Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Ana María Vigara, investigadora da linguaxe xuvenil: "Os mozos nunca escribiron nin se comunicaron máis ca agora"

 O catastrofismo é unha tendencia que xera numerosas adhesións, máis cando se aborda o binomio xuventude e linguaxe. Os garantes da pulcritude rachan as vestiduras ante o xeito en que os adolescentes perpetran, máis que falan, a lingua. Agora ben, este non é o caso de Ana María Vigara, unha das poucas investigadoras que estudou o fenómeno comunicativo nos adolescentes. As súas impresións son distintas e distantes da corrente predominante. Avoga, con optimismo e con feitos, por fuxir de prexuízos e de predicións apocalípticas, e resalta que "os mozos nunca escribiron nin se comunicaron máis ca agora".

A linguaxe dos mozos mola mazo?

A min si, pero non a todos os adultos lles mola mazo porque probablemente non entendan case nada. Pero eu non creo que os mozos de agora falen así para que non os entendan os pais. Eles falan así porque así é como precisan falar, como se relacionan con outros mozos. Non quere dicir que todos usen as mesmas palabras nin as mesmas expresións. Os procedementos de linguaxe propia, non obstante, si son moi similares.

Cales son eses procedementos?

Dentro da súa xerga paralela, un dos trazos lingüísticos máis salientables é o desenvolvemento de sinónimos e substitutos léxicos, en especial nos campos que son do seu especial interese: o lecer, o ligue, o sexo, a bebida, os xuízos de valor, o trato con outras persoas. Outra característica esencial é a creación de sufixos peculiares. Eles teñen sufixos moi curiosos, como '-eto', '-eta': novieta, bareto, camarata, segurata, broncata, ordenata...todo iso considérase típico xuvenil. ''Vaia careto que traes hoxe''...Hai outros caracteristicamente lúdicos: 'estar de soliplás', por 'estar só'; 'qué peich', por 'que pasa''...; 'vou de marchuqui', 'bacaluti', 'dabuti'....Non é que pretendan ser nin máis listos nin que non se lles entenda...O que pretenden é gozar usando a súa linguaxe cos seus iguais. Outro procedemento é a deformación característica das palabras. Por exemplo, ao can pódenlle chamar 'porro', aos travestis 'travelos', o 'sensen' é o sen sentido, 'qué paisa' no canto de que pasa, os gominolos, os corbatos, te joribias...Ademais, alteran e fan derivadas das súas propias palabras, co verbo cantar por exemplo. Unha palabra que provén do mundo do teatro e que de aí deriva cantoso, canteo, mesmo escrito con "k".

Esta linguaxe, utilízana en todos os ámbitos?

Utilízana só con mozos, só cos que senten os seus iguais e polo xeral en situacións non formais de comunicación e case orais. Non obstante, os chat e o Messenger fannos matizar esta afirmación que ata agora era certa.

Os mozos falan diferente, pero falan peor?

O seu estándar lingüístico está menos desenvolvido ca o dos adultos, pero porque son novos. Non teñen a experiencia comunicativa dun adulto nin contaron coa posibilidade de adaptarse a tantas experiencias distintas nin desenvolveron a súa competencia comunicativa. Pero isto é lóxico. Polo tanto, é máis pobre respecto ao adulto? Si, pero con estes importantes matices.

E se a comparamos entre mozos de distintas xeracións?

 Non. A parte da escola é moi importante. Si é verdade que se mantén unha queixa xeneralizada sobre o modo en que progresaron os plans de estudo, de como se deixaron de facer ditados e se primou a aprendizaxe teórica. Iso pode ser certo, e se cadra temos que rectificar. Non o sei. Supoño que os expertos terán que reflexionar sobre iso porque todo o mundo está descontento. Eu teño 52 anos e na miña xeración e nas escolas públicas, que é onde eu estudei, todos faciamos o mesmo: ditados todos os días. Parte do Quixote escribino en ditados porque todos os días me facían un. A realidade na que nos atopamos merece unha reflexión, pero, en contra dos agoireiros, a lingua non vai a pique, a lingua evoluciona. E o que hoxe nos parece moi incorrecto dentro dun tempo pode ser a norma. A lingua está viva e evoluciona, e contra iso non podemos facer nada.

Non se pode, e non se debe, non?

Podemos intentar facer algunhas cousas. Por exemplo eu sempre lles digo aos meus alumnos que se hai algo que non quero deixar de corrixirlles é aquilo que os marca como falantes vulgares.

En que se concreta o concepto de falante vulgar?

Un caso prototípico é no castelán o 'me se', 'me se ha caído'. Ese téñoo que corrixir sempre. Pero hai un que durante moito tempo aparecía nos libros como vulgar e que eu oio en persoas cultas, e escóitoo bastante. Fai referencia á segunda persoa do verbo castelán en pasado, 'fuistes', 'dijistes', 'cantastes' no canto de 'fuches', 'dixeches', 'cantaches'. É probable que este fenómeno acabe triunfando na lingua. E logo hai unha chea de cousas que parecen incorrectas agora e pasadomañá xa son correctas. Eu botei a vida dicíndolles aos meus alumnos que en castelán 'élite' non era 'élite' senón 'elite' cando se escribe, aínda que se pronuncia 'élite'. E xa están admitidas as dúas e agora dáse o caso que en moitos xornais a vemos sen acento.

Como está ao loro do que din a peña, é dicir, como está ao tanto do que falan os mozos?, vai de botellón con eles?

Non, non me convidan. Os mozos están a gusto con outros mozos. Eu estou ao loro porque me interesa. O problema é que os mozos non se dedican a estudar a súa linguaxe, facémolo os adultos e con numerosos prexuízos. Ti o primeiro que les é que a linguaxe dos mozos é moi pobre. Non obstante, desenvolven sinónimos e os seus propios sufixos, intentan adaptarse á maneira de falar dos maiores cando se relacionan con eles...Polo tanto, a linguaxe xuvenil non é pobre.

Por certo, dentro do estudo da linguaxe dos mozos, dedicoulle especial atención á dos nenos ben, á linguaxe dos pijos. É tan supermegaguai como a pintan?

Si, si. O que eu comprobei nos dez meses da miña vida en que me dediquei ao seu estudo é que o dos nenos ben, en contra do prexuízo que temos, é se cadra o grupo xuvenil de vangarda na linguaxe, como o é tamén na roupa. Poñen unha roupa de moda e cando a acabamos utilizando os demais daquela xa cambiaron, e xa están pondo outra de moda. Non sei se é tan supermegaguai, pero é moi interesante.

Algúns tesouros lingüísticos obtidos da linguaxe deste grupo?

Unha das cousas que máis espallou da linguaxe dos nenos ben é o prefixo 'super' e iso si que é verdade que está a contribuír a empobrecer o estándar, porque chega un momento en que non sabemos dicir máis que 'super'. Xa nin sequera se é normal, ése supernormal...Está o 'ou sexa', ti se buscas o 'ou sexa' na linguaxe escrita xornalística verás que desapareceu do mapa, e é un conector interesantísimo para a linguaxe escrita. Identificouse de todo coa linguaxe dos nenos ben e desapareceu do xornalismo.

Non peca de exceso de frivolidade?

Ás veces si, pero calquera linguaxe xuvenil che pode parecer frívola porque é lúdica. O certo é que os nenos ben teñen poucos vulgarismos, o 'que te cagas' é un dos poucos que espallaron. 'O teu é demasiado', 'mólache mogollón', ' dásme un piti?', 'xenial' e 'ideal'...son algúns. Por exemplo, un dille a outro: 'dásme un piti'? e cando llo dá o outro respóndelle: 'fasme feliz', 'salváchesme a vida'. A isto engádense expresións xa moi estendidas dentro de toda a sociedade como 'a finde' (a fin de semana), 'os compis' (os compañeiros)...

Vostede coñece polo miúdo a linguaxe dos mozos. Que pode dicir da dos adultos?

Pódese dicir que a escola se democratizou dende hai ben tempo. Eu son de clase baixa, por exemplo, e eramos poucos os compañeiros de clase baixa, os máis eran persoas de clase media, media-alta. Na actualidade, a inmensa maioría dos pais pode levar os fillos á universidade, os medios de comunicación actúan tamén positivamente no uso da linguaxe... Os adultos de hoxe deberían falar mellor ca os de onte e peor que os de mañá.

Deberiamos ou facémolo?

Eu coido que o facemos mesmo sen querelo e sen sabelo. O temor de que os sms empobrezan a lingua escrita paréceme aínda infundado porque todas as persoas que coñecemos escribiron o seu primeiro sms cando xa sabían que palabras se escribían con 'b', con 'v', que unha cousa é escribir e outra falar e o que fixeron é adaptarse de xeito extraordinario á ferramenta do teléfono móbil, ao manexo dos dedos. Só hai que ver a rapidez para xerar abreviaturas coas que se entenden. Naturalmente, necesitan un contexto, o seu, para entenderse. Pero é un proceso de adaptación que a min me parece extraordinario e moi positivo. De momento estamos a alarmarnos por algo que non aconteceu e que non sabemos se vai acontecer.

Débelles preocupar aos pais o feito de que non entendan cando falan os seus fillos?

A min gustaríame entender o que di o meu fillo, polo menos o básico. Se é moi críptico o que di, debería intentar saber o que está a dicir, do mesmo xeito que quero saber en que páxinas de Internet se mete, gustaríame saber con que amigos sae, se se namora ou non, se é sensible ou non, gustaríame entender o que di o meu fillo. É motivo de alarma? Non necesariamente. Podo non entender nada e que o meu fillo sexa marabilloso. Pero claro, iso incomódanos moito aos adultos.

E como pode sabelo?

Eu daríalles un consello: intenta escoitalo sen prexuízos. Se ao teu fillo lle preguntas, "tanto che custa escribir polo Messenger de xeito que se che entenda?", o fillo respóndeche: "é que se me entende". Os mozos si comprenden o que nós dicimos e nós non entendemos o que din eles, así que o esforzo tócanolo facer a nós. Como? Abrindo os oídos e a mente.

Unha persoa que non le, pode falar de xeito correcto?

Pode facelo, si, pero seguro que de xeito máis limitado respecto dunha persoa que lea máis e que teña maiores experiencias comunicativas.

A lectura é a panacea para enriquecer a competencia comunicativa?

Non sei se é a panacea...Eu coñezo persoas que non len nada, nin xornais sequera, e son felices. Pero se falamos de desenvolvemento da linguaxe, a lectura é moi importante. A lectura engloba aos medios de comunicación.

A linguaxe que se utiliza neles é para botarse a tremer?

Para tanto non, pero cada vez tenden máis a fenómenos que consideran específicos propios e aos que non queren renunciar. Onde máis se nota é na linguaxe deportiva, con termos que non se utilizarían de ningún xeito. Con todo, cando falamos dos problemas dos medios de comunicación, falamos dos problemas da linguaxe escrita. Somos hipersensibles á escritura porque nos permite tomar conciencia do que estamos a ler ou interpretando, o que acontece en moita menor medida cando falamos.

Como cualificaría o nivel medio do dominio da linguaxe dos xornalistas?

Medio. Non é tan alarmante como se adoita dicir. O que si é verdade, e non sei moi ben a razón, é que moitos xornalistas teñen graves problemas coa puntuación, o que dificulta unha boa comunicación co lector, máis mesmo ca unha falta de ortografía.

Internet é unha oportunidade ou unha catástrofe para a lingua?

Internet é unha marabilla. Revolucionou o mundo da comunicación en todos os terreos, tamén no persoal. Se falamos da xente nova, nunca escribiu tanto na súa vida coma agora, só que xa non escriben nin nos mesmos medios, nin do mesmo xeito, nin co mesmo soporte ca antes. Isto é o que hai que aprender a distinguir, que escribir un correo electrónico formal non é o mesmo que facelo cun amigo, que escribir un correo electrónico non é o mesmo ca un Messenger, que escribir un correo electrónico non é o mesmo ca un exame, e que escribir non é o mesmo que falar. Se logramos que iso o teñan claro, como non van dispor de capacidade para adaptarse a iso.

Cos sms tampouco hai motivo de alarma?

Os sms son unha mostra extraordinaria de adaptación dos rapaces a un modo de escritura nun soporte complicado que non coñecían, que lles entusiasmou e que lles sae moi rendible. Se eles distinguen ben que unha cousa é o sms, outra o Messenger, outra o exame e outra un escrito xornalístico, non só non arrastrarán problemas senón que enriquecerán a nosa perspectiva de comunicación. Nunca escribiron nin se comunicaron máis os mozos ca agora.

Vostede escribe sms?

Claro. Non moitos porque se me dan moi mal.

E correctamente?

Uff, non, se non teño o modo de escritura preditiva escríboos abreviados, porque o medio é o que pide. Pero é que ademais hai unha cousa moi importante da que non se adoita falar. Se ti lle mandas un sms a un amigo podes abreviar todo o que che dea a gana con tal de que el o entenda. Pero se ti mandas un sms do tipo: "Concentración na praza maior...para protestar pola suba de...", daquela escríbelo sen abreviaturas. Por que? Porque é imprescindible que esa mensaxe a comprenda todo o mundo e non só o meu amigo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto