Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Arroz con leite: O envase non fai o arroz con leite

Os catro máis caros (dous saen a máis de 7 euros o quilo) comercialízanse en frasco de cristal ou en tarro de barro pero non son máis saborosos nin máis saudables ca os que veñen en envase de plástico

 O arroz con leite envasado é unha sobremesa doce de receita sinxela que, paradoxalmente, ten entre sete e dez veces máis leite ca arroz, e, mesmo a miúdo, máis azucre ca arroz. Amais destes ingredientes principais, son comúns a casca de limón e a canela, ou os seus aromas. Así mesmo, poden conter nata, vainilla, leite en po, leite concentrado, amidón, aromas e estabilizadores.

Aínda que sexa un preparado lácteo, non conta cunha normativa que regule os seus ingredientes ou composición e que fixe os seus parámetros de calidade. Para facer un arroz con leite abonda con cocer devagariño arroz en leite con azucre. A canela e o limón engádense para aromatizalo. A industria alimentaria, no básico, segue a receita tradicional. Logo de se lle engadir ao leite todos os ingredientes, sométese a mestura a un tratamento térmico suave que completa a elaboración do produto, que se debe manter conservado en frío e que ten como vida útil poucas semanas. Se o proceso térmico é máis severo, acádase unha esterilización que elimina os microorganismos e que fai posible que a conservación non requira frío e que o período de consumo se prolongue varios meses.

CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e someteu ao seu panel de cata oito mostras de arroz con leite en envases e pesos ben distintos, que custan dende os 2,82 euros/quilo que custaba o único que se conserva sen frío (Pascual) ata os 7,64 euros/quilo de Kaiku ou os 7,38 euros/quilo de Goshua.

En poucas palabras, os resultados

A análise desvelou o perfil nutricional destes arroces con leite: ricos en hidratos de carbono (22% do produto, de media) e pobres en proteínas (3%) e graxa (tamén o 3%), non son tan enerxéticos como se podería pensar, xa que -de media- cen gramos achegan unhas 125 calorías. O máis azucrado e calorífico foi Casería La Madera e o que menos, Danone. O que máis leite contén é Goshua, mentres que Pascual e Central Lechera Asturiana son os de máis arroz.

A única irregularidade detectada é que a metade das mostras incumprían a norma de etiquetaxe: dúas non indican a cantidade de arroz e, ademais, parte da información vén en letra moi pequena. E outras dúas denomínanse "alimento natural", cando teñen prohibido indicalo, xa que todos os arroces con leite o son. A análise de transxénicos demostrou que ningún contiña ingredientes modificados xeneticamente, e a análise microbiolóxica, que o estado hixiénico-sanitario era satisfactorio en todos. Na cata, "apreciáronse diferenzas significativas entre as mostras en todos os parámetros analizados", que foron aparencia, sabor, sensación ao mastigar e sabor residual. Destacou Casería La Madera (7 puntos), e os peores foron Dhul, Kaiku, Pascual e Central Lechera Asturiana, que non superaron os 5,5 puntos.

A mellor relación calidade-prezo é Danone, que gustou na cata e que é o menos azucrado e calorífico e un dos máis baratos. Se se prioriza o organoléptico (sabor, textura, aroma...), a opción máis conveniente é Casería La Madera (5,33 euros/quilo). Os catro máis caros comercialízanse en tarros de cristal ou en envases de barro, probablemente para lle trasladar ao consumidor a imaxe dun produto artesanal ou máis selecto, pero non teñen mellor composición nutricional nin resultan máis sabedores ca os demais, presentados en envases de plástico semellantes aos da crema.

Máis leite ca arroz

O ingrediente principal é o leite nas súas diferentes versións (enteiro ou desnatado, e nata). É máis, o arroz ocupa a segunda posición só en Kaiku, Pascual e Central Lechera Asturiana; no resto, queda en terceira posición, por detrás do azucre. Sete conteñen canela e limón (que poden ir en forma de aromatizantes), e Danone emprega só canela. Estes cinco ingredientes básicos son os únicos que conteñen os arroces con leite Kaiku, La Madera e La Ermita. Goshua, Danone e Dhul incorporan nata; Danone engade tamén leite desnatado rehidratado, e Dhul, leite en po e vainilla. Para rematar, Central Lechera Asturiana é o único que emprega sal. O arroz, por rico en amidón, ten unha gran capacidade de xelatinización, polo que non se precisan espesantes, xelificantes nin estabilizantes para acadar a textura cremosa que caracteriza ao arroz con leite. Pascual é o único que emprega un destes aditivos, un estabilizante.

A humidade, a auga, representou dende o 67% en La Madera ata o 74% en Danone e en Kaiku. Unha porción de arroz con leite contén entre o 70% e o 80% de leite, e o arroz representa só entre o 6% e o 11% do produto, mentres que o azucre engadido equivale a entre o 7% e o 15%. De media, achega 123 calorías por 100 gramos, se ben hai que considerar que a porción individual deste produto é de 135-140 gramos. Cada tarro de arroz con leite achega de media unhas 175 calorías, menos ca sobremesas lácteas como cremas ou mousses, pero máis ca os iogures. Esta discreta achega calorífica faino interesante como sobremesa para os que precisan unha dose extra de calorías (nenos, adolescentes, deportistas...). E como resulta doce, saboroso, doado de mastigar e achega nutrientes esenciais, pode servir para que coman entre horas os que se amosan inapetentes ou están convalecentes.

De media, os hidratos de carbono supoñen o 22% do produto e proceden do arroz, do azucre engadido (sacarosa) e da lactosa ou azucre do leite (o leite ten uns 5 gramos de azucres cada cen gramos). Sacarosa e lactosa son hidratos de carbono sinxelos ou de rápida asimilación, mentres que o amidón do arroz é un hidrato de asimilación lenta, máis conveniente. A sacarosa (o azucre engadido) vai dende o 7% de Danone ou Kaiku ata o 15% de La Madera (un sobre de azucre contén 10 gramos; un arroz con leite La Madera -210 gramos- tres sobres de azucre). O contido de lactosa (azucre exclusivo do leite) indica a cantidade de leite. O máis rico en leite, e con gran diferenza, é Goshua (6% de lactosa); no resto, varía entre o 2,7% de Central Lechera Asturiana e o 3,9% de La Ermita. O contido en hidratos de carbono complexos (amidón, é un indicador da cantidade de arroz) foi dende o 7% en Goshua ata o 11% en Pascual e Central Lechera Asturiana. Pódese concluír que, agás Central Lechera Asturiana, os azucres simples superan aos complexos.

O contido proteico representa dende o 2,5% de La Madera ata o 4% de Goshua. O menos graxo foi Pascual (1,5% de graxa), e os máis graxos, La Ermita e Central Lechera Asturiana, cun 3,5%. Non é un contido excesivo para unha sobremesa. Calcio e fósforo, por outra banda, son os minerais máis abundantes no arroz con leite, que se pode converter nun substituto do leite para as persoas ás que lles desagrada tomar o leite tal cal, sempre tendo en conta que é unha sobremesa láctea azucrado e que a cantidade de leite é menor no arroz con leite ca nun vaso de leite ou nun iogur.

O arroz con leite e a saúde

Leite, alerxias e intolerancias

Ao se tratar dun produto lácteo, o seu consumo está contraindicado en persoas con alerxia á caseína, a proteína máis abundante do leite. E desaconséllase o consumo de arroz con leite por parte de quen amose intolerancia á lactosa (azucre do leite).

Azucre, diabete e exceso de peso

O arroz con leite é unha sobremesa láctea azucrada, polo que debe limitar o seu consumo quen sufra de diabete, obesidade e hipertrigliceridemia.

Arroz con leite e celiaquía

O arroz é un dos poucos cereais aptos para quen sofre intolerancia ao glute. Así e todo, aínda que leite, arroz e azucre son compatibles cunha dieta sen glute, algúns fabricantes engaden aromas sen especificaren a súa procedencia. Por precaución, e, xa en xeral, os celíacos non deberían consumir produtos elaborados que non se declaren libres de glute, nin os que non especifiquen todos os seus ingredientes. O risco é importante. Se lles gusta o arroz con leite, unha alternativa segura para os celíacos é elaboralo na casa: a receita é moi sinxela.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto