Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Pulsómetros dixitais: Hainos moi caros, pero non son mellores

Os oito miden de xeito preciso as pulsacións e ofrecen, amais da frecuencia cardíaca, hora, data, cronómetro e alarma

  Un deportista non sempre inviste idéntico esforzo no mesmo exercicio. Por veces atópase pletórico e noutros casos séntese máis canso. Ademais, a medida que adestra o seu corpo, debe subir as súas metas para esforzarse o mesmo. É nestas circunstancias cando pode ser útil o uso dun pulsómetro: estes pequenos aparellos electrónicos miden a frecuencia cardíaca, o mellor indicador do esforzo que require facer un exercicio.

Canto máis adestrado estea o deportista, precisará exercitarse máis tempo ou máis rápido para que o seu organismo alcance o grao de esforzo desexado. Os pulsómetros son tamén unha ferramenta de seguridade, porque sinalan cando se está a superar a intensidade física aconsellable. Por todo iso, e polo seu baixo prezo, son un aliado para os deportistas afeccionados ou profesionais que practiquen deportes aeróbicos, como saír a correr, o ciclismo ou o tenis. Compóñense dunha banda elástica que se coloca arredor do peito e que transmite sen fíos as pulsacións a un reloxo de pulseira. Hainos mesmo que permiten descargar os datos de cada adestramento ao ordenador para o seu estudo posterior. Non obstante, para esta análise comparativa escolléronse os máis básicos, os que calquera deportista afeccionado debería utilizar.

Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso oito pulsómetros que custan dende os 30 euros de Sigma Sport Coach ata os 100 euros de Beurer PM65. Todos contan cunha banda elástica para o peito que mide as pulsacións e cun reloxo de pulseira que as amosa.

A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Oregon Scientific SE190: é o segundo máis barato (40 euros), supera a maioría das probas, dispón de alarma sonora, indica o consumo de calorías e resiste a auga, as vibracións e a calor húmida. Quen busque un pulsómetro de maior calidade pode optar polo Polar FS2C, algo máis caro (58,30 euros), que é o máis lixeiro, que se pode manexar só con achegar o brazo ao peito (sen apertar ningún botón) e que é o preferido dos usuarios.

Todos exactos

A exactitude no seu labor básico (medir o pulso) comprobouse nun laboratorio de calibración nun abano de medicións dende 36 pulsacións por minuto (ppm) ata 240 ppm. Os oito miden axeitadamente en todos os rangos probados.

Para comprobar a súa estanquidade somerxeuse cada reloxo coa súa banda de peito durante media hora a un metro baixo a auga. Todas as bandas demostraron ser resistentes á auga, pero ao reloxo de Sigma, que di ser resistente á auga ata unha profundidade de tres metros, entroulle auga, quedou en branco e deixou de funcionar. Iso si, unha vez que secou volveu acender. Só Suunto e Beurer (amais do falido Sigma) din ser aptos para o seu uso en natación.

No pulso ou no guiador

Os oito pulsómetros poden levarse atados ao pulso (como un reloxo), pero Sigma e Beurer ofrecen tamén un soporte para colocalo no guiador da bicicleta. Casio e Beurer inclúen unha funda para gardalos. Todos os pulsómetros incorporaban as instrucións de uso, mantemento e limpeza pertinentes, salvo Beurer, que non tiña as instrucións e advertencias de seguridade en castelán, polo que suspende esta proba. No tocante aos documentos de garantía, Casio é a única que non ofrece dous anos de protección (queda nun).

Os reloxos de Beurer e AEG son os máis pesados (superan os 50 gramos), mentres que Polar, con 36 gramos, é o máis livián. Os máis pequenos son Cardio Sport (42 x 48 x 11 mm) e Polar (35 x 53 x 12 mm), mentres que AEG é o máis voluminoso (51 x 63 x 16 mm). O transmisor da banda elástica que se coloca no peito é o que realmente mide as pulsacións; o máis grande é o de AEG (63 x 39 x 15 mm) e o máis pequeno o de Polar (63 x 30 x 11 mm). O transmisor máis lixeiro é o de Suunto (39 g) e o de maior peso o de AEG (54 gramos). O equipo máis lixeiro en conxunto é Polar (77 gramos), fronte aos 104 gramos do máis pesado, AEG.

Funcións

Amais de medir o número de pulsacións por minuto, todos os aparellos analizados ofrecen hora, data, cronómetro e alarma. Tamén rexistran o máximo e mínimo da frecuencia cardíaca e gardan os datos da sesión de adestramento. AEG é o único no que non se pode fixar unha alarma que avise cando se está a superar unha frecuencia máxima ou mínima. Oregon Scientific, Sigma Sport, Beurer, Casio e Suunto calculan cantas calorías se consumiron ao longo da sesión, se ben os expertos consideran que este é un dato aproximado, xa que cada deportista 'queima' un número distinto de calorías ante o mesmo esforzo.

Oregon e Sigma son os únicos que non ofrecen unha luz de fondo que permita ler a pantalla en penumbra. En Polar e AEG non se poden definir as características físicas do deportista (peso, talle, idade...) para que os datos se ofrezan adaptados ao seu perfil. O cambio das diversas funcións realízase mediante botóns situados nos laterais do reloxo, non sendo no caso de Polar, que dispón dun único botón central, e de Cardio Sport, cun botón central e catro botóns laterais.

Polar, ademais, permite alternar entre as funcións cun xesto sinxelo: achegando o reloxo á banda do peito. Sigma e Beurer inclúen unha curiosa e útil función: propóñenlle ao usuario correr unha milla (1.600 metros) para que estes equipos avalíen o seu estado físico.

Os pulsómetros deben cumprir cunha esixente norma de seguridade eléctrica. Cardio Sport e AEG non indican na banda o modelo do equipo. Iso si, todos os pulsómetros están ben construídos e os seus marcados son indelebles. Tamén se comprobou que están correctamente illados fronte a correntes eléctricas perigosas e que están protexidos contra quecementos e fallos por curtocircuíto nas baterías tanto no reloxo como na banda (nun ensaio quentáronse e noutro provocouse un curtocircuíto do que os oito saíron indemnes).

Resistencia

Para calcular o número de caídas que son capaces de resistir, introdúcense nun barril de volteo que xira 50 veces e simula 100 caídas dende medio metro de altura (dúas por cada volta completa). Os oito soportaron as múltiples caídas sen sufrir danos.

Cada reloxo sufriu tamén tres golpes de medio xulio para comprobar se a súa pantalla fendía ou escachaba. Sigma Sport e Cardio Sport aturaron os tres golpes sen danos, Oregon rompeu ao segundo impacto e Casio, Polar, Beurer, AEG e Suunto no primeiro.

Os reloxos sometéronse tamén a un test de vibración a diferentes frecuencias. Beurer (o máis caro) quedou bloqueado e só volveu funcionar tras quitar e volver poñer a pila. No tocante ao seu uso en ámbitos de alta humidade (como o causado pola suoración no deporte) e altas temperaturas (pola propia calor corporal ou polo seu uso en meses estivais), os oito demostraron que se desenvolvían de xeito axeitado.

En canto á súa compatibilidade electromagnética (a protección fronte a descargas como as que pode producir un usuario cargado de electricidade estática cando toca un destes equipos), comprobouse sometendo cada pulsómetro a dez descargas electrostáticas en once puntos de cada equipo. Nalgúns aparellos, como Sigma ou AEG, prodúcense pequenas interferencias que desaparecen ao cabo duns segundos. Non obstante, Cardio Sport deixa de medir as pulsacións tras as descargas, polo que suspende con claridade esta proba da análise comparativa.

Opinan os usuarios

Sete deportistas afeitos a utilizar pulsómetro probaron os oito equipos e valoraron diferentes aspectos do 1 ao 10. Todos aprobaron, pero con diferenzas: os mellores na súa clasificación global foron Polar (8,1 puntos sobre 10), Suunto (8 puntos) e Beurer (7,9 puntos) e os de resultado máis discreto foron Cardio Sport (6,5 puntos) e AEG (6,8 puntos).

Segundo estes usuarios, o manual máis claro é o de Suunto (8,4 puntos) e o máis obtuso o de Cardio Sport (6,7 puntos). Os mesmos resultados se obtiveron cando se lles preguntou polas funcións e botóns do pulsómetro: Suunto, con 8,4 puntos, foi mellor valorado ca Cardio Sport (6,2 puntos). O deseño que máis gustou foi o de Beurer (8,4 puntos) e o que menos o de AEG, que rozou o suspenso con 5,1 puntos sobre 10. No que atinxe ao seu tamaño, Suunto foi o que lles pareceu máis manexable (8,3 puntos) e AEG o máis voluminoso (5,7 puntos), o que coincide coas medicións do laboratorio. E, no tocante á facilidade de uso, Polar acadou a mellor nota (8,6 puntos) e Cardio Sport a peor (6,7 puntos).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto