Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Pan torrado e tosta, integral e normal: O que distingue o integral do normal é a cantidade de fibra

Antes de incorporar os pans torrados á dieta cotiá cómpre ter en conta que a súa composición é distinta á do pan de barra: son máis graxos e máis caloríficos, polo que convén consumilos en menor cantidade

  Pans torrados e tostas considéranse un tipo de pan especial porque incorporan ingredientes (fariñas enriquecidas, azucres, graxas vexetais, aditivos) que os distinguen do pan fresco. Ao igual que o cotián pan de barra, son alimentos enerxéticos pola súa abundancia en hidratos de carbono. Pero teñen máis graxa, máis azucres e achegan máis calorías (cen gramos achegan unhas 350 calorías, fronte ás 240 do pan de barra), se ben ao encheren máis téndese a consumilos en menores cantidades.

A adición de azucres e graxas e mais o proceso de torrado, que fai que o pan perda auga e se concentren os nutrientes enerxéticos, son as razóns que explican esta diferenza. Pans torrados e tostas resultan máis saborosos, e o seu longo período de conservación permite ter pan sempre á man, de aí o seu éxito comercial. Non obstante, para incorporalos á dieta cotiá cómpre ter en conta que a súa composición nutricional é distinta, e non precisamente máis saudable. Tamén distingue a normativa entre pan torrado (pan de barra que se corta en rebandas tras a cocción e se torra con posterioridade) e tostas (pan de molde cortado e torrado despois da cocción).

Analizáronse sete mostras de pan especial, catro deles integrais (Lu, Ortiz, Silueta e Recondo) e tres normais (Lu, Recondo e Ortiz). Agás as dúas de Lu, tostas, son pan torrado; e todos se comercializaban en rebandas, se ben hai dous formatos, o máis común (cinco mostras) foi o de 270 gramos, e o outro, de 120-125 gramos (as dúas tostas). Os prezos son moi distintos, e determínaos non a circunstancia de que o pan sexa ou non integral, senón a súa marca. Os máis caros (ambos os dous, mini-tostas), os de Lu, saen a máis de 8 euros o quilo, e os máis baratos, Recondo, superan en pouco os 5 euros o quilo. Ortiz sae a 5,75 euros o quilo e o pan torrado de Silueta custaba 6,37 euros o quilo.

A primeira conclusión da análise é que se trata dun produto ben elaborado, que cumpre a norma en todo agás na etiquetaxe: detectáronse incumprimentos de norma en tres mostras, referidos á inclusión de alegacións nutricionais dun xeito non admitido pola normativa. As análises de acrilamida (substancia potencialmente canceríxena que pode xurdir no torrado de produtos ricos en hidratos de carbono, como o pan), transxénicos (non se detectaron en ningunha mostra ingredientes modificados xeneticamente) e microbiolóxica (calidade hixiénico-sanitaria) deron en todos os casos resultados satisfactorios.

Outra constatación foi que a diferenza máis significativa entre as mostras integrais e as que non o son é a cantidade de fibra, se ben mesmo as normais contiñan bastante fibra (entre o 4,2% e o 5,7%). As integrais, entre o 13,5% de Ortiz e o 7,5% de Lu.

A cantidade de sal que se consume é considerada hoxe como elemento estratéxico na saúde pública, pola súa relación directa coa hipertensión. Nesta análise, as dúas mostras de Ortiz (1,8% e 1,7% de sal) conteñen moito sal. A de Silueta integral ten o 1,6%, mentres que as demais quedan arredor do 1% de sal. Considérase que un alimento é demasiado salgado cando supera o 1,8% deste ingrediente. O pan de barra ten un 1,5% de sal, se ben se intenta reducir esta cantidade ano tras ano.

Na cata, os consumidores apenas advertiron diferenzas en aparencia, sabor, sensación ao mastigar, sabor residual e textura crocante. Só o fixeron na preferencia e unicamente nos integrais: Recondo, Silueta e Ortiz foron máis preferidos ca Lu. Nos non integrais, a cualificación máis alta (7 puntos) correspondeulle a Recondo, que por ser o máis barato (5,03 euros o quilo) e pola súa composición nutricional intermedia, faise acredor de mellor relación calidade-prezo de comparativo. Quen prefira a versión integral ten en Ortiz unha opción: aínda que sexa o máis salgado (1,8% de sal) é o de máis fibra (13,5%) e o menos calorífico, e sae económico (5,75 euros o quilo). O integral Recondo é aínda máis barato e ten menos sal (o 1,1%), pero achega menos fibra.

A análise nutricional

En termos de media, estes pans torrados e tostas teñen pouca humidade (só o 4% do produto é auga), bastante proteína (12%, un punto porcentual máis nos integrais) e moitos hidratos de carbono (o 69%, un pouco menos os integrais). Os azucres representan o 5%, e a graxa, o 6%. Desta graxa, a saturada (menos saudable) supón o 42%, un pouco máis do que se ten por conveniente. A fibra supón nos integrais unha media do 10% e, nos normais, o 5%.

Tanto pans torrados como tostas son enerxéticos, xa que achegan unhas 350 calorías cada cen gramos, algo menos os integrais. A cantidade de sal, bastante variable (do 1% ao 1,8%, segundo a mostra), non ten relación con que sexan ou non integrais. Comparando todas as mostras, vese que as máis graxas son as versións integrais de Lu e Ortiz (en torno ao 7,5% de graxa) e a menos graxa a integral de Silueta (4,4%). As máis enerxéticas son Lu, Ortiz e Recondo, as tres na súa versión normal, que superan as 350 calorías cada cen gramos. E a menos calorífica (323 calorías cada cen gramos), Ortiz integral. As de máis fibra foron Ortiz (13,5%) e Silueta (12%), que teñen máis do dobre do que deben posuír (6%) para declararse "rico en fibra". Chama a atención que en Lu a diferenza de contido en fibra entre a mostra integral e a normal non é grande (do 5,6% de fibra ao 7,5%), e que aconteza o mesmo coas de Recondo (do 5,7% de fibra ao 7,8%), cando en Ortiz esta diferenza é moito maior (do 4,2% de fibra ao 13,5%). As de menos sal (arredor do 1% deste condimento) foron as de Recondo e as de Lu.

A acrilamida é unha substancia que se orixina en alimentos ricos en amidón (hidratos de carbono complexo), como cereais, patacas ou pan, cando se someten a altas temperaturas, cousa que sucede na fritura, no enfornado ou no asado. A Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (IARC) e mais a OMS clasificaron a acrilamida como "potencialmente canceríxena en humanos". Está comprobada a aparición de desordes neurolóxicas asociadas ao consumo de altos niveis de acrilamida. Pero aínda non está lexislada a cantidade máxima de acrilamida permitida nun alimento, se ben a OMS establece o nivel de perigo para humanos na inxestión de 0,1 miligramos por quilo de peso e día. Así, unha persoa de 70 quilos non debe superar os 7 mg/día de inxestión de acrilamida no total da súa dieta. Os contidos xurdidos da análise das sete mostras de pan torrado e tostas foron ínfimos en todos os casos, menores a 30 µg (microgramos) cada quilogramo de produto, que é precisamente o límite de detección da analítica, que equivale a dicir menos de 0,03 miligramos por cada quilo.

A fibra obra milagres na nosa saúde

O pan é unha boa fonte de fibra (o 3,5% no de barra normal e dúas veces máis no integral), substancia que desempeña importantes funcións no organismo. A fibra insoluble, ao non se poder dixerir, aumenta o bolo fecal; a soluble produce ao fermentarse gases que contribúen ao efecto laxante. Ademais, ambos os dous tipos de fibra absorben gran cantidade de auga, co que aumenta o volume das feces e se desencadea o reflexo defecatorio.

A fibra non achega calorías e, ao incharse pola absorción de auga, transmítelle ao organismo a sensación de saciedade, co que diminúe a sensación de fame, o que axuda a previr a obesidade. Polo tanto, non só combate o estrinximento: tamén axuda a controlar o peso. Pero hai máis. A nivel intestinal, a fibra capta as graxas, entre as que se atopa o colesterol, impedindo a súa absorción e sendo expulsado coas feces; así, colabora na prevención de enfermidades cardiovasculares debidas á hipercolesterolemia.

Outra función da fibra: fai máis lento o paso da glicosa ao sangue e evita que aumente de xeito brusco a glicemia (niveis de glicosa en sangue), o que é moi positivo para quen sofre diabete. Prevén tamén o cancro de colon e a apendicite e mellora a diverticulose de colon, as hemorroides e a carie (un alimento rico en fibra precisa ser mastigado durante máis tempo, co que a segregación de saliva é maior). Considérase que é saudable consumir non menos de 24 gramos de fibra cada día. Outros alimentos cotiáns que conteñen moita fibra son: améndoas (14%), feixóns e fabas (7%), espinacas (6%), chícharos (5%) lentellas (4%), as froitas, coliflor e repolo. Consumamos a miúdo pan, verduras, froitas e legumes; os alimentos integrais son tamén unha grande opción.

Pan e saúde

As persoas que sofren de enfermidade celíaca ou intolerancia ao glute non poden tomar pan torrado nin tostas, xa que se elaboran con fariña de trigo, que ten glute, complexo de proteínas tóxico para os celíacos. Os que teñen alerxia á caseína (proteína do leite de vaca), deben ler polo miúdo a lista de ingredientes, pois algunhas marcas inclúen compoñentes lácteos, polo que as deberán evitar. Recondo (no seu pan torrado normal) contén leite descremada en po reconstituída.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto