Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Capa de ozono, un burato vido a menos

O control dos gases causantes do problema nos últimos anos está a contribuír á súa recuperación, aínda que convén non relaxarse

 O papel estelar do cambio climático como o principal problema ambiental no mundo agachou outras cuestións que, sen remontarse demasiado no tempo, estaban entre os asuntos máis urxentes para evitar unha catástrofe ecolóxica. Un dos máis destacados é o da capa de ozono, que hai non moitos anos, acaparaba portadas de xornais e minutos de informativos de radio e televisión. O certo é que esta é unha cuestión que parece rexistrar unha mellora importante, aínda que aínda non se produciu a súa "curación" completa. A colaboración de todos os cidadáns foi determinante, e seraa no futuro, para que o burato se reduza aínda máis.

A diminución deste filtro gasoso, presente na estratosfera a uns 25 quilómetros de altura, implica un maior paso da radiación ultravioleta solar. Deste xeito, prodúcense diversos efectos negativos, como cancro de pel ou cataratas, redución da resposta do sistema inmunitario e afección ao crecemento do fitoplancto oceánico.

Conscientes do grave problema ao que se enfrontaba o planeta, a comezos dos anos 70 os científicos descubriron que os clorofluorocarbonos (CFC), uns gases moi utilizados na industria do frío e nos aerosois de uso cotián (desodorizantes, lacas, etc.), podían desempeñar un papel fundamental na destrución do ozono. En 1987, o Protocolo de Montreal, asinado na actualidade por 191 países de todo o mundo, prohibía o consumo e fabricación dos CFC.

Máis de vinte anos despois, o compromiso internacional parece estar a dar os seus froitos. Os responsables das industrias destes sectores buscaron decontado substitutos para os CFC e conseguírono ademais sen grandes repercusións nas súas contas de resultados. Así, dende comezos da presente década, as medicións do instrumento Total Ozonar Mapping Spectrometer (TOMS), instalado nun satélite da NASA para facer o seguimento do burato de ozono sobre a Antártida, manifestan unha clara tendencia da súa redución.

Precisamente, a NASA sinalou que no 2007 o burato de ozono sobre a rexión antártica, do tamaño de América do Norte, se reduciu un 15% con respecto ao ano anterior. Pola súa banda, a Axencia Espacial Europea (ESA), baseándose nas estimacións realizadas polo satélite Envisat, afirmou que mesmo esa cifra podería alcanzar o 30%, o que suporía que a perda de ozono alcanzou un tope de 27,7 millóns de toneladas, fronte aos 40 millóns de 2006.

Por iso, a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) e o Programa de Nacións Unidas para o Medio (PNUMA) advirten de que a capa de ozono podería regresar a niveis previos a 1980 para o ano 2049 en boa parte dos cinco continentes, se ben esta recuperación podería atrasarse ata o 2065 na Antártida. Pola súa banda, as previsións da NASA sinalan que ata o 2060 non se alcanzarán os niveis anteriores a 1980. En España, segundo o Laboratorio de Climatoloxía da Universidade de Alacante, o problema fundamental non é a capa de ozono da estratosfera, como na Antártida, senón a acumulación de ozono troposférico, máis próximo á superficie terrestre, que en determinadas épocas do ano rexistra valores elevados, fundamentalmente no verán, provocando a irritación das mucosas e dos tecidos pulmonares.

Non baixar a garda

Non obstante, a OMM recorda que estas optimistas cifras non deben relaxar as medidas que tan bos resultados parecen estar a dar, xa que aínda faltan varias décadas para a súa recuperación, polo que as espectaculares melloras rexistradas no 2007 deben valorarse con cautela.

Logo de varias décadas de bos resultados, 2006 produciu un dato negativo no que o burato volveu ser sorprendentemente grande, alcanzando 29,5 millóns de km2 (algo máis do dobre da extensión da Antártida). Deste xeito, ao comparar os datos cos rexistrados no 2007, que volveron ser positivos de novo, a mellora parece bastante significativa.

Os científicos sinalan que esta redución do burato se debe, en boa parte, ás variacións naturais de temperaturas e de dinámica atmosférica. Aseguran que as erupcións volcánicas nas vindeiras décadas poderían aprazar a recuperación do ozono por varios anos e o cambio climático tamén podería ter o seu impacto, atrasando ou acelerando a súa recuperación.

Por outra banda, a Axencia de Investigación Ambiental, unha ONG londiniense, subliña que aínda hai un exceso de produción e comercio de CFC. OS seus responsables sinalan a algúns países do terceiro mundo, onde empresas multinacionais estarían a fabricar estes CFC polo seu menor custo de fabricación.

A importación ilegal destas substancias é máis barata ca a súa reciclaxe legal. Estímase que o mercado negro de substancias que danan o ozono podería mover en todo o mundo entre 20.000 e 30.000 toneladas cada ano. Dende o Laboratorio de Climatoloxía alacantino non se ten constancia real destas afirmacións, pero en calquera caso recoméndanlles aos organismos internacionais que non baixen a garda.

Que poden facer os consumidores

  Os consumidores poden contribuír á recuperación da capa de ozono evitando o uso de produtos que conteñan CFC ou outro tipo de substancias que a prexudiquen. Amais dos CFC, hai unha lista de máis de cen produtos, como os HCFC, halóns, bromuro de metilo, tetracloruro de carbono ou metilcloroformo, que tamén contribúen á diminución do ozono estratosférico.

Todos os cidadáns deben ser conscientes da necesidade de protexerse dos raios do sol, en especial a partir de maio e ata outubro, con cremas protectoras, sempre que se tome o sol na praia ou no campo e, en calquera caso, evitar a exposición prolongada.

Algúns datos que cómpre ter en conta sobre o ozono

  •  Os incrementos na radiación ultravioleta xa se observan en diferentes partes do planeta, polo que se trata dun fenómeno global. De igual xeito, os CFC repártense de modo homoxéneo.
  • Nacións Unidas prognostica que con perdas anuais do 10% de ozono durante varias décadas, o aumento en casos de cancro de pel podería roldar os 250.000 por ano.
  • O "burato" en realidade non é tal, senón que é un adelgazamento na capa na estratosfera que ten lugar en determinadas épocas do ano. Os científicos observaron que descende durante a primavera nas rexións polares e se recupera durante o verán. O problema é máis significativo na Antártida, por mor das condicións meteorolóxicas extremas que sofre este continente.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto