Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Aínda que se dispón de medidas para minimizar o risco dos bañistas, practicamente non se promoven estudos que aclaren as causas da invasión de medusas e que permitan combater o fenómeno con garantías
Quen sementa ventos, recolle tempestades... ou medusas. Os danos causados ao medio, tarde ou cedo, pasan factura, e estes urticantes animais levan xa uns anos invadindo, cada vez con maior frecuencia, as praias do noso litoral. No Mediterráneo, un mar requecido polo cambio climático e sen os seus depredadores naturais, esquilmados pola sobrepesca, a proliferación destes invertebrados é cada vez maior. As praias contan con diversas medidas que tratan de minimizar o risco dos bañistas, pero os científicos láianse da falta de medios para investigar este problema e poder atopar solucións.
O ano pasado, decenas de milleiros de persoas experimentaron o urticante contacto das medusas, sobre todo na costa mediterránea, aínda que convén lembrar que o Cantábrico, máis frío e en principio menos propicio para estes seres, tampouco se atopa de todo a salvo. Para este verán os científicos non se atreven a adiantar previsións. Dende o Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona (ICM-CSIC) insisten en que se trata dun fenómeno impredicible debido á falta de información, aínda que o máis probable é que as maiores concentracións se produzan onde se viron ata agora con maior regularidade.
As medusas estanse a multiplicar non só no Mediterráneo, senón en todos os océanos do mundo. A sobrepesca, é dicir, a explotación abusiva dos recursos pesqueiros, perfílase como unha das principais causas, amais do aumento de nutrientes na auga do mar ou do quecemento progresivo da auga debido ao cambio climático. O caso das medusas é un claro exemplo de desequilibrio ecolóxico a nivel mundial causado polo ser humano: sen inimigos naturais, con comida abundante e cunha temperatura idónea, o seu crecemento é imparable. No Centro de Estudos avanzados de Blanes, tamén do CSIC, aseguran que aínda non chegou o peor e que este non será o único problema ao que se deberá enfrontar o Mediterráneo. Por exemplo, no 2006, oitenta persoas foron hospitalizadas en Xénova por respiraren aire do mar cargado de toxinas producidas por unha alga microscópica.
Por fortuna, a maioría das medusas que chegan ás costas españolas non son moi daniñas. Non obstante, os científicos sinalaron que o aumento das temperaturas podería favorecer a chegada de especies máis perigosas, como a "carabela portuguesa", procedente de África. Non obstante, nestes momentos é imposible que se produza unha "sopa de medusas" que se espalle por todo o Mediterráneo, como se interpretou de modo erróneo. Estes animais concéntranse en áreas delimitadas, aínda que nalgúns casos ocupan algúns quilómetros de extensión, e son desprazadas polas correntes cara á costa. Tan só en áreas pechadas, como o Mar Menor, podería producirse este fenómeno.
A experiencia de anos anteriores levou as institucións a desenvolveren diversas medidas capaces de minimizar o risco dos bañistas. Por exemplo, disponse de sistemas destinados á prevención, recolleita e extracción de medusas en zonas moi próximas ás praias, ao seu tratamento como residuo orgánico, ao uso de medidas sanitarias inmediatas despois das picaduras para diminuír o seu efecto, etc. Estas accións permiten gozar das praias, asumindo que hai un mínimo risco que se pode afrontar con garantías.
Non obstante, o seu éxito é desigual. Por exemplo, a recollida con embarcacións fóra dos 100 metros da liña de praia só resultou efectiva en contadas ocasións e cunha elevada concentración de medusas. E con respecto ao uso de redes fixas, reteñen as medusas, pero tamén as rompen, os seus tentáculos chegan á praia e causan picaduras.
Ademais, a validez dos sistemas de contención ou extracción é moi limitada, porque actúan a moi pequena escala. Por iso, os científicos salientan que a auténtica solución pasa por erradicar as causas, algo que non se consegue a curto prazo. O problema é que na actualidade apenas se inviste en proxectos de investigación, polo que se descoñece aínda a dimensión desta situación: cantas medusas hai, como medran e se multiplican, onde se concentran, etc.
Os síntomas máis comúns dunha picadura de medusa son unha dor e comechón inmediata, ardor, inflamación, arrubiamento e mesmo sangrado. É moi importante saír da auga; lavarse con auga salgada (nunca doce, xa que podería romper as células urticantes), non rabuñar nin fregar a pel con area ou toallas; sacar os restos de tentáculos se son aínda evidentes e aplicarse un choque de frío mediante unha bolsa de plástico chea de xeo durante uns quince minutos. Non é aconsellable aplicar outras substancias como o amoníaco, que irrita a pel. Se o estado da vítima empeora pasada media hora, cómpre acudir o máis axiña posible a un centro sanitario.
É importante lembrar que se trata dunha ferida que hai que coidar para que non se infecte. Unha aplicación dun antiséptico como a tintura de iodo e unha cobertura mediante vendas axuda a que cicatrice a ferida.
As medusas son invertebrados que, xunto ás corais, as gorgonias e as anémonas, pertencen ao grupo dos cnidarios (do grego knidé, estruga). Coñécense máis de 8.000 especies diferentes, das cales 1.000 poden resultar tóxicas para o ser humano. Algunhas delas poden ser mesmo letais, como a "avespa australiana", que causa máis mortes nas antípodas ca as quenllas. O seu aspecto transparente débese á súa composición (un 95% de auga), o que lles serve de camuflaxe.
As medusas son carnívoras (aliméntanse de plancto e de pequenos crustáceos e peixes de reducido tamaño) e teñen un papel básico nas cadeas tróficas mariñas (redes alimenticias). Para capturar o seu alimento e tamén como defensa utilizan as súas células urticantes, que conteñen un filamento envelenado. Ao rozar a súa superficie, os filamentos crávanse na vítima inxectando o veleno.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI