Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Os menos graxos e azucrados gústanlles igual e son máis saudables: Cereales infantís de almorzo

Adecuados para variar os almorzos e facelos máis completos e nutritivos, son enerxéticos e gústanlles aos nenos. Elixir os máis saudables, a clave

 

Os cereais en flocos ou expandidos constitúen unha boa opción para a primeira parva do día, porque teñen menos graxa ca a pastelaría e achegan unha cantidade axeitada de hidratos de carbono, fibra, vitaminas e minerais. Hai moitas clases de cereais de almorzo e, en contra do que se podería pensar, acertar no tipo de cereais que se consomen decote non é unha cuestión menor. Os nenos deben alimentarse, desde os seus primeiros anos de vida, dun xeito saudable: o aumento da incidencia da obesidade infantil considérase xa, pola súa irrefreable tendencia á alza, un problema de saúde pública nas sociedades máis desenvolvidas. Os nutricionistas aconsellan que os almorzos se conciban nas familias como unha comida máis, e que cando se opte por estes cereais transformados se elixan os que conteñan menos azucres, graxas saturadas e sal. A boa noticia é que os pais non deben temer que os nenos os rexeiten. Porque, como demostra a cata realizada por CONSUMER EROSKI para a análise comparativa de 11 mostras de tres das variedades de cereais de almorzo máis consumidas no noso país (azucrados, chocolateados e con mel), os nenos non aprecian a diferenza entre os cereais de almorzo máis saudables e os demais: gústanlles igual uns e mais os outros.

Que son

Os cereais analizados obtéñense a partir de diversos grans de cereal, principalmente de trigo, millo, arroz, e por veces, da mestura de fariñas (millo, arroz, avea e trigo). A gran variedade de produtos determínana tanto o seu proceso de elaboración coma os ingredientes incorporados. Ademais dos propios cereais, azucre, mel e chocolate ou cacao, como ingredientes comúns inclúen aditivos como edulcorantes (frutosa, xarope de glicosa-frutosa), aceite vexetal, sal, extracto de malte de cebada e colorante (caramelo, beta-caroteno). Ademais, engádenselles vitaminas do complexo B (tiamina, riboflavina, niacina, ácido fólico, piridoxina e vitamina B12), vitamina D, e diversos minerais, polo xeral, calcio e ferro. Tamén poden conter outros ingredientes, como leite en po, ovo e froitos secos.

Son moi enerxéticos (cen gramos destes cereais achegan entre 350 e 400 calorías, segundo as mostras), debido tanto ao seu gran contido en hidratos de carbono (entre o 74% e o 82% do produto, segundo a mostra de que se trate) como á súa cativa cantidade de auga. A achega de proteínas (entre o 5% e o 9%) e graxas (entre o 1% e o 8%) varía moito entre as mostras analizadas e sempre depende máis dos ingredientes engadidos ca do tipo de cereal. Importante é tamén a cantidade de fibra (entre o 5% e o 8% do produto).

As conclusións

O estudo comprobou que todas as mostras se axustaban aos requisitos fixados pola norma de calidade (grao de humidade), que as súas etiquetas ofrecían toda a información obrigatoria, que o seu estado hixiénico-sanitario era correcto e que non contiñan ingredientes modificados xeneticamente. A medición da cantidade de vitaminas realizada no laboratorio revelou que, neste caso e polo xeral, estes cereais de almorzo se axustan ao declarado nas súas etiquetaxes. A excepción tivo como protagonista a vitamina B2: os cereais Kellogg's Chocos contiñan un 36% menos de B2 do declarado e Nestlé Estrellitas un 39% menos, déficits abondos para incumprir a norma de etiquetaxe. Para compensar a marxe de erro da metodoloxía analítica e asegurar a fiabilidade do resultado, consideráronse incorrectos resultados por riba do 30% de déficit en vitaminas respecto do declarado.

No aspecto nutricional, a análise de graxas revelou que en dous destes once cereais o perfil lipídico era pouco saudable: non só a metade da súa graxa era saturada (iso ocorreu tamén noutras dúas mostras) senón que ademais eran os de máis graxa total (7% e 8% do produto). Por outra banda, o contido de graxas trans (menos saudables aínda ca as saturadas, proveñen da hidroxenación parcial de aceites vexetais) comprobouse irrelevante: catro mostras carecían de graxa trans, en tres representaba só un 0,10% do total da graxa, e unicamente nunha (que ademais tiña moi pouca graxa: o 1%) a trans era o 0,60% da graxa.

Os cereais máis azucrados foron Nestlé Cheerios, Kellogg's Chocos (ambos, un 46% de azucre), Kellogg's Smacks (44%), Nestlé Chocapic Duo e Kellogg's Frosties (ambos, 42% de azucre). E os máis salgados, Nestlé Cheerios (640 mg de sodio/100 g) e Kellogg's Choco Krispies (500 mg/100 g). A mellor relación calidade-prezo é Nestlé Nesquik, chocolateados, os cereais máis baratos (saen a 4,88 euros o quilo) e cunha boa composición nutricional.

Fortificados en vitaminas e minerais

Os fabricantes das once mostras estudadas fortifican os cereais de almorzo con vitaminas e minerais. Pero non incorporan estes micronutrientes dun nun, senón en forma de preparados que lles mercan a empresas especializadas e nas concentracións exactas que o fabricante estableceu en cada produto. Por iso, aínda que algúns dos cereais analizados chegan a estar enriquecidos ata con 10 vitaminas e varios minerais, o laboratorio analizou só tres vitaminas (niacina, B1 e B2), presentes en todas as mostras. Se hai déficit nas tres vitaminas, moi probablemente haberá un baixo contido en boa parte delas. Os resultados da análise específica de laboratorio indican que, polo xeral, os fabricantes enriquecen os seus produtos tal e como indican nas súas etiquetaxes e que o fan en cantidades semellantes ás declaradas, ata nalgúns casos as concentracións atopadas foron superiores ás anunciadas. Pero en dúas mostras a cantidade de vitamina B2 foi inferior á declarada na etiqueta; en concreto un 36% inferior en Nestlé Estrellitas e un 39% menor en Kellogg's Chocos. Tendo en conta que nestas mostras a cantidade das outras dúas vitaminas analizadas se axustaba ao declarado, non pode concluírse que a cantidade das vitaminas engadidas non analizadas fose inferior á declarada.

Os cereais de almorzo infantil fortificados con vitaminas e minerais considéranse alimentos funcionais dado que axudan a cubrir unha parte das necesidades nutritivas de vitaminas e minerais en etapas de crecemento e desenvolvemento. Algúns destes nutrientes interveñen como cofactores de reaccións implicadas no metabolismo e na obtención de enerxía dos nutrientes e, polo tanto, son de grande importancia para os nenos en pleno crecemento. No entanto, se a dieta infantil é variada en alimentos e ben proporcionada en cantidades os nenos poden cubrir con alimentos naturais as súas necesidades destes nutrientes.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto