Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Fumadores pasivos: O Fume Ambiental de Tabaco tamén prexudica a saúde

Aínda que as leis estreitaron o cerco sobre o tabaco, aínda se rexistra un número excesivo de fumadores pasivos nos seus propios fogares

 Un fumador pasivo é aquel que está exposto aos efectos do aire contaminado polo fume dun tabaco que fuma outra persoa, aínda que sexa por pouco tempo. O principal problema, amais do evidente dano que causa na saúde, é que se descoñece o límite de exposición a partir do cal o fume dun cigarro se considera nocivo e converte unha persoa en fumadora pasiva. A Lei 28/2005, do 26 de decembro, denominada Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e regulación da venda, da subministración, do consumo e da publicidade dos produtos do tabaco, non determina límites, aínda que estreitou o cerco ao consumo de tabaco. Fumar está prohibido en centros de traballo e nos locais de restauración fixáronse límites que dependen das súas dimensións. Con todo, malia estes avances a favor dos non fumadores sempre hai aberturas polas que o Fume Ambiental de Tabaco (FAT) se coa.

Unha delas é a propia lei, que non estableceu a prohibición total de fumar en bares e restaurantes, o que discrimina aos empregados que deben respirar o aire contaminado durante a súa xornada laboral. O outro coadeiro de fume é o domicilio particular, onde o membro da familia que fuma expón o resto ante o fume tóxico.

Poboación afectada

Hai dous tipos de fumadores pasivos, os adultos -que deben ser conscientes dos seus riscos, coñecer os seus dereitos e reclamalos- e os cativos -que non se poden defender, de xeito que os seus pais e coidadores deben velar pola súa saúde-. Pero, cal é a dimensión do problema? Que proporción de poboación fuma sen querer? En España, estímase que un 35% da poboación é fumadora, mentres que o 65% está exposta ao fume do tabaco nun lugar ou outro, segundo o último estudo do Instituto Catalán de Oncoloxía (ICO), efectuado sobre 2.500 persoas adultas de toda España.

Os fumadores pasivos a miúdo non son conscientes de estaren expostos ao fume tabáquico. Non obstante, cando se efectua unha medición da cotinina (metabolito da nicotina que se atopa en saliva e sangue), compróbase que moitas persoas son fumadoras sen o saberen, en especial nenos. Máis do 50% dos nenos españois son fumadores pasivos, segundo datos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Mortalidade en España

O tabaquismo pasivo non só favorece o desenvolvemento de enfermidades, senón que tamén mata. A exposición involuntaria ao fume do tabaco, no fogar e nos centros de traballo, causa un mínimo de 1.228 mortes ao ano en España por enfermidades cardiovasculares e cancro de pulmón. Ademais, esta é unha estimación á baixa, xa que se calcula que poderían chegar ás 3.237 defuncións anuais se se analizasen outros factores e os falecementos ocasionados polo tabaquismo pasivo nos lugares de lecer.

O reto no domicilio

Con independencia de que cada vez se coñezan mellor cales son as graves consecuencias do tabaco para os fumadores pasivos, a única medida eficaz para eliminar os seus riscos é evitar expoñerse ao FAT. E, como non se dispón de ningunha revisión efectiva para fumadores pasivos que detecte de forma precoz un posible cancro de pulmón ou outras enfermidades, a regra de ouro é evitar a exposición a un ambiente contaminado.

Na Unión Europea, onde cada ano morren máis de 19.000 persoas debido ao tabaquismo involuntario, a protección dos dereitos dos fumadores pasivos é unha prioridade, unha cuestión de saúde pública. E, con esta finalidade, impulsou a iniciativa 'Help, por unha vida sen tabaco'. Na mesma liña, CONSUMER EROSKI elaborou a escola do consumidor para DEIXAR DE FUMAR.

Tal e como se reflicte nesta escola, ventilar o cuarto no que estivo un fumador nin sequera serve para limpar o aire. Si se diminúe o cheiro orixinado polo fume, pero os seus compoñentes químicos tóxicos só se eliminan de xeito parcial. O aire do cuarto permanece viciado mesmo moito tempo despois de que o fumador o abandonara, e, con el, os seus potenciais efectos perniciosos para as persoas que o ocupen.

Numerosos países aprobaron leis moito máis restritivas ca a española. Así, prohiben fumar nos espazos públicos, incluíndo os locais de hostalaría, como Irlanda e Italia, entre outros. Algúns países como EEUU, Australia e Nova Celandia, conscientes destes perigos do tabaco no fogar, invitaron, a través de campañas publicitarias, á autorregulación do hábito tabáquico nos fogares. Aínda que non o prohiben, si animan a que se acorden certos límites nos domicilios. En España, este convite á autorregulación no ámbito privado aínda non está moi traballado. O reto dos fumadores pasivos é consensuar certas normas -a súa propia lei- na casa.

Fume e cancro

A etiqueta de ser un fumador pasivo implica maiores efectos, e máis graves, ca os derivados do mal cheiro que se espalla polo fogar ou pola roupa. A aprobación de leis para protexer a poboación non fumadora e preservar os espazos comúns libres de fume ápoiase en numerosos e poderosos fundamentos que teñen que ver con consecuencias nocivas para a saúde.

O 85% do fume dos cigarros prodúcese entre calada e calada. O fume que emana o cigarro pousado no borralleiro ou sostido entre os dedos produce máis substancias tóxicas ca as que inhala o propio fumador, segundo un documento da iniciativa HELP, por unha vida sen tabaco, da Unión Europea. Como exemplo, calcúlase que un camareiro exposto ao FAT no seu horario laboral rexistra uns niveis de nicotina equivalentes á persoa que fuma entre tres e cinco cigarros ao día e, polo tanto, tamén se contaxia dos riscos correspondentes á inhalación destas doses de tabaco. A nicotina que contén o FAT actúa sobre o sistema nervioso central como unha droga, creando adicción, o que explica a dificultade de abandonar o hábito.

Pero a nicotina non é a substancia responsable da acción máis prexudicial. O fume que desprende un cigarro contén 4.000 compoñentes tóxicos, dos que arredor duns 20 se identificaron como carcinóxeno tóxicos para o ser humano (outros 20 son prexudiciais para os animais), de acordo á Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (IARC), que depende da Organización Mundial da Saúde (OMS). Entre os carcinóxenos presentes no FAT figuran as nitrosaminas, o alcatrán ou os benzopirenos. A esta lista hai que engadir outros como 2-Naftalina, 4-Aminobifenil, arsénico, cadmio, cloruro de vinilo e cromo, tal e como detalla a Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Debido á extensa lista de tóxicos, o FAT non só pode xerar cancro de pulmón senón tamén de boca, larinxe, farinxe, esófago e mesmo doutros órganos afastados do tracto respiratorio como páncreas ou vexiga urinaria. Os compoñentes do tabaco viaxan a través do sangue e son capaces de alcanzar órganos máis distantes. Ademais, está en discusión se o FAT tamén podería estar implicado como factor de risco en parte do cancro de estómago e de colon na poboación xeral, e no cancro de mama en mulleres novas. Vén de demostrarse que os fumadores pasivos teñen risco un 80% maior con respecto aos non fumadores de desenvolver cancro de pulmón e de sufrir infartos.

Máis enfermidades

Pero o cancro non é a única consecuencia negativa do tabaco para a saúde. Este pode danar os pulmóns e causar patoloxías respiratorias non tumorais como a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), que se manifesta entre os cincuenta e sesenta anos, de maneira progresiva, irreversible e que xera grandes limitacións en quen a padece.

Outro importante grupo de enfermidades que poden estar provocadas polo tabaco son as cardiovasculares e cerebrovasculares: anxina de peito, infarto agudo de miocardio ou infarto cerebral. O tabaco exerce unha acción inflamatoria directa que dana as paredes (endotelio) dos vasos sanguíneos e favorece a arterioesclerose (estreitamento das arterias), de modo que actúa de xeito conxunto con varios dos compoñentes nocivos para o sistema cardiovascular, como alcohol ou hipertensión, e propicia o incremento do risco de accidentes cardiovasculares e cerebrovasculares.

Sempre que unha persoa deixa de fumar ou de estar exposta ao fume do tabaco, o risco sobre o sistema cardiovascular redúcese e volve aos niveis dos non fumadores. Non obstante, non sucede o mesmo co cancro de pulmón: unha persoa ex fumadora de anos pode presentar enfermidade oncolóxica dez ou máis anos despois, xa que o seu período de indución é máis longo.

Lactantes, nenos e embarazadas

Algúns sectores da poboación son especialmente vulnerables ao fume do tabaco, como lactantes, nenos e embarazadas. O impacto sobre a súa saúde pode ser grave e mesmo letal. No caso dos lactantes hai estudos que demostran que o tabaquismo dos pais é un dos factores que pode desencadear a chamada morte súbita do lactante.

En nenos de máis idade expostos ao fume do tabaco dos seus coidadores (pais, canguros, avós e outros familiares), a prevalencia de otite e de enfermidades respiratorias é maior (os nenos asmáticos poden sufrir máis episodios ca o resto). No tocante ás mulleres embarazadas e, ao mesmo tempo, fumadoras pasivas, enfróntanse ao mesmo risco ca as xestantes fumadoras de iluminar bebés prematuros, con malformacións e con baixo peso debido á exposición involuntaria ao fume do tabaco.

Consellos para os fumadores

  1. Tomar conciencia dos prexuízos que o tabaco lle ocasiona á saúde.
  2. A norma de ouro é evitar a exposición ao fume do tabaco sempre que se poida.
  3. Sempre que se intúa que un fumador vai acender un cigarro pódeselle pedir educadamente que non o faga.
  4. Nos lugares onde está prohibido fumar, segundo a lei, é preciso reclamar que non se fume.
  5. En caso de que os fumadores non respecten os seus dereitos, hai que denunciar o incumprimento da lei ao organismo pertinente: o Concello ou as autoridades sanitarias.
  6. Acordar normas na casa, como delimitar as zonas para fumar ao balcón ou a unha ventá e/ou á cociña e/ou permitir fumar só en certas horas, para protexer así os menores.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto