Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Os refrescos, mellor light: non achegan calorías e saben parecido

A única diferenza significativa entre os refrescos convencionais e os light é que en lugar de azucre conteñen edulcorantes que carecen de calorías. Mesmo na cata obtiveron resultados equiparables aos convencionais

 As bebidas refrescantes máis consumidas comparten, no esencial, unha fórmula ben sinxela: auga carbonatada, "con burbullas", e azucre ou, nos refrescos light ou baixos en calorías, edulcorantes. O que distingue uns refrescos doutros en sabor, cheiro, cor e aparencia é o que se lle engade a esta auga doce: zumes de froita (laranxa, limón...) ou extractos vexetais (cola, quinina...), e mais aditivos moi diversos (conservantes, acidulantes, colorantes).

CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e someteu a cata 17 bebidas refrescantes, entre elas 5 colas (das marcas Coca-Cola e Pepsi), 6 refrescos de laranxa (Kas, Fanta e Schweppes), 3 tónicas (Schweppes e Nordic Mist), dous bitter (ambos os dous, Kas) e unha gasosa (La Casera). Nove mostras son baixas en calorías, xa que substitúen os azucres por edulcorantes con nula achega calorífica.

As versións light custan só un chisco máis ca as azucradas: 1,47 euros o litro de media, fronte a 1,45 das normais. Coca-Cola é un 13% máis cara ca Pepsi e, entre os seis refrescos de laranxa hai pouca diferenza de prezo. Nas tónicas, Nordic Mist (sae a 2 euros o litro) é un 20% máis cara ca a Schweppes normal. O bitter sae a case 2,5 euros o litro.

Nas bebidas con burbullas (sono as 17 analizadas), o gas carbónico ou CO2 (representa entre un mínimo do 0,4% -nos refrescos de laranxa- e un máximo do 0,8% na gasosa) alixeira e suaviza a percepción dos sabores -doce nas colas e refrescos de laranxa, amargo en bitter e tónicas- nas papilas gustativas, de tal xeito que ao final do trago predomina unha sensación fresca e agradable. Ademais, as burbullas potencian os aromas do refresco e a súa acidez. Así e todo, a bebida que mellor e dun modo máis saudable calma a sede é a auga.

Que se mirou na análise

  A única irregularidade importante afectou a Bitter Kas, que non declaraba na etiqueta benzoato sódico na súa lista de ingredientes, cando é un aditivo que a análise descubriu nesta mostra. Pero tamén se anotaron máis incumprimentos de norma: na etiquetaxe de Pepsi light, Tónica Schweppes e Tónica Schweppes light non figura no mesmo campo visual toda a información obrigatoria, e Kas Naranja Light indica a súa composición nutricional de xeito lineal e non en táboa, cando o pode facer ao dispoñer de espazo.

O laboratorio realizou numerosas medicións: volume real fronte ao declarado, cantidade de azucres ou, se é o caso, edulcorantes, graos Brix, CO2, conservantes, colorantes artificiais, o acidulante ácido fosfórico e benceno (un canceríxeno que pode xurdir pola reacción dun conservante coa vitamina C), quinina na tónica, e cafeína nas colas. Os resultados foron dispares pero sempre correctos en tanto que conformes ao establecido pola norma.

Optar polas versións light dos refrescos é intelixente: achegan cero calorías, mentres que os tradicionais conteñen entre as 30 calorías cada cen mililitros do bitter e as 45 de Fanta laranxa e Pepsi. Unha lata de Coca-Cola (33 centílitros de bebida) achega 126 calorías, mentres que unha Zero ou Light da mesma marca achega cero calorías.

O aspartamo E951 e outros edulcorantes destes refrescos (E954 Sacarina, E952 Ácido ciclámico e E950 Acesulfamo), segundo o saber científico actual, non prexudican a nosa saúde; ademais, as cantidades que conteñen estes refrescos (mediuse o aspartamo) son razoables. Para superar a inxestión diaria que as autoridades sanitarias entenden excesiva de aspartamo, un adulto tería que consumir nun día 8 litros do refresco que en maior proporción o contiña.

A cata ou análise sensorial, realizada por 30 consumidoress, fíxose de modo separado, por familia de produto. Coca-Cola e Pepsi Light foron mellor valoradas que Coca-Cola Light e Coca-Cola Zero, mentres que Pepsi normal ocupou unha posición intermedia nas preferencias dos catadores. Nos refrescos de laranxa, os mellores foron Fanta e Schweppes, e os menos apreciados, as versións light destas dúas marcas. As dúas mostras de Kas acadaron valoracións intermedias. Entre os bitter, os dous de Kas, quedou mellor a versión light. E entre as tónicas non se percibiron diferenzas salientables, se ben Schweppes obtivo mellor puntuación ca as outras dúas mostras. A gasosa obtivo unha puntuación mediocre.

Cafeína e quinina

A tónica está composta por auga e gas carbónico ou auga gasificada, azucres ou edulcorantes, aditivos e extracto vexetal de quinina, alcaloide amargo -extráese da codia dunha árbore, o quino- con efectos tonificantes sobre o sistema nervioso. Permítese un máximo de 100 miligramos de quinina por litro, e a análise deu valores de 27 mg/l nas dúas de Schweppes e de 60 mg/litro en Nordic Mist.

A cafeína dos refrescos de cola procede do extracto de noz de cola, froito tropical que a contén de modo natural. A cafeína é unha substancia estimulante que en doses moderadas (non máis de 200 miligramos ao día) favorece o traballo intelectual e a actividade muscular. Cantidades maiores poden provocar ansiedade e insomnio. Nos nenos, os efectos da cafeína son maiores. Nos cinco refrescos de cola, a media foi de 11 miligramos de cafeína cada cen mililitros; o té negro contén o dobre, un refresco enerxético como Red Bull, o triplo; e o café filtrado, sete veces máis.

Rexistráronse diferenzas no contido en cafeína: Coca Cola Light ten 12,2 mg/100 ml e Pepsi Light 11,4 mg/100 ml, mentres que a normal de Coca-Cola e a Zero quedan en 9,3 mg/100 ml e Pepsi normal chega a 10,6 mg/100 ml. Así, Coca-Cola Light ten un 35% máis cafeína ca as outras dúas colas da súa mesma marca. Tamén se comprobou que esta é a única diferenza significativa na fórmula entre os tres refrescos de Coca-Cola non caloríficos (a Ligth e a Zero), excepción feita dalgúns aditivos.

As colas teñen, ademais, ácido fosfórico, aditivo acidulante e antioxidante. A inxestión excesiva de fósforo relaciónase coa descalcificación dos ósos. A cantidade admitida en refrescos é de 700 miligramos por litro. A dos cinco estudados atópase no intervalo de 478-546 mg/l, dentro do permitido.

Zume de laranxa nos refrescos

As bebidas refrescantes de zume de laranxa deben conter un mínimo dun 8% de zume de laranxa a base de concentrado. Non é posible determinar en laboratorio a cantidade de zume nestes refrescos, pero si a de azucre. O zume de laranxa achégalle poucos azucres ao produto: nos refrescos de laranxa light a proporción de azucre é de entre 7 e 8 gramos por litro, cando nos convencionais é de entre 83 e 116 gramos por litro. Un refresco de laranxa achega unhas 42 calorías cada cen mililitros, a mesma ca a do zume de laranxa, pero o zume contén vitaminas e minerais dos que os refrescos carecen.

Conservantes e colorantes

A análise centrouse na busca de colorantes artificiais, os máis controvertidos. Detectáronse catro. Kas laranxa e Kas laranxa light utilizan tartrazina E-102 e Amarelo Ocaso E-110, mentres que Bitter Kas e Bitter Kas light optan por carmoisina E-122 e Ponceau 4R E-124. As cantidades están debaixo do límite establecido, pero en lugar destes colorantes artificiais poderíanse empregar os naturais, como fan as outras mostras analizadas.

Nove dos 17 refrescos engaden conservantes, ácido sórbico (permítese 300 mg/l) e o ácido benzoico (ata 150 mg/l), en todos os casos, en cantidades dentro do establecido pola lexislación.

Os refrescos e a saúde

Acidulantes e ósos. Os "refrescos" de cola conteñen ácido fosfórico. O seu consumo habitual supón unha achega extra de fósforo, cando cantidades elevadas de fósforo teñen efecto desmineralizante dos ósos. O exceso de fósforo relaciónase coa descalcificación dos ósos.

Azucre e carie. A acidez e o alto contido en azucres simples dos refrescos deterioran o esmalte, favorecendo a aparición de carie.

Azucre e obesidade. Beber unha lata de refresco equivale a inxerir tres sobres de azucre, entre 100 e 130 calorías.

Burbullas e aerofaxia. Os refrescos con gas poden producir aerofaxia, acumulación de gases no estómago e no intestino, o que dificulta a dixestión. Mellor os refrescos sen gas.

A cafeína excita. Cantidades superiores a 200 mg/día poden causar ou acentuar a ansiedade e o insomnio. Unha lata de cola contén 30-40 mg de cafeína. Café e té tamén teñen cafeína. En nenos, as doses que non convén superar son menores.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto