Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

O comportamento impulsivo: O impulso da reflexión

O comportamento impulsivo carrexa máis prexuízos ca vantaxes, polo que a reflexión é unha alternativa aconsellable

 Atopámonos no medio dun inmenso atoamento con interminables colas e atrasos. Dende o noso automóbil observamos os demais condutores e vemos que algúns o afrontan con tranquilidade. Outros, polo contra, expresan con espaventos a súa tensión, berran coma tolos, tocan a bucina de maneira compulsiva ou mudan de carril unha e outra vez nun van intento de saír do atranco. Que determina que uns agarden e os outros se desesperen? A impulsividade.

As persoas impulsivas sofren unha alta tensión emocional ante situacións cotiás como a descrita e o seu nivel de tolerancia é menor respecto ao resto da poboación. No canto de reflexionar, pasan de maneira inmediata á acción, mesmo cando son capaces de prever algún prexuízo contra si mesmos ou contra os demais. Por iso dise que alguén se comporta de xeito impulsivo cando responde ou actúa sen reflexión nin prudencia, deixándose levar pola impresión do momento.

A cólera

Este comportamento é aínda máis esaxerado cando a situación se vive como unha provocación. A emoción que emerxe daquela é a cólera e o suxeito impulsivo tende a actuar con agresividade. Aínda que pode obter beneficios a moi curto prazo (un cambio da situación, certa sensación de control e a diminución da tensión fisiolóxica tras o arrebato), esta inadecuada expresión de sentimentos negativos materialízase en consecuencias moi daniñas a medio e longo prazo: sentimento de culpa polos danos causados, baixa autoestima por non ser capaz de autocontrolarse, perda de confianza do contorno (coa etiqueta de 'agresivo e problemático' para sempre) e potenciais problemas legais.

Segundo o psicólogo Raymond W. Novaco hai catro clases esenciais de provocación que poden desencadear a nosa indignación e propiciar unha reacción impulsiva. Todas elas se poden ilustrar cunha morea de exemplos:

  • A frustración. Por exemplo, tras obter un suspenso ou despois dun plantón.
  • Sucesos irritantes, como extraviar un documento importante, non poder durmir a causa do ruído ou estar atrapado nunha retención de tráfico.
  • Sentirse provocado por un comentario irónico dun compañeiro de traballo ou por un coche que nos adianta pola dereita na autoestrada.
  • A falta de corrección da parella que relata un aspecto privado da relación nunha cea de amigos ou a suposta inxustiza dunha multa.

A angustia

Moi diferente á reacción impulsiva das persoas coléricas é a da maioría de nenos, adolescentes e adultos con Trastorno por Déficit de Atención con ou sen Hiperactividade (TDA-H). Cando se enfrontan a un problema ante o que fracasaron antes, a dolorosa emoción que aparece é a angustia. Ante a súa conciencia de ser 'incapaces' de abordar o problema con éxito, intentan reducir o tempo de incerteza e precipítanse na súa proposta de solución. É a impaciencia a que retroalimenta o problema: se non hai reflexión, a posibilidade de errar aumenta e, con ela, a conciencia de incapacidade que dispara a angustia e leva a responder ante ela de maneira impulsiva. As consecuencias negativas da súa impulsividade céntranse na continua perda de autoestima e na inxusta imaxe social que xera: a pesar de ser individuos con capacidades en xeral superiores á media, a súa dificultade para estruturar a información, aplicar métodos de resolución e darse tempo para todo iso, lévaos a parecer menos capaces ca os demais.

Impulsividade funcional

Un terceiro grupo de suxeitos 'impulsivos' compóñeno aqueles que manifestan unha impulsividade funcional. A súa característica principal é que só toman decisións rápidas e non meditadas naqueles casos en que facelo deste xeito lles achega algún tipo de beneficio. É característico en persoas creativas (dedicadas á arte, ao deporte ou aos negocios) e seguras de si mesmas, que asumen certo nivel de risco e cun alto nivel de actividade e de audacia.

Para rematar, e no extremo oposto, están aqueles suxeitos nos que a impulsividade agresiva se converteu nunha reacción incontrolable, e con factores estresantes que non xustifican a intensidade da súa violencia ou dos danos que poden causar a terceiros. A estes suxeitos, incapaces de distinguir as situacións onde a impulsividade é contraproducente, diagnostícaselles un Trastorno Explosivo Intermitente.

Actuar ou non actuar

Fronte ás persoas reflexivas, as impulsivas amosan menor ansiedade por cometer erros (porque non se dan tempo para analizar e prever) e todas as súas accións están orientadas cara ao éxito rápido máis que cara a evitar o fracaso. É evidente que o seu rendemento é baixo e amosan menor motivación por tarefas que implican unha aprendizaxe. O feito de que ante situacións similares reaccionen co mesmo patrón de resposta suxire que automatizaron as súas reaccións, o que impide o desenvolvemento de tres pasos básicos no proceso de toma de decisións, en especial cando se enfrontan a situacións percibidas como perigosas e se acelera o factor tempo:

  • A determinación de obxectivos razoables á situación, as necesidades e capacidades do suxeito.
  • A creación de estratexias e accións para resolver os problemas.
  • A autoobservación da súa propia conduta e dos resultados para a mellora en próximas ocasións.

Identificar para previr

Segundo E.D. Copeland e V.L. Love (1995) hai que atender aos seguintes indicadores para determinar que un suxeito pode ter problemas no control dos seus impulsos -sempre que experimenten máis de catro- cando:

  • Busca experiencias excitantes e arriscadas.
  • Amosa unha baixa tolerancia á frustración e ao aburrimento.
  • Actúa antes de pensar con independencia da situación-problema.
  • É desorganizado e case nunca planifica actividades.
  • É moi esquecedizo e/ou chega tarde por falta de previsión.
  • Cambia dunha actividade a outra con moita frecuencia.
  • Se amosa incapaz de gardar a súa quenda para falar naquelas situacións grupais nas que se precisa paciencia.
  • Require de moita supervisión para evitar problemas.
  • Ten problemas por actuar de xeito inapropiado.
  • É moi creativo, aínda que moitas das súas propostas son esbozos que requiren ser pulidos.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto