Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Seguridade nas escolas: analizadas 208 en toda España: Unha de cada catro escolas suspende en seguridade

Detección de incendios e plans de emerxencia, puntos débiles. Ademais, a metade dos centros auditados suspende algunha "materia" do exame de seguridade. Malia a todo, a situación mellorou nos últimos cinco anos

 Máis de seis millóns de escolares de Infantil, Primaria e Secundaria (ESO) acoden este curso lectivo ás 17.000 escolas de España: arredor dun 70% faino no ensino público, un 25% nas escolas concertadas e preto dun 5% acode a colexios privados non concertados. A prevención de riscos e a adopción de eficaces medidas de seguridade son imprescindibles para reducir a incidencia dos contratempos menores (golpes, caídas, contusións) e dos accidentes graves que nenos e adolescentes poden sufrir no seu centro escolar. En ocasións, os accidentes débense ás dificilmente evitables trasnadas dos cativos e á súa escasa percepción do perigo, pero noutros casos a responsabilidade recae nos propios centros escolares, que non adoptan as precaucións necesarias para minimizar a posibilidade de accidentes na escola. Ante esta realidade, o interrogante é crucial: a seguridade das escolas ás que acoden os nosos fillos é a axeitada; cumpre, polo menos, o que a normativa esixe?

  CONSUMER EROSKI elaborou un informe que analiza a seguridade de 208 centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria (159 públicos, 13 privados e 36 privados concertados) en 18 capitais españolas: 15 escolas en Madrid e Barcelona, 12 en Alacante, Bilbao, Córdoba, Málaga, Murcia, Sevilla, Valencia, Valladolid e Zaragoza, e 10 na Coruña, Almería, Granada, Oviedo, Pamplona, San Sebastián e Vitoria. Os técnicos desta revista realizaron unha visita a cada escola durante o pasado mes de xaneiro acompañados por un responsable designado por cada centro, que facilitou o acceso a todas as zonas: patio, aulas, aseos, ximnasio, comedor e cociña, etc. A análise dividiuse en dous apartados: o estado das instalacións do interior e exterior do recinto, por unha banda, e, por outra, as medidas de prevención, entendendo por estas últimas procedementos e protocolos de actuación en caso de sinistro, plans de formación de alumnos, profesores e persoal non docente, realización de simulacros de emerxencia en caso de incendio ou catástrofe e sistemas de prevención. Durante o tempo que lle dedicaron á visita a cada centro, os técnicos de CONSUMER EROSKI fixaron a súa atención na seguridade fronte a unha hipotética evacuación do edificio e nos perigos existentes para a integridade física dos escolares no interior do edificio ou edificios do centro e no contorno exterior pertencente ao colexio ou escola.

Dos datos obtidos, extráense dúas grandes conclusións. Por unha banda, a seguridade en boa parte dos centros segue a ser moi mellorable: o 27% das escolas suspenderon este exame de seguridade. Así e todo, a evolución rexistrada nos últimos cinco anos é innegable: nunha investigación de CONSUMER EROSKI realizada con esta mesma metodoloxía no 2003 a proporción de suspensos representaba un preocupante 68%.

  Os maiores progresos producíronse na seguridade tanto dos espazos abertos (patios, canastras, porterías) como dos ámbitos interiores (aulas, aseos, comedor, ximnasio), que mereceron unha cualificación global de "moi ben" (no 2003 a nota foi un "regular", suspenso alto). Non obstante, un de cada dez colexios non superou o exame nestes apartados. A suxeición de porterías, canastras e outros equipamentos deportivos, motivo frecuente dos accidentes máis graves nos centros escolares, rexistrou unha gran mellora: mentres que no 2003 se atoparon suxeicións pouco seguras no 14% dos centros, no 2008 esta proporción descendeu a un 1%.

Tamén mellorou de xeito salientable a implicación do persoal na seguridade do centro, que pasou dun "moi mal" hai cinco anos ao "ben" actual; neste caso, o número de escolas que non aproban é algo maior, e chega ao 14%. Os peores resultados mereceunos a seguridade ante incendios e emerxencias, cunha valoración media final que non pasa dun "regular" e con un de cada tres centros cun suspenso. Polo menos, mellórase con respecto a hai cinco anos, xa que no 2003 este bloque de seguridade ante incendios e outras emerxencias obtivo unha nota media de "moi mal".

As diferenzas entre as notas medias que acadou cada unha das 18 cidades onde se visitaron os centros escolares son significativas, se ben hai que ter en conta que só se estudaron os centros que aceptaron participar na investigación. Moitos, particularmente escolas privadas e concertadas, negáronse a seren auditadas, o que reduce a representatividade da mostra e fai pensar que a situación real pode ser algo peor ca a revelada por este informe. Porque parece obvio que quen fai ben as cousas non pon pegas a que o auditen; é máis, probablemente tende a colaborar coa investigación porque a aplicación dunha metodoloxía que identifica as insuficiencias lle permite intervir nos parámetros que requiren mellora, e aumentar así a seguridade que o centro lles ofrece non só aos alumnos senón tamén a profesores, persoal non docente e pais. Ademais, esta revista garántelles aos centros, cando lles propón participar no informe, que non fará pública a lista de escolas visitadas e que porá a disposición dos xestores de cada centro os resultados concretos da súa escola ou colexio. Unha vez aclarado este extremo, cómpre salientar que destacaron en seguridade os colexios visitados na Coruña, en Bilbao, Oviedo, Pamplona, San Sebastián e Vitoria, que acadaron un "moi ben" de nota media, o que demostra que o exame se podía superar a nada que se fagan ben as cousas. No outro lado da balanza sitúanse os centros escolares de Alacante, Almería, Granada, Málaga, Sevilla e Valencia, cunha valoración final que non pasa dun insatisfactorio "regular". En posición intermedia atópanse os visitados en Barcelona, Madrid, Valladolid e Zaragoza (cun "ben" de media), mentres que as escolas de Granada e Murcia se conforman cun discreto "aceptable".

Se a comparación se establece pola titularidade dos centros, os resultados non son moi dispares, se ben hai certas diferenzas. En implicación do persoal na seguridade do centro a posición da escolas públicas é un chisco mellor ("aceptable-ben" fronte a "aceptable"), mentres que na seguridade en espazos abertos e recintos pechados, a das privadas é algo superior: acadan de media un "moi ben" fronte ao "ben-moi ben" das públicas. En seguridade contra incendios, escolas privadas e mais públicas suspenden o exame, cun "regular".

Malia as melloras, pouco máis da metade (un 53%) dos centros visitados aproban os catro apartados de seguridade. Só en Oviedo e San Sebastián todos os colexios superaron os catro bloques de parámetros de seguridade, pero Bilbao e Pamplona tamén obteñen bos resultados (arredor do 80% dos seus centros aprobaron os catro apartados) e o mesmo se pode dicir dos da Coruña, Madrid e Vitoria, con preto do 70% de escolas sen ningún bloque suspendido, é dicir, cun satisfactorio grao de cumprimento en esixencias de seguridade. A situación, pola contra, só se pode cualificar de insatisfactoria en cidades como Sevilla (só unha escola das doce examinadas superou os catro apartados), Valencia e Granada (unicamente o 20% deu superado os catro apartados), Málaga ou Almería (un 30%).

Os técnicos de CONSUMER EROSKI recolleron dos responsables dos centros escolares que os acompañaron na visita ás instalacións non poucas queixas sobre a escasa ou mesmo nula atención que recibiran as súas solicitudes á Administración para seren dotados de medios que permitisen acometer a solución dos problemas de seguridade dos seus colexios e escolas. Así mesmo, alegaron que carecían de dotacións orzamentarias para executaren as reformas necesarias para melloraren os niveis de seguridade dos centros escolares. Outra demanda dalgúns xestores de centros escolares é contar coa colaboración de técnicos especialistas en seguridade escolar da Administración que revisen os parámetros de seguridade e orienten sobre a súa mellora.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto