Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Novos riscos para a apnea do sono: Os ronquidos, algo máis ca ruídos molestos

Para que se catalogue como enfermidade, unha persoa debe sufrir entre 5 e 10 interrupcións respiratorias (apneas/hipoapneas) por hora durante o sono, aínda que pode acadar, en casos extremos, ata 90 durante o mesmo período

 Un ronquido é algo máis ca un ruído molesto: pode ser o sinal de alarma dunha apnea do sono. Ás consecuencias xa coñecidas da falta de sono reparador, súmanse agora as detectadas en pacientes con risco cardiovascular ou a asociación con alteracións cognitivas en nenos. A apnea do sono é unha enfermidade que se identifica polos fortes ronquidos de quen a padece, que en España é entre un millón e dous millóns de persoas. O motivo son as pausas respiratorias que se presentan mentres se dorme, que poden ir seguidas de pequenos lapsos de espertar, denominados microespertares. Como consecuencia, aparece a somnolencia diúrna por falta de descanso reparador que, nalgúns casos, deriva en crónica.

A falta de sono reparador xera, en especial se se mantén durante longos períodos de tempo, unha permanente sensación de cansazo, a tentación de durmir en calquera sitio e situación, problemas de concentración e de perda de memoria, irritabilidade, dor de cabeza, diminución da libido ou mingua do rendemento laboral, amais do perigo de sufrir todo tipo de accidentes.

Pero non rematan aí os problemas. Estudos recentes asocian a apnea do sono cun maior risco en pacientes con enfermidade cardiovascular e con alteracións de carácter cognitivo en nenos. As interrupcións respiratorias durante a noite acaban repercutindo, ao parecer, no rego sanguíneo en áreas concretas do cerebro. De aí os efectos a medio e longo prazo no desenvolvemento intelectual do neno e, en pacientes de risco cardiovascular, o maior risco de ictus cerebral.

Problema de saúde pública

A apnea do sono, tamén chamada Síndrome de Apnea-Hipoapnea (SAHS), debería ser considerada "un problema de saúde pública". Xa non só polo peso das consecuencias da falta de sono reparador (os pacientes con SAHS teñen entre 7 e 10 veces maior risco de padecer accidentes de tráfico e maior proporción de accidentes laborais e domésticos), senón pola progresiva mingua de calidade de vida dos afectados se a enfermidade non se atalla a tempo.

Non obstante, hai que aclarar que un ronquido non sempre é sinónimo de enfermidade. En xeral, o SAHS aparece de maneira progresiva. Os ronquidos son o primeiro e máis rechamante signo de alarma, pero non son os máis significativos. Os espertares súbitos e asfixiantes, con sensación de afogo incluída, amais da detección de problemas asociados á falta de sono, son motivos máis ca suficientes para acudir á consulta do especialista. Se se trata dun varón de mediana idade con exceso de peso ou obesidade, completarase o perfil típico do paciente con SAHS. Este trastorno padéceno de un a dous millóns de persoas en España, entre os cales hai unha proporción importante aínda que significativamente menor de mulleres. Segundo o Documento de Consenso de SAHS, asinado por 17 sociedades e asociacións científicas españolas, sófreo o 2% da poboación feminina e o 6% da masculina, amais dunha proporción de nenos que oscila entre o 1% e o 3% do total.

En calquera caso, para que este problema de saúde se considere patolóxico, unha persoa debe sufrir entre 5 e 10 interrupcións respiratorias (apneas/hipoapneas) por hora durante o sono, aínda que pode alcanzar, en casos extremos, ata 90 durante o mesmo período. Cada unha delas debe durar polo menos 10 segundos, tempo en que o aire non entra nin sae dos pulmóns. Neste período o cerebro non recibe suficiente achega de osíxeno (hipoxemia). Se o problema se prolonga no tempo, pode darse un déficit na irrigación do cerebro con consecuencias para o organismo, tanto en adultos coma en nenos.

Nenos roncadores

 Tamén hai nenos roncadores. Na súa maioría son os que padecen a denominada Síndrome da Apnea Obstrutiva do Sono (SAOS). A patoloxía afecta ao 1% o 3% dos nenos. En moitos casos débese ao tamaño demasiado grande das amígdalas, anomalía que hoxe se corrixe mediante cirurxía láser e sen necesidade de extirpalas, como acontecía anos atrás. Agora ben, cómpre reparar nesta síndrome porque pode desencadear problemas de saúde cun impacto directo no desenvolvemento físico e mental do neno. Segundo parece, o seu coeficiente intelectual ou o seu nivel de atención pódense ver alterados.

Segundo un estudo presentado por Jordi Coromina, do Centro Médico Teknon, no Congreso da Sociedade Española de Pediatría Extrahospitalaria e Atención Primaria (SEPEAP) que tivo lugar en outubro do 2007 en Barcelona, os nenos con SAOS poden sufrir unha perda de 10 puntos no seu coeficiente intelectual e triplican o risco dun trastorno de déficit de atención por hiperactividade (TDAH). Estas consecuencias maniféstanse no rendemento escolar, xa que por mor dun descanso deficitario durante a noite non poden prestar a suficiente atención e amósanse somnolentos ou, pola contra, moi excitados.

Outros efectos da apnea do sono no organismo do neno roncador son trastornos na forma da cara (como os 'dentes de cabalo'), enurese nocturna (ou incontinencia urinaria durante a noite), cansazo diúrno e un baixo desenvolvemento do peso e da altura.

En adultos, a deficitaria irrigación do cerebro pode resultar fatal en pacientes con hipertensión arterial xa que a longo prazo pode elevar o risco de ictus isquémico (infartos cerebrais). Do mesmo xeito, poden favorecer infartos de miocardio. O risco normalízase cando os pacientes reciben o tratamento axeitado.

Diagnóstico laborioso

 O especialista encargado de estudar e tratar o SAHS é o neumólogo. Os estudos para diagnosticar a enfermidade son laboriosos e é posible que na sanidade pública o paciente teña que agardar meses tanto para o diagnóstico como para o tratamento. As unidades do sono, onde se realizan estes estudos, aumentaron notablemente nos últimos anos, pero aínda nun número insuficiente.

A apnea do sono valórase mediante a poliosomnografía, técnica que permite facer simultaneamente varios rexistros nocturnos das ondas cerebrais, movementos oculares e ton muscular, parámetros necesarios para saber en que estado de sono/vixilia se atopa o paciente. Outras técnicas, como a poligrafía cardiorrespiratoria, permiten valorar a saturación de osíxeno, o fluxo de aire polo nariz, o fluxo oral ou as alteracións do ritmo cardíaco.

Tratamentos

 Os tratamentos son os mesmos para todos os tipos de apneas do sono que, con independencia da súa orixe (central ou obstrutiva), teñen un prognóstico similar. Os principais tratamentos son:

  • Medidas hixiénico-dietéticas: A principal medida que se recomenda é perder peso. Cando o paciente consegue reducir uns quilos pódese reverter o problema sen ter que aplicar outro tratamento.
  • CPAP (Continuous Positive Airway Pressure, nas súas siglas inglesas): É o tratamento máis común. Trátase dunha máscara que se adapta ao nariz e que vai unida a unha turbina que xera unha corrente de aire. Esta corrente aumenta a presión do aire nas vías aéreas e impide que se produza unha presión obstrutiva. Se o problema non reverte, pode aconsellarse o uso de máscara de por vida para durmir. Aínda que á maioría dos afectados os beneficia enormemente, entre un 15% e un 20% dos pacientes non toleran este tratamento.
  • Autopcap: Dispositivo semellante ao anterior pero cun sensor que permite medir a presión aérea en cada momento, adaptándose ás necesidades das distintas apneas que poidan producirse. Son sistemas moi caros, polo que non están moi espallados.
  • Cirurxía: Distintas solucións cirúrxicas poden ser unha alternativa en pacientes que non responden á CPAP e que tampouco dan adelgazado. Entre elas, destaca a uvulopalatofaringoplastia, unha extirpación do padal brando, a úvula e as amígdalas que se pode practicar mediante láser, radiofrecuencia ou cirurxía convencional.
  • Dispositivos de mandíbula e boca. O obxectivo destes dispositivos é adiantar a mandíbula e abrir o paso da zona posterior (a farinxe) para que pase o aire. Non obstante, aínda non se traballou moito con eles.
  • Traqueotomía: Só se practica en situacións extremas para facilitar a respiración.

Consellos para o paciente

  1. Perder peso
  2. Non durmir boca arriba, mellor de lado ou boca abaixo.
  3. Evitar ver a televisión ou escoitar a radio ao deitarse.
  4. Non tomar sedantes ou tranquilizantes, xa que poden favorecer a apnea do sono.
  5. Abandonar o alcohol e o tabaco, que poden agravala.
  6. Extremar as precaucións durante a condución e facelo só baixo tratamento.
  7. Evitar a condución con sono, sen compañía, despois dunha comida abundante.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto