento da lei, como os contratos de financiamento vinculados ao contrato de aproveitamento por quenda.

Que motivos permiten resolver o contrato?

Se o contrato non contén ningunha das mencións ou documentos aos que se refire a lei ou no caso de que o comprador non resultase suficientemente informado, este pode resolvelo no prazo de tres meses, a contar dende a data do contrato, sen que se lle poida esixir o pagamento dos gastos.

Que mencións son esas?

No contrato debe figurar a data da súa celebración, os datos da escritura reguladora do réxime, indicando o día do outorgamento, do notario que o autoriza e do número do seu protocolo, así como os datos de inscrición no Rexistro da Propiedade. Tamén a referencia expresa á natureza real ou persoal do dereito transmitido, a descrición precisa do edificio, da súa situación e do aloxamento, co seu inventario de mobiliario e aparellos e con referencia expresa aos seus datos rexistrais e á quenda contratada, onde se inclúan os días e horas. Tamén debe reflectirse no contrato o prezo e a cantidade que lle hai que pagar anualmente á empresa de servizos, así como o seu dereito a renunciar en 10 días dende a sinatura do contrato e a prohibición de pagamentos anticipados tal e como os establece literalmente a lei. Tamén debe aclararse neste documento se se dá ou non a posibilidade de participar en servizos de intercambio das semanas, e, en caso de que se contemple, cómpre expresar os eventuais custos.

Constará tamén o nome ou razón social do propietario e vendedor, cos datos da inscrición no Rexistro Mercantil sempre que se trate de sociedades, os datos do adquirente e da empresa de servizos e a duración do réxime. E, para rematar, o lugar e sinatura do contrato.

Durante cantos anos se pode usar a semana comprada?

Un máximo de 50 anos. O dereito de uso rematará ao paso do tempo pactado. Se desexa abandonar este sistema vacacional con anterioridade ao prazo contratado, debe lembrar que está obrigado a continuar pagando os gastos de mantemento, aínda que é posible, polo menos teoricamente, vender as semanas a un terceiro. En ocasións pódese dar o caso de que a empresa que vendeu ou a empresa administradora do complexo estean interesadas nunha recompra, aínda que seguro que as condicións económicas son desfavorables para o comprador.

Unha persoa acaba de asinar pero non está convencida.

A lei permite desistir da compra sen custo ningún no prazo de dez días. Déase présa. Este dereito debe recollelo o contrato. De non ser así, seguirá vixente porque o outorga a lei.

Cómpre ter en conta:

  • Unha gran porcentaxe de consumidores viviron pesadelos por conta desta fórmula. Coidado cos regalos e con outros " ganchos" comerciais. Non asine ningún documento na primeira presentación do produto nin en lugares moi turísticos.
  •  Ten dereito a botarse atrás durante os dez días seguintes á sinatura do contrato e a lei prohibe facer pagamentos con anterioridade ao transcurso do prazo de desistimento. Xa que logo, non faga entregas a conta no momento de asinar o contrato, nin asine financiamentos ou letras. Se pagou e exerce o desistimento, ten dereito á devolución duplicada.
  • Se o contrato non inclúe os datos que por lei debe reflectir pode resolver o contrato no prazo de tres meses sen que se lle poida esixir o pagamento de gasto ningún.
  • Se se acusa unha falta de veracidade na información poderase instar a acción de nulidade do contrato con devolución de todo o pagado.
  • Antes de mercar teña en conta estes gastos: o prezo dos dereitos que adquire, a cota anual por servizos de administración e de mantemento, o gasto que corresponda por acceso a intercambios, o IVE e, se escritura, honorarios notariais e do Rexistro da Propiedade e impostos.
  • Antes de asinar, negocie co vendedor un pacto de revenda. Para redactar esta cláusula e incluila no contrato, asesórese na OMIC ou cun avogado. Permitiralle vender o comprado se non queda satisfeito desta formula vacacional.
  • Gastar 20.000 ou 30.000 euros sen coñecer nin ver o que merca? É importante o asesoramento legal previo á sinatura e coñecer o apartamento ou complexo turístico in situ antes de decidirse. Non hai présa ningunha, aínda que lla intenten meter.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto