Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Ferros alisadores de cabelo: Un dos baratos, o que máis gustou

Moi diferentes en prestacións, o prezo non sempre é determinante para indicar a súa calidade

 Os ferros de cerámica para o cabelo acadan os mesmos ou mellores peiteados ca os tradicionais doutros materiais, pero fano sen maltrataren o pelo. Cos antigos ferros de pasar eléctricos era habitual queimar o cabelo ou que as puntas se abrisen. En cambio, os ferros cerámicos (ou recubertos deste material) dan alisado e peiteado o pelo de xeito máis suave e delicado.

Logo de seren analizados no laboratorio, sometéronse a unha proba de uso oito ferros alisadores de cabelo de cerámica ou recubertos dese material que custan dende os 26 euros de Taurus JDL-JDL-50E aos 65 euros de Babyliss C-C-51B. A mellor relación calidade-prezo corresponde ao de Solac, un dos ferros máis baratos (35 euros), o mellor valorado na proba de uso (8,1 puntos sobre 10) e o que máis consumidores mercarían despois de o probaren (o 86% adquiriríano), se ben non dispón de selector de temperatura e tarda moito en alcanzar a temperatura de uso. Outra opción interesante é Philips HP4667, o de maior calidade (quece decontado e acada a temperatura máis alta) e que lles gustou aos consumidores tanto coma Solac, aínda que, iso si, é máis caro: custa 50 euros.

Características técnicas

Os oito ferros ofrecen manuais claros e con toda a información necesaria para o seu coidado, mantemento e utilización. Tamén os seus documentos de garantía se ateñen ao mínimo legal: dous anos nos que o consumidor está cuberto ante fallos de orixe. Braun é o única que non indica o teléfono nin outros datos de contacto do seu servizo de asistencia técnica, pero este punto non é obrigatorio por lei.

É habitual que estes pequenos electrodomésticos se utilicen no cuarto de baño, un ámbito de por si inseguro para os aparellos eléctricos, polo que a súa axeitada robustez e illamento eléctrico son esenciais. As probas de seguridade que deben superar os ferros comproban a construción xeral destes equipos e miden a rixidez dieléctrica, isto é, a tensión máxima que poden aturar os seus illamentos sen perderen as súas calidades. Tamén se calcula a corrente de fuga (a corrente que en condicións normais "sae" do aparello: canto menor sexa esta corrente de maior calidade será o equipo). Todos obtiveron uns valores moi por baixo dos límites, polo que superaron con folgura estas probas. Remington, Babyliss e Philips inclúen un temporizador de apagado, que ao cabo de aproximadamente unha hora desconecta o aparello. Este mecanismo de seguridade foi moi ben valorado polos consumidores que probaron estes ferros. Babyliss, Taurus e Braun son os únicas sen un peche de seguridade para impedir que os ferros se abran cando non estean en uso.

As placas de Solac, Babyliss, Taurus e Palson están confeccionadas integramente en cerámica e as de Philips, Remington, Braun e Rowenta só están revestidas deste material, o que non indica que sexan peores, como demostraron as probas de laboratorio. Philips afirma estar fabricado integramente en cerámica, cando só está revestido de cerámica, polo que suspende en información ao consumidor. Braun tamén suspende polo mesmo motivo, pero, polo menos, indica no seu manual (non na súa embalaxe) a súa composición real.

O peso: canto menos pesen, máis cómodos serán de utilizar. Os máis lixeiros foron Braun (335 gramos) e Taurus (372 gramos), mentres que os máis pesados dobraron eses valores: Palson (685 g) e Rowenta (663 g). Rowenta ten a maior superficie de alisado (59,6 cm2) e Taurus, a menor (25,3 cm2), pero esa superficie pódese conseguir cuns ferros máis longos e máis estreitos ou con outros máis curtos e anchos. Uns ferros longos reducen o número de pasadas (poden alisar máis pelo en cada pasada) e os máis estreitos permiten peiteados máis precisos. As placas máis longas son Solac (106 mm) e Rowenta (100 mm), mentres que as máis curtas son Braun (81 mm) e Babyliss (85 mm). No tocante á súa anchura, as máis estreitas son as de Taurus (28 mm) e as máis anchas as de Rowenta (60 mm).

Cuestión de calidade

Un cable que sexa longo facilitará o uso do equipo. Os de maior lonxitude son os de Solac e Remington, os dous miden tres metros, seguidos de Palson, con 2,60 metros, mentres que o resto quedou por baixo dos dous metros. No tocante á calidade dos cables, os de Taurus e Palson son de polímero reticulado, máis resistente á temperatura (e máis caro) ca o PVC, material que usa o resto. A conexión do cable non é pivotante en Palson e Rowenta, o que fai algo máis incómodo o seu uso.

Solac, Taurus e Palson non permiten controlar a temperatura dos ferros. Braun ofrece un selector de temperatura analóxico (unha ruleta, que permite subir ou baixar a temperatura) e Rowenta conta cun selector de só dúas posicións. Os controis de temperatura de Remington, Babyliss e Philips (os tres equipos máis caros) son dixitais.

En canto aos accesorios incluídos, Remington é o máis completo, xa que ofrece unha funda e un estoxo para gardar os ferros e un DVD no que se explica como tirar todo o partido do aparello. Babyliss e Solac só inclúen unha funda e Palson un cepillo. Nas outras catro, só viñan as pranchas.

O ferro que menos electricidade consume ata que alcanza a temperatura de uso é Braun, con 2,9Wh, seguido de Philips (3,6 Wh), Taurus (4,4 Wh) e Remington (4,6 Wh). Palson necesita moita máis electricidade para o mesmo fin: 20,3Wh. Pero, como a temperatura de uso é diferente en cada equipo, quíxose ponderar cal é máis eficiente e menos enerxía malgasta. Os máis eficientes demostraron ser Braun (61 ºC/Wh) e Philips (54 ºC/Wh). E os que máis electricidade necesitan para xerar calor foron Palson (11 ºC/Wh), Rowenta (14 ºC/Wh) e Solac (21 ºC/Wh).

Se ben non hai unha norma que indique cando un ferro de pasar eléctrico arrefriou abondo como para non resultar perigoso, cóidase que por baixo dos 60 ºC xa se poden tocar as partes metálicas dun electrodoméstico durante un curto período de tempo sen sufrir queimaduras. Quentáronse os ferros ata a súa temperatura máxima e apagáronse para comprobar canto tardaban en chegar a 60 ºC: os máis rápidos son Braun, que necesitou 16 minutos e Taurus, con 18 minutos. Palson e Rowenta precisaron máis de media hora ata que foi seguro tocalos.

Exame práctico

Trinta mulleres que eran usuarias habituais de ferros de pasar eléctricos para alisar o pelo probaron estes oito equipos e valoraron unha trintena de elementos do 1 ao 10. Para evitar apriorismos e prexuízos foi unha proba "cega", é dicir, borráronse as súas marcas.

Cando se lle pediu a cada consumidora que puxese unha nota global a cada equipo, o mellor valorado foi Solac, con 8,1 puntos sobre 10, seguido de Philips (7,9 puntos) e Remington (7,8 puntos). Palson foi o que menos gustou, con 5,6 puntos. Solac e Philips destacaron especialmente nas probas sobre o cabelo. Tamén se lles preguntou ás trinta mulleres se mercarían cada ferro: un 86% dixo que adquirían o de Solac, e un 85% o de Philips. Palson (só o mercarían un 14%), Taurus (23%) e Rowenta (29%) foron os que a menos potenciais compradoras convenceron.

En moitos apartados os oito ferros acadaron resultados positivos e semellantes, pero Remington destacou pola presentación dos ferros (8,9 puntos) e polo axiña que quecía (8,5 puntos). En Philips gustou o seu sistema dixital para controlar a temperatura (8,9 puntos) e a calor que era capaz de dar. Palson suspendeu en ergonomía polo incómodo da situación do seu cadro de mandos. En Taurus, Palson e Solac non gustou que non tivesen control de temperatura. Rowenta, Philips, Taurus e Palson din nas súas embalaxes que amais de alisaren o pelo permiten facer rizos e ondulacións, pero as consumidoras non consideraron que cumprisen de maneira satisfactoria con estes outros labores.

No laboratorio

As diferenzas foron substanciais na temperatura máxima que alcanzan estes equipos e o tempo que necesitan para chegaren a ela. O ferro que chega a unha temperatura superior é Philips, con 251 ºC. Ademais, é o que menos tarda en alcanzar esa cota: pouco máis de tres minutos. Remington tamén demostrou unha excelente aptitude e alcanzou os 233 ºC en apenas 4 minutos. Taurus, en cambio, necesitou 46 minutos para chegar a 155 ºC. Pero hainos que precisan aínda máis tempo para alcanzaren a súa temperatura máxima: Rowenta (110 minutos para 198 ºC) e Palson (107 minutos para 239 ºC). Pero, poucas veces o usuario necesitará a temperatura máxima, por iso tamén se mediu a temperatura media se o equipo está unha hora aceso. E considerouse que a temperatura á que se poden empezar a utilizar era ao 95% dese valor. A temperatura de uso máis alta son as de Palson (227 ºC) e Solac (221 ºC). Taurus, con 147 ºC de temperatura de uso, quedou no peor valor. E, confirmárono as consumidoras cando afirmaron que é o ferro co que máis pasadas hai que dar para dar alisado o cabelo.

Unha das queixas máis recorrentes dos usuarios destes equipos é o tempo que deben agardar dende que os conectan ata que quecen abondo para seren utilizados. Por iso, calculouse canto lle levaba a cada ferro chegar á súa temperatura de uso: Philips apenas necesitou un minuto e Remington minuto e medio. Palson (15 minutos), Solac (13,8 minutos) e Rowenta (13,5 minutos) precisaron de bastante máis tempo.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto