Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Comercio na Rede: Mercar por Internet no estranxeiro

Ir de compras online ofrece garantías de eficiencia e seguridade, pero se a operación é con empresas doutros países, convén ter en conta certos aspectos para non levar desgustos

 O comercio electrónico veu para quedar e o seu crecemento é cada ano máis acelerado: se no 2005 aumentou en España un 16% respecto ao ano anterior, no 2006 o seu incremento foi do 30% e o seu volume de facturación roldou os 2.800 millóns de euros. Neste momento, os analistas estiman que xa supón un 1% do comercio total nacional, moi por baixo do 5% que representa nos Estados Unidos.

Estes datos confírmanse con só botar unha ollada ás páxinas de servizos en Internet, sexan españolas ou non. Cada vez é máis frecuente alugar un coche online, reservar un hotel nunha axencia virtual ou mercar un voo nunha das varias operadoras que triúnfan na Rede.

Un ámbito de compra seguro

Non obstante, hai que ter sempre presente que Internet é un mercado globalizado con multitude de países con diferentes normativas. Co fin de evitar sorpresas desagradables, convén fixarse ben no que se adquire e onde se adquire. Non é o mesmo mercar unha canción en descarga nunha tenda de música online radicada en Rusia que adquirir un produto material. Ao mercar obxectos de envío por correo neste país, como en tantos outros, o usuario arríscase a non os ver chegar nunca ao seu destino final.

Polo xeral, a seguridade do contorno pódese establecer en catro niveis: o primeiro é España, onde o amparo legal do consumidor é máximo. O segundo corresponderíalle á Unión Europea, cun nivel de protección dos compradores tamén moi alto, aínda que as normas poden variar dun país a outro e é máis difícil facer valer a garantía. O terceiro nivel de seguridade é o dos Estados Unidos, onde o comercio electrónico, e por correo, ten altos niveis de eficiencia, pero onde rexen políticas arancelarias diferentes (dentro da Unión Europea hai liberdade de alfándegas) e á hora de reclamar ou facer valer a garantía dun produto pode haber problemas. Fóra queda o resto do mundo, onde, salvo excepcións, hai que pensalo dúas veces para realizar unha compra.

Ollo coas alfándegas

Pero mesmo fixando un ámbito seguro de compra, cómpre non esquecermos que cada país ten a súa propia política arancelaria. Á calor de sitios como Amazon e Ebay, o comercio electrónico disparouse en todo o mundo, e a impresión de que é moi doado atopar calquera obxecto nalgún destes portais é verdadeira, pero ollo co prezo. Nin Ebay nin Amazon teñen en conta, ao fixaren un prezo na súa páxina, dende onde se realiza a compra.

Así, no prezo que se oferta hai que sumar os aranceis que haberá que pagar para permitir o seu paso pola fronteira e os gastos de envío. No caso de Amazon estes gastos téñense en conta, dado o seu despregamento loxístico. Pero en Ebay, por exemplo, a compra realízase entre usuarios, e, xa que logo, o que se eleve o custo arancelario e de envío dependerá de onde estean radicados o comprador e o vendedor. Se merca un obxecto pequeno e de pouco valor, non adoita haber problemas. Pero se o obxecto ten un tamaño considerable ou está suxeito a unha regulación arancelaria especial, non acontece o mesmo.

Só para Estados Unidos

Outro factor que hai que ter en conta é que nalgúns sitios web só se vende a unha determinada área xeográfica, en especial, aos Estados Unidos. Por exemplo, é moi común que tendas online de grandes fabricantes de hardware, como por exemplo Apple, non vendan a través da rede determinados produtos a países onde estes aínda non se atopan nas tendas.

Pero como na Rede hai solucións para todo, apareceron servizos web que lle proporcionan ao comprador unha dirección postal nos Estados Unidos. Deste xeito pode mercar online un obxecto que se envía á dirección postal mercada, e dende alí o servizo envíaa ao fogar do comprador. SkyBOX é unha destas empresas. Así e todo, ao utilizar estes servizos, o usuario débese asegurar de que poderá reclamar ou facer valer a garantía en caso de que sexa necesario.

Na limitación aos Estados Unidos da venda de determinados produtos inflúen, entre outros factores, as políticas de prezos das empresas. Se se ten en conta que unha canción mercada na tenda iTunes de Apple custa 0,99 dólares dende Estados Unidos e 0,99 euros dende Europa (1,485 dólares), comprenderase o pouco interese de Apple en que un europeo poida mercar unha canción na súa tenda americana.

A estas dificultades engádese a especial atención que hai que prestar ás compatibilidades dos produtos segundo a zona onde se merquen, sobre todo os de software, pero tamén en electrodomésticos, televisores, aparellos de audio... No caso dos videoxogos, as películas en DVD e mesmo algúns discos de Asia e Oceanía, por exemplo, teñen determinados códigos que lles impiden funcionar en videoconsolas e reprodutores europeos e americanos.

Garantías por lei

 

En caso de que o usuario sufra unha incidencia na compra por Internet, xa sexa por que non lle chegue o produto mercado ou porque o prezo non sexa o acordado, e sempre que se trate de compras realizadas en comercios de países da Unión Europea, a lei garante os seus dereitos.

Segundo a Lei de Servizos da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico (LSSI), en vigor dende xullo do 2002, que á súa vez segue a Directiva Europea 2000/31/CE de Comercio Electrónico, o comprador sempre ten dereito a un recibo realizado contra o importe e a conformidade explícita da súa compra. Aínda que esta lei só afecta comercios españois, en moitos países da Unión Europea aplícanse normativas semellantes.

Este recibo enviaráselle por correo electrónico e debe permitir a súa impresión en papel. Ademais, o cargo na conta do usuario só se poderá realizar no momento en que este obteña o recibo e non antes. Deben constar todos os datos da empresa, así como os custos da operación e os servizos polos que se pagou. Así acádase a proba legal, con carácter contractual, coa que se defender nun preito.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto