Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Canles de EROSKI CONSUMER
O sabor doce é o predilecto de moitas persoas, en particular dos nenos. Pero o exceso do consumo de doces e doutros produtos azucrados é un mal hábito. Supón a achega de calorías extra á dieta que, ao longo dos anos, pode derivar en problemas de saúde crónicos. As necesidades enerxéticas nos nenos pequenos, de entre 5 e 10 anos, roldan as 1.800 calorías. No tocante ao valor enerxético total da dieta, as Inxestións Diarias Recomendadas (IDR) para o azucre sitúanse entre o 10-18%. As cifras tradúcense nun consumo máximo cotián de 340 cal. en alimentos azucrados ou doces por natureza como as froitas, os zumes e o mel, é dicir, uns 85 gramos de azucres (1 gramo de azucre achega 4 cal.). Unha manchea de 50 gramos de larpeiradas, que calquera neno desta idade come con gusto, achega a metade do azucre que necesitaría para todo o día. A isto habería que lle sumar o azucre que se lle engade a alimentos como o leite e iogures, así como o que conteñen outros alimentos como froitas, zumes, mel, marmelada, galletas, cereais, madalenas e chocolate. Tras a revisión de estudos sobre hábitos de alimentación infantil, os expertos aseguran que o consumo de alimentos azucrados manufacturados -cereais, bolería, larpeiradas- entre os nenos pasou de ser excepcional a converterse nun hábito cotián, polo que non é difícil que moitos superen a dose recomendada de azucres, con gran repercusión no seu patrón nutricional e consecuencias negativas para a saúde.
A singular composición nutritiva dos legumes obriga na medida do posible a inventar receitas para que lles gusten aos nenos. Pódese dicir que os legumes reúnen os nutrientes máis saudables: fonte enerxética de hidratos de carbono; boa dose de proteína vexetal que se enriquece se se combina con cereais como o arroz; abundante fibra; variedade inmensa de vitaminas do grupo B e de minerais (fósforo, potasio, magnesio, entre outros) e moi pouca graxa. Trátase polo tanto de alimentos moi completos, difíciles de substituír. Non obstante, hai outros moitos que poden formar parte da dieta do neno que compensen a ausencia de legumes. Por exemplo, o arroz e a pasta son fonte semellante de carbohidratos, pero mellor se son integrais porque así o neno toma máis fibra. As hortalizas, as verduras e as froitas (2-3 froitas diarias e algo de ensalada) achegan parecida variedade de vitaminas e de minerais; e os froitos secos achegan, como os legumes, proteína vexetal, e tamén unha boa dose de enerxía.
Así e todo, o importante é non renderse no intento de incluír os legumes na dieta do neno. Trátase de probar en diferentes días e momentos, e de negociar con el a maneira de comer estes legumes. Se en puré non as come, pode probar a elaborar un paté de garavanzos (chamado hummus). Consiste en mesturar a crema de garavanzos con alliños, limón e coandro, e en untalo en pan torrado de pasas e noces, por exemplo. As albóndegas ou as croquetas de legumes son outra alternativa tentadora. Adoita ser o garavanzo o ingrediente estrela para elaborar estes pratos, e tamén o chícharo, ambos os dous mesturados con arroz para suavizar o seu sabor. As albóndegas perfumadas cunha salsa rubia, con tomate ou con allo e perexil, resultan moi ricas. Tamén pode probar cos legumes a xeito de aperitivo, como garavanzos e fabas secas, mesturadas con froitos secos. Así, o neno pode levar unha manchea para o xantar e a merenda.
Animámolo a ampliar máis información sobre os legumes na Guía CONSUMER EROSKI 'Legumes, cereais e patacas', publicada recentemente.
A intolerancia aos alimentos débese a alteracións metabólicas (diminución ou ausencia de encimas) nos máis dos casos. Estas alteracións, de orixe xenética ou adquiridas cos anos, impiden a dixestión, asimilación e aproveitamento de certas substancias dos alimentos. Os síntomas máis comúns que causan as intolerancias son molestias gástricas como flatulencia, diarrea ou cólico intestinal.
Pola súa banda, a alerxia aos alimentos prodúcese cando o sistema inmune reacciona fronte a unha substancia concreta (alérxeno) que é ben tolerada pola maioría das persoas. O alérxeno é, en esencia, a proteína dun alimento co que a persoa afectada entra en contacto, ben por inxestión ou por simple contacto (cando toca a pel do pexego ou do kiwi, por exemplo). A reacción máis común é a formación de anticorpos IgE (inmunoglobulina E). O proceso que segue este tipo de alerxias é o seguinte: no momento en que se inxire por primeira vez o alimento causante da alerxia, o organismo produce as IgE específicas dirixidas contra algunha proteína dese alimento. No seguinte contacto, os anticorpos reaccionan estimulando a fabricación de histamina. Esta substancia prodúcea o noso corpo en resposta a un dano producido na pel ou nas mucosas, e dá lugar a unha reacción inflamatoria.
As intolerancias máis comúns céntranse na lactosa (azucre do leite) ou no glute (proteína de cereais), mentres que as alerxias son máis diversas. As principais -por seren as de maior incidencia- son a alerxia á caseína (proteína do leite de vaca), ao ovo, ao peixe e ao marisco, aos froitos secos (cacahuete, principalmente), e mesmo a certas froitas (kiwi, plátano ou amorodos).
O tratamento dietético, en calquera caso, baséase na eliminación de alimentos responsables do malestar na dieta. No caso das alerxias, pódese comprobar cos anos a súa tolerancia mediante o consumo de pequenas cantidades dos alimentos comprometidos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI