Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Exceso de peso e obesidade: Síndrome metabólica: o inimigo moderno do corazón

En España, un de cada tres adultos cumpre os criterios para sufrir a síndrome metabólica. A gran pista para determinar se unha persoa a padece proporciónaa a obesidade central, que se mide coa circunferencia da cintura

 É abondo sabido que as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte en España e en moitas sociedades desenvolvidas. Pero, como saber quen ten máis risco? A síndrome metabólica pon os médicos sobre a pista. Estímase que as persoas con síndrome metabólica teñen un 20% máis de risco de sufrir un episodio coronario nos dez anos seguintes fronte ás que non o teñen. Por iso, descubrir quen o padece é fundamental para tomar as precaucións precisas sobre a enfermidade e evitar a morte cardiovascular (infarto cardíaco ou cerebral ou unha anxina de peito).

A síndrome metabólica non é unha soa enfermidade, é a asociación de varias anomalías metabólicas. Trátase do punto final de dúas situacións: a obesidade central (localizada no abdome) e a resistencia á insulina, unha reacción propiciada pola obesidade e o sedentarismo e que precede á diabete. Pero tamén inclúe alteracións do metabolismo da glicosa (azucre), en concreto, hiperglicemia leve en xaxún (110-126 mg/dl); alteracións do perfil lipídico, é dicir, aumento de triglicéridos (150-250 mg/dl), descenso do colesterol HDL (popularmente coñecido como colesterol 'bo') e hipertensión arterial leve.

Todas estas anomalías metabólicas considéranse como tales cando se superan determinados puntos de corte segundo distintas clasificacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), o Panel do Tratamento de Adultos (ATP-III) e a Federación Internacional de Diabete (IDF). Considérase que unha persoa sofre síndrome metabólica cando cumpre polo menos tres dos criterios expostos.

Enfermidade moderna

  A síndrome metabólica espállase nas sociedades modernas de xeito imparable. A OMS cualificou a obesidade como a epidemia mundial do século XXI e o problema de saúde pública número un. Ao exceso de peso asócianse, entre outras patoloxías, a diabete e, por suposto, a síndrome metabólica. Son enfermidades propiciadas pola vida urbana e os cambios nos estilos de vida e de alimentación, como o abandono dunha dieta tradicional rica en vexetais, cereais e froitas cara a unha dieta occidental de preparación rápida, con alto contido graxo e calorífico e pobre en fibra (hamburguesa, patacas fritas, pizza e bebidas de cola).

Tampouco axuda a diminución da actividade física relacionada coa mecanización das actividades cotiás e cos cambios nas manifestacións recreativas de adultos e, en especial, dos nenos. Este binomio de dieta inadecuada e sedentarismo derivou nun aumento da poboación afectada polo exceso de peso e a obesidade. E pasouse do exceso de peso ás alteracións metabólicas que acompañan á obesidade.

Poboación afectada

En España, un de cada tres adultos cumpre os criterios para sufrir síndrome metabólica. Pero a proporción é maior entre a poboación obesa, xa que o 70%-80% sofren síndrome metabólica. As persoas máis afectadas por obesidade e síndrome metabólica adoitan pertencer aos grupos sociais con menor nivel educativo e económico, xa que tenden a consumir comida barata e hipercalorífica que conduce á obesidade.

  Os nenos e adolescentes non están exentos de sufriren síndrome metabólica. A obesidade infantil tamén está a aumentar na sociedade moderna. No estudo 'enKid', efectuado nunha poboación de entre 2 e 24 anos, comprobouse que o 14% dos nenos españois son obesos e que o 12% teñen exceso de peso e que, xa que logo, teñen risco de desenvolver síndrome metabólica. Outro estudo recente, publicado nos Anais españois de Pediatría, realizado nun grupo de 97 nenos e adolescentes obesos, detectou que o 20% tiña síndrome metabólica. Este dato coincide co doutros estudos que sitúan a prevalencia infantil entre o 20% e o 30%.

O embarazo tamén é un estado especial da muller no que, por mor do aumento de peso, pode aparecer hipertensión arterial e desenvolver diabete xestacional. Unha situación circunstancial que non se debe considerar síndrome metabólica, a menos que a embarazada xa o padeza antes da xestación ou o desenvolva despois do parto se non dá perdido a maioría do peso gañado durante a xestación.

A pista: o perímetro da cintura

  A gran pista para determinar se unha persoa padece ou non síndrome metabólica proporciónaa a obesidade central, que se mide coa circunferencia da cintura. O tecido graxo que se acumula arredor do abdome é máis perigoso dende o punto de vista de risco cardiovascular. Esta obesidade central, ou en forma de mazá, afecta máis aos homes. Pola contra, a obesidade en forma de pera, onde a graxa se sitúa sobre todo en nádegas e coxas é máis habitual en mulleres e non comporta tanto risco cardiovascular.

  Por esta razón, unha consigna lanzada por varias sociedades científicas, aínda que aínda non moi espallada, é que os médicos midan o perímetro da cintura dos seus pacientes. Nos homes, a circunferencia da cintura non pode exceder os 102 centímetros e nas mulleres, os 88 centímetros. As persoas que superan estas medidas teñen graxa visceral (arredor das vísceras) e risco cardiovascular. A circunferencia da cintura tamén se utiliza en nenos, pero adaptada a idade, sexo e estadio de maduración sexual.

Tratamento

O tratamento da síndrome metabólica consiste en abordar cada un dos factores que provocaron a súa aparición para intentar revertelo. O primeiro obxectivo do tratamento é a obesidade, que se define como un índice de masa corporal (ou IMC) superior a 30. O IMC obtense de dividir os quilogramos que pesa unha persoa pola súa altura en metros ao cadrado (kg/m2). Despois do tabaco, a obesidade é o segundo factor de risco de morte cardiovascular modificable. Sábese, ademais, que as persoas obesas teñen máis probabilidades de sufrir síndrome metabólica ca as que teñen exceso de peso (IMC maior ca 25). É moi posible que a convivencia de varios problemas de saúde asociados obrigue a que médicos internistas e cardiólogos deban implicarse na atención destes pacientes.

Claves no tratamento da síndrome metabólica

  • MEDIDAS HIXIÉNICO-DIETÉTICAS CLÁSICAS: O éxito desta medida é a constancia, exercicio e dieta baixa en calorías para perder peso.
  • FÁRMACOS: Cando o tratamento clásico para perder peso non funciona e os pacientes teñen un IMC superior a 30, utilízanse fármacos. Ata agora, desenvolvéronse tres compostos antiobesidade: orlistat e sibutramina, que están aprobados en España, e rimonabant, que aínda non está autorizado. Unha análise, publicada pola revista 'British Medical Journal', demostrou que acadan resultados similares. Estes fármacos contribúen á perda de peso, aínda que de xeito moderado: a redución é de 5 e 6 quilogramos de peso respecto aos que se perden só con dieta. A sibutramina combate a sensación de fame e é moi útil para as persoas que teñen unha maior ansiedade ou compulsión por comer máis alá da súa vontade. Pola contra, orlistat é útil para evitar as partes graxas da dieta e consegue que, sobre todo en ''grandes comedores', a inxestión teña menor repercusión. Pola súa banda, rimonabant actúa sobre receptores endóxenos que se atopan en todo o corpo e eliminan a sensación de fame e axudan a perder peso e graxa visceral, o que permite corrixir a hipertensión e mellorar o perfil lipídico.
  • APOIO: En ocasións, o seguimento da dieta resulta imposible para algúns pacientes, porque a orixe da obesidade é a ansiedade. Estas persoas adoitan entrar nun círculo vicioso no que comen de maneira compulsiva, con sobreinxestión e aumento de peso, despois séntense culpables, volven sentir ansiedade, e así de modo reiterado. A dificultade que supón pechar este círculo para este tipo de enfermos é tan difícil que o apoio dun psicólogo ou psiquiatra pode resultar moi útil.
  • TRATAMENTO DE PROBLEMAS ASOCIADOS: Os pacientes con síndrome metabólica teñen que ser tratados á súa vez doutras enfermidades asociadas (comorbilidade), xa sexa con antidiabéticos, antihipertensivos ou hipotensores e estatinas ou hipolipemiantes, no das alteracións do perfil lipídico.
  • INVESTIGACIÓN: Na actualidade a investigación en síndrome metabólica esfórzase en atopar un fármaco que permita combater de xeito global cada un dos seus compoñentes. Búscase un comprimido que inclúa compostos para reducir as cifras de presión arterial, controlar os niveis de glicosa, mellorar o perfil lipídico e, idealmente, unha substancia antiagregante para evitar que o sangue se espese. O obxectivo desta polipílula sería facilitar a toma da medicación ás persoas afectadas pola síndrome metabólica e que hoxe deben tomar varias pastillas. Por outra banda, melloraría o cumprimento terapéutico.
  •  VOLTA ATRÁS: En moitos casos, cando se elimina a obesidade a síndrome pódese reverter. Un estudo da Universidade de Duke (EE.UU.), que recolle a Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO), demostrou que camiñar 30 minutos a bo paso todos os días da semana pode descompoñer a síndrome metabólica. A síndrome pódese reverter cando unha persoa que ten unha acumulación de factores de risco os corrixe e, en consecuencia, diminúe o risco de desenvolver enfermidade cardiovascular. Non obstante, debe manter os estilos de vida cardiosaudables e, en moitos casos, segue tomando fármacos para ter controlados todos os factores que o ocasionan.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto