Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Astenia primaveral: Os límites dos suplementos vitamínicos

Millóns de persoas en todo o mundo tratan de combater a astenia co consumo xeneralizado de suplementos vitamínicos, aínda que abondaría con seguir unha dieta rica en verduras, cereais e froitas para lle facer fronte

  A primavera non só trae consigo alerxias e asma bronquial, senón que tamén lles supón a moitas persoas a indesexada e constante compañía do cansazo, unha sensación molesta e sen motivo aparente que responde ao nome de astenia. O descanso continuado, que debería ser o mellor remedio, e o máis económico, non serve de moito. Unha alternativa cada vez máis frecuente é o recurso aos suplementos vitamínicos. Así e todo, os últimos estudos realizados sobre os beneficios destas vitaminas non evidencian tales resultados. Pola contra, si revelan que o seu consumo continuado pode ser prexudicial para a saúde. Na maioría dos casos, a dieta equilibrada é a mellor medicina para afrontar a debilidade e o insomnio, propios da astenia.

A astenia máis frecuente é a que aparece sen ningunha causa que a xustifique nas dúas épocas do ano asociadas a cambios de clima máis bruscos, primavera e outono. Sen enfermidade de base asociada, dura unhas semanas e desaparece sen necesidade de tratamento. En opinión dalgúns científicos, os cambios da ionización da atmosfera poderían ser os causantes dun descenso no nivel de endorfinas, as coñecidas en linguaxe coloquial como as hormonas da felicidade. As endorfinas actúan como resposta a estímulos como o exercicio físico e asócianse con sensación de benestar, retardo na percepción de cansazo, aumento do límite da dor e incremento da vitalidade.

Para lle facer fronte á astenia non se deseñou un tratamento eficaz recoñecido. Por iso, a maioría dos afectados adoita recorrer á utilización de vitaminas, tónicos, estimulantes suaves que incorporan carnitina, arxinina, ácido aspártico, citrulina, deanol, ginseng ou hipérico, entre outros compoñentes.

Sempre que a astenia sexa leve (primaveral ou outonal), o máis aconsellable é combatela cunha dieta equilibrada rica en verduras, cereais, e froitas. Comezar o día cun bo almorzo e finalizalo cunha cea lixeira dúas horas antes de deitarse é de grande axuda. Unha boa hidratación e exercicio moderado ao aire libre, así como manter unha actitude positiva e optimista, completa a mellor das receitas. Comprobouse que o bo humor e a risa estimulan a liberación de endorfinas. A pesar de todo, será necesario acudir ao médico se un cadro destas características se intensifica durante máis dun mes.

Pero non só a astenia é causa do consumo xeneralizado de suplementos vitamínicos. Millóns de persoas no mundo desenvolvido toman vitaminas, minerais, encimas, pigmentos vexetais, amais de antioxidantes, con propósitos tan dispares como previr o cancro e a arteriosclerose, a busca dunha maior lonxevidade e saúde, compensar hábitos inadecuados de vida, anular o efecto dos radicais libres, previr o Alzhéimer e outras enfermidades dexenerativas. Estes compostos atópanse a miúdo tanto en preparados farmacolóxicos como, cada vez máis, en produtos alimentarios enriquecidos.

Polo de agora, en España non hai estatísticas fiables que expliquen o volume de consumo de suplementos vitamínicos e minerais. E o número de traballos publicados é moi escaso. Os estudos estiman que, nalgunhas comunidades autónomas, do 9% ao 28% da poboación consume de forma frecuente este tipo de suplementos. Nos Estados Unidos estímase que a súa inxestión afecta do 20% ao 46% da poboación; a media europea sitúase arredor do 20%.

Malia o seu elevado consumo, son moitas as dúbidas razoables sobre o seu beneficio. Das investigacións realizadas, algunhas de pouca evidencia científica, tíranse conclusións demasiado discordantes como para lle dar unha mensaxe clara ao consumidor. O estudo máis rechamante dos realizados ata a data, publicado no 2007 na prestixiosa revista JAMA (Journal of the American Medical Association), formula dúbidas sobre os pretendidos efectos beneficiosos sobre a saúde dunha ampla selección de vitaminas (betacaroteno, vitamina A, C, E e selenio) administradas para previr diferentes enfermidades. Segundo o estudo, os suplementos con betacarotenos e vitaminas A e E organizadas como preventivos asócianse a índices maiores de mortalidade. No caso da vitamina C e do selenio non se demostra ningunha relación.

Dos resultados conclúese que o consumo xeneralizado de suplementos vitamínicos durante longo tempo e sen indicación médica pode chegar a ser prexudicial. Na maioría dos casos, a dieta achega practicamente todos os nutrientes necesarios para o organismo. Só en situacións excepcionais, e por consello médico, está xustificado o uso de suplementos a xeito de vitaminas e minerais.

A Astenia

  Definida como sensación subxectiva de cansazo, debilidade, esgotamento e somnolencia, a astenia vai a miúdo acompañada doutros síntomas como irritabilidade, insomnio, falta de motivación ou apatía. Aínda que dende un punto de vista médico fatiga e debilidade son conceptos diferentes, úsanse como sinónimos de astenia para facer referencia a un estado de cansazo que persiste mesmo en estado de repouso e sen esforzo previo.

Os seus síntomas son moi frecuentes entre a poboación; estímase que case unha terceira parte dos pacientes que acoden aos centros de asistencia primaria a manifestan como un dos signos que os induce a acudir á consulta. Aparece con maior frecuencia en mulleres e na franxa de idade dos 30 aos 40 anos.

Na maioría dos casos, a astenia non ten unha causa clara, se ben poden rexistrarse alteracións endócrinas, metabólicas, infecciosas ou cardíacas que a xustifiquen. Fálase, daquela, de astenia orgánica. De xeito ocasional, a causa desencadeante é psicóxena -astenia psicóxena- e aparece asociada a trastornos depresivos, cadros de ansiedade ou situacións de estrés.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto