Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Cepillos de dentes a pilas e con batería: Non son necesarios os máis caros

Non é preciso recorrer aos máis caros para adquirir un cepillo que cumpra sobradamente a súa función

 Os cepillos de dentes eléctricos non teñen por que ser máis efectivos ca os manuais, pero si poden facer máis boa de levar unha tarefa necesaria, aínda que tediosa, na que a clave non é o sistema empregado, senón o método e a constancia. Iso si, non son só un cómodo capricho: polo doado do seu uso (non requiren ningunha forza nin moita destreza), son especialmente útiles para que as persoas anciás ou minusválidas poidan manter unha hixiene bucal axeitada.

Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso tres cepillos de dentes a pilas e catro provistos de batería, dous de gama media e outros dous de gama alta. Os cepillos a pilas son os máis baratos (dos 8,75 euros de Binaca aos 18 euros de Braun Advancepower) seguidos dos eléctricos económicos (andan sobre os 20 euros). Os dous de gama alta superan os 100 euros. Pero, tan importante como o prezo do produto é o do cabezal, que se debe cambiar cada tres meses. Por exemplo, o de Philips Sonic Care ascende a 17 euros, moi por riba dos 50 céntimos do de Binaca. Por iso, e como o número de cabezais que vén con cada cepillo difire duns modelos a outros, calculouse o prezo de utilizar estes equipos durante dous anos (o cepillo e mais os cabezais necesarios): Braun Professional Care é o máis caro (140 euros) e Binaca é, de lonxe, o máis barato (12,25 euros).

Tan dispar rango de prezos inflúe na calidade? Os dous equipos máis caros demostraron unha calidade superior e o máis barato, a peor con diferenza. Non obstante, os produtos de prezos medios cumpren folgadamente a súa función, polo que a mellor relación calidade prezo para os que busquen un equipo a pilas é Colgate Actibrush (36 euros ao cabo de dous anos), e para os que o queiran a batería é Braun Vitality (50 euros): os dous convenceron ao 80% dos consumidores e superaron con folgura a análise. Para os que busquen un produto de calidade superior, unha opción interesante é Braun Professional Care (140 euros). Os sete son seguros, e a única etiquetaxe incorrecta é a de Binaca Aquafresh, que vén en inglés, e non en castelán como indica a norma.

A importancia do cabezal

Como dous dos cepillos Braun analizados incorporan o mesmo cabezal, só se analizaron no laboratorio seis cabezais: Braun Oral-B Pro White e Precision Clean, Philips Sensiflex e Elite, Binaca Aquafresh Duo-Clean e Colgate Multiaction.

Un cepillo pequeno permite chegar mellor a todas as zonas da boca, mesmo ás moas posteriores. Os cabezais dos Braun son redondos e os máis pequenos do estudo. Os de Colgate, Binaca e Philips Sensiflex son dobres (unha parte do cabezal amplía a zona de limpeza ou permite chegar aos recunchos) e o de Philips Elite conta coa clásica forma dun cepillo de dentes convencional. Os de Braun e Binaca rotan, mentres que Colgate ofrece unha dobre rotación (cada cabezal rota nun sentido distinto). Philips Elite é oscilante, e Philips Sensiflex combina rotación con oscilación.

Canto maior sexa o número de fibras, maior será a súa superficie limpadora. Binaca conta co maior número de guechos totais (43), seguido de Philips Sensiflex con 35. Oral-B Pro White só ten 16 guechos. Pero este dato pode ser enganoso, porque Oral-B Pro White ofrece o maior número de fibras en total (250 fibras). Aquafresh conta co cabezal menos poboado. A diferente cor dos guechos non está relacionada coa súa eficacia. O diámetro dos guechos inflúe na dureza do cepillo: os filamentos máis finos son os dos recambios de Oral-B e os máis grosos os de Binaca, Colgate e Philips Sensiflex.

Fibras de diferente lonxitude

O de Binaca é o único cabezal no que todas as fibras son da mesma lonxitude, o que fai que a súa superficie de limpeza sexa plana e polo tanto menos eficaz para adaptarse ao contorno do dente. Os cabezais con fibras de lonxitudes diferentes (e polo tanto mellores) son os dous de Philips. No proceso de fabricación dos cabezais, tras cortar as fibras, débense redondear e pulir para que non queden arestas nos seus extremos. Os seis demostraron estar ben pulidos.

Probouse a resistencia ao desgaste dos cabezais someténdoos a un uso intensivo durante tres horas que simulaba unha utilización convencional durante tres meses. O cabezal movíase de forma rectilínea a 150 translacións por minuto sobre unha placa metálica de desgaste de aluminio con rañuras cónicas. Philips Elite obtivo o peor resultado, se ben é certo que é o aparato que conta con fibras de maior longura, co que o efecto do desgaste se nota menos. Os que menos se desgastaron foron Oral-B Precision Clean (5%), Colgate (6%) e Oral-B Pro White (8%). Tamén se comprobou a forza necesaria para arrancar as porcas do cabezal. O mínimo que deben soportar son 1,5 decaNewtons. Os seis cabezais aprobaron.

Comportamento eléctrico

 En termos xerais, os de pilas aguantan máis ca os de batería. Braun Advancepower é o mellor (6 horas e 50 minutos, mes e medio de cepillados) e Braun Vitality é o que menos dura aceso (46 minutos, apenas 5 días de cepillados). Tamén se mediu o número de rotacións por minuto e comparouse co que duraban acesos. Así, o de máis oscilacións é Braun Advancepower, que acada o dobre de rotacións ca o segundo, Binaca Aquafresh. Tamén se mediu a potencia en baleiro e con diferentes cargas ata bloquear o motor. Se nin sequera coa máxima forza se bloqueaba o motor, parábase coa man. Braun Advance Power, Colgate e Braun Professional Care foron os mellores e só se puideron bloquear coa man. Philips Sonic Care non puido medirse nas dúas últimas probas porque o seu funcionamento non se basea en rotacións, senón en oscilacións.

Os cepillos eléctricos están a miúdo en contacto coa auga, polo que deben garantir unha axeitada estanquidade. Os sete superaron as probas normalizadas a 15 centímetros e a 1 metro de profundidade. Para comprobar a estanquidade do compartimento de pilas abriuse e pechouse dez veces, sen que se apreciasen defectos nin deformacións. A apertura do de Braun foi algo máis difícil ca a do resto.

Nos cepillos de batería é importante saber o tempo que tardan en cargar. Nos catro é similar, e moi considerable: sobre as 20 horas, polo que o usuario se verá obrigado a utilizalos cando aínda non se acabaran de cargar. No tocante á súa seguridade, os catro aproban as estritas normas de corrente de fuga, rixidez dieléctrica e características do dispositivo de ancoraxe do cable de alimentación.

Calidade global

Ponderáronse todas as probas para descubrir cal é o cepillo de mellor calidade. Entre os de batería, Philips Sonic Care e Braun Professional Care (os dous de gama alta) resultaron os mellores, cunha valoración de "moi bos", mentres que Philips HX 1622 e Braun Vitality quedaron en "bos". O mellor dos que funcionan a pilas foi Braun Advancepower, que, xunto a Colgate, conseguiu chegar ao "bo". Binaca suspende cun "regular" polos seus pobres resultados e por non incorporar as etiquetaxes en castelán como indica a lei.

Opinan os usuarios

Pedíuselles a vinte usuarios que cepillasen os dentes con estes equipos tal e como o farían na casa. Puntuaron diferentes apartados do 1 ao 10 e decidiron se mercarían ou non o produto (sen saberen o prezo).

Entre os cepillos de batería gustou especialmente Braun Professional Care (7,9 puntos sobre 10 e mercaríano o 75% dos usuarios), pola calidade e polo número dos seus accesorios: vén con dous cepillos de dentes e tres cabezais. Foi o mellor valorado en todos os apartados, salvo en selección de velocidade, no que gustou máis Philips Sonic Care (o resto de cepillos non dispón desta función). Nos demais apartados, Philips Sonic Care (6,1 puntos) xerou un alto índice de rexeitamento (o 70% non o adquirirían) pola súa tecnoloxía de limpeza, que, segundo os consumidores, "vibra en exceso xerando unha sensación incómoda na boca". Braun Vitality (7,1 puntos; o 80% de usuarios mercaríano) destacou pola súa ergonomía, movemento do cabezal e efectividade e en Philips HX1622 gustou o tamaño pequeno do seu cargador.

O mellor valorado dos de pilas foi Colgate Actibrush (7 puntos) polo seu deseño e pola forma do cabezal e só se coidou que cumpría mellorar o interruptor. A pouca distancia quedou Braun Advancepower (6,8 puntos). Binaca Aquafresh, a pilas, foi amplamente rexeitado polos consumidores, o 95% non o mercaría: pola súa pouca efectividade, polo seu criticado deseño e por ofrecer un cabezal que, segundo os consumidores, "non está á altura do resto".

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto