Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Compensación voluntaria de emisións: Axustar contas co CO2

Un acordo incluído no Protocolo de Kioto permítelles a gobernos, empresas ou particulares destinar cartos, a cambio do que contaminaron, a proxectos de redución de emisións en países en vías de desenvolvemento

 Os cidadáns cada vez teñen máis doado atopar produtos específicos que os informan, a través da súa etiquetaxe ou publicidade, que compensan o CO2 que emiten ou que se xerou na súa produción. Trátase, na súa maioría, de empresas que se acolleron ao mecanismo de compensación voluntaria de emisións. Algúns países europeos e americanos dispoñen de selos, promovidos por ONG, que certifican esta compensación de emisións. Non é o caso de España, que aínda non dispón dun selo deste tipo, aínda que o Ministerio de Medio Ambiente creará un rexistro para que o consumidor poida coñecer en cada caso os detalles da compensación de emisións.

Mecanismo de desenvolvemento limpo

O funcionamento da compensación voluntaria de emisións é, en esencia, simple. Trátase dun acordo incluído no Protocolo de Kioto que lles permite a gobernos, empresas ou particulares destinar cartos, en compensación polo que contaminaron de máis, a proxectos de redución de emisións en países en vías de desenvolvemento. Definido en Kioto como Mecanismo de Desenvolvemento Limpo (MDL), os proxectos MDL son moi diversos: dende campañas de reforestación ata a implantación de enerxía solar para substituír os obsoletos queimadores de queroseno na India ou a construción de centrais hidroeléctricas en Indonesia. Con independencia da súa natureza, o MDL inclúe un regulamento para asegurar que os proxectos que se acollen a este xeran reducións de emisións reais, adicionais e verificables.

Neste proxecto tamén participan organizacións que actúan como intermediarias nesta compensación de emisións. En España, unha das pioneiras é a Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento, que no 2007 axudou a compensar case 8.000 toneladas de CO2, por valor de algo máis de 75.000 euros. A través da web e do teléfono, axudan aos particulares e ás empresas a calcular as toneladas de CO2 que emitiron e, en función dos cartos que queren doar a proxectos MDL, determinan cantas toneladas se compensan, a razón duns 10 euros por cada tonelada.

  Que se compensa? Dende as viaxes en avión, ata a calefacción, o gasto en electricidade ou os desprazamentos en coche. Todo aquilo que, en definitiva, supuxera unha emisión de CO2. Despois, a Fundación entrégalle á empresa ou ao particular un certificado que acredita esa compensación. A construción dunha minicentral hidroeléctrica en Indonesia ou a obtención de enerxía a partir de biomasa na India son dous exemplos dos proxectos MDL aos que a Fundación destina os cartos.

Este sistema, non obstante, non convence a todos. Os seus detractores consideran que segue lexitimando a contaminación a base de pagar e que, por se fose pouco, acaba sendo un reclamo publicitario de boa imaxe, cando a mellor medida é deixar de contaminar. Ante este argumento, os seus defensores non cesan de defender un sistema no que para compensar as emisións do norte do planeta se implanten enerxías renovables no sur, de acordo co principio de que a contaminación de CO2 é unha ameaza global.

Ademais ten unha bondade pouco cuestionable: axuda a que países en desenvolvemento avancen con tecnoloxías limpas, unha acción que contribúe a frear as emisións sen comprometer o propio desenvolvemento destes países. China, o xigante asiático cunha das taxas máis altas de crecemento nos últimos anos, recibe o 60% do comercio de créditos de carbono para proxectos MDL.

Selos acreditativos

Pero non todas as compensacións de emisións que se anuncian o fan a xeito de proxectos MDL. Unha marca de coches, por exemplo, anuncia que por cada automóbil que venda dun determinado modelo, plantará 17 árbores en Albacete, o que compensará o CO2 que emita o coche nos seus primeiros 50.000 quilómetros. Outra empresa anuncia que o CO2 que se emitiu na produción do seu queixo se compensou con parques de enerxía eólica.

Dada a disparidade de formas de compensación de CO2, que poden ser máis ou menos laxas, e posto que non hai unha regulación específica, empezaron a crearse diferentes xeitos de acreditar esas compensacións. Un deles son os selos que certifican que unha empresa é climate neutral, o que se pode traducir como climática ou ambientalmente neutra. Son selos promovidos por varias organizacións de Europa e dos Estados Unidos, e acreditan que unha empresa compensa todas as súas emisións de carbono. As organizacións que teñen os selos climate neutral son a británica Carbon Neutral Company, a alemá Klima-Partner, a suíza My Climate, a holandesa Clima Neutral Group e a estadounidense Standard Carbon.

En España non se dispón aínda de ningún selo deste tipo, aínda que o Ministerio de Medio Ambiente anunciou a creación dun rexistro para que os cidadáns poidan coñecer que emisións se reducen de maneira voluntaria e de que forma. Mentres tanto, e a falta dunha regulación, a compensación de emisións que non está verificada por ningún selo depende en boa parte da vontade da empresa. É, din dende a Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento, unha cuestión de "responsabilidade social".

O consumidor tamén pode compensar o seu CO2

 Segundo as indicacións do Panel Intergobernamental de Cambio Climático (IPCC), para reducir un 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro é preciso que cada habitante do planeta teña unha taxa de emisión de CO2 non superior a 1,40 toneladas anuais. Non obstante, calculouse que os países que asinaron o protocolo de Kioto no Anexo I (países industrializados máis países en proceso de transición a unha economía de mercado) teñen unha emisión media per cápita de 12,80 toneladas, é dicir, nove veces máis.

Mesmo nun cálculo polo baixo e sen demasiados excesos, o consumo adoita superar esa taxa recomendada de 1,40. Segundo datos do Ministerio de Medio Ambiente, o consumo medio de electricidade por fogar é de 363,5 quilovatios hora ao mes, o que supón unha emisión de 1,4 toneladas de CO2 ao ano. Se a iso se engade un coche de potencia media que sempre faga traxectos curtos en zonas urbanas e non supere máis de 12.000 quilómetros anuais, supón unha emisión engadida de 1,9 toneladas de CO2, o que suma un total de 3,2 toneladas. Se á electricidade e ao coche se lle engade unha única viaxe en avión, de Madrid a Londres, ida e volta, hai que sumar 0,8 toneladas máis de CO2. En total, unhas catro toneladas.

Se o consumidor quixese compensar as emisións do seu coche e da viaxe en avión (unhas 2,7 toneladas), podería facelo por uns 27,74 euros, a través da páxina web www.ceroco2.org. A cambio, o usuario recibirá un certificado numerado indicando a cantidade compensada e o proxecto ao que se destina.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto