Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Plan de pensións e vivenda, a senda da desgravación

Os plans de pensións, as contas vivenda e as hipotecas ocupan os primeiros postos para deducir impostos malia as novidades fiscais que acompañan á nova lei do IRPF

 Vítimas da síndrome do "todo para o último día", moitos aforradores interesados en lograr as mellores desgravacións só se lembran a finais de ano de consultar as opcións financeiras. A utilización destes instrumentos cobra especial interese porque a fiscalidade cambiou respecto a exercicios anteriores, debido á entrada en vigor o 1 de xaneiro do 2007 da nova lei do IRPF. A pesar das modificacións, os plans de pensións, as hipotecas e as contas vivendas seguen sendo os mellores instrumentos para lle axudar ao aforrador a recortar a súa factura fiscal. Así e todo, convén ter en conta as novidades que se introduciron este exercicio e que terán efectos prácticos, por primeira vez, na Declaración da Renda que presenten os contribuíntes a partir do mes de maio.

Plans de pensións

 Se unha persoa ten a sorte e a capacidade de aforrar, é moi aconsellable facer achegas anuais ao seu plan de pensións. Esta segue sendo unha práctica cun beneficio fiscal innegable. As achegas realizadas a un plan de pensións diminúen a base impoñible do imposto da renda, é dicir, réstanse dos ingresos. Polo tanto, reducen a cantidade de impostos que o contribuínte ten que pagar, en caso de que iso aconteza, ou permiten incrementar a devolución de Facenda, no caso contrario. Iso si, hai que ter en conta que se fixa un límite ás achegas que se poden realizar a un produto deste tipo para reducir a base impoñible do IRPF.

Precisamente, a reforma fiscal que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2007 aumentou no territorio xeral do Estado o límite de achegas que poden realizar os aforradores con menos de 56 anos. Ata o ano 2006, o límite xeral de achegas situábase en 8.000 euros anuais e incrementábase en 1.250 euros por cada ano adicional a partir dos 53 anos, ata chegar a un máximo de 24.250 euros. Dende o 1 de xaneiro de 2007, as achegas poden alcanzar os 10.000 euros ata os 50 anos e sitúanse en 12.500 euros a partir desa idade.

Achegas límite a plans de pensións para reducir a base impoñible do IRPF
Idade do partícipe (anos) Límite (ata 2006) Límite (ata 2007)
Ata 50 8000 10000
51 8000 12500
52 8000 12500
53 9500 12500
54 10500 12500
55 11750 12500
Máis de 65 0(1) 12500

(1) Ata o 31 de decembro de 2006 non se pode aportar a propia xubilación ou dependencia

Outra das novidades incluídas na última reforma do IPPF é que se permite que os partícipes de máis de 65 anos, incluídos os xubilados, poidan realizar achegas (ata 12.500 euros anuais) para a súa propia xubilación ou dependencia, sempre que non iniciaran o cobramento da prestación. Ata o ano pasado, os xubilados só podían realizar as súas achegas a favor dos seus herdeiros, pero non para beneficio persoal, como acontece agora.

Convén saber, en calquera caso, que o límite de 10.000 euros non poderá superar o 30% dos rendementos do traballo e de actividades económicas, nin o importe incrementado de 12.500 euros (para maiores de 50 anos) poderá superar o 50%.

Tamén cómpre ter en conta as diferenzas normativas que se dan na Comunidade Autónoma Vasca e en Navarra. En Guipúscoa, Biscaia e Álava o límite máximo de achegas é de 8.000 euros ata os 52 anos e de 1.250 euros máis por cada ano que supere os 52, ata os 24.250. En Navarra, o límite máximo de achegas é de 8.000 euros (sempre que esta cantidade non supere o 30% dos ingresos obtidos por traballo) e de 12.500 euros (ou o 50% dos rendementos do traballo) para maiores de 50 anos. Canto maiores sexan as achegas realizadas anualmente ao plan de pensións, maior será a cantidade desgravada. O esforzo que faga un contribuínte neste sentido, terá, polo tanto, 'recompensa' na súa próxima Declaración da Renda.

Consellos que cómpre ter en conta en plans de pensións:

  • Achegue todo o que poida a un plan de pensións tendo en conta que é un produto a longo prazo e que non poderá recuperar o seu diñeiro de o precisar. Faga as achegas máximas sempre que teña un exceso de liquidez e non vaia necesitar eses cartos a curto ou medio prazo.
  • Vixíe a rendibilidade do seu plan de pensións: se non está conforme con ela, pode cambiar de produto, mesmo a outro doutra entidade, sen lle ter que pagar a Facenda polo traspaso.
  • Antes de asinar un plan de pensións compare as comisións de xestión, porque as diferenzas entre entidades equivalen, en 30 anos, a importantes cantidades de diñeiro.
  • O capital acumulado nun plan de pensións só se pode rescatar unha vez xubilado o seu titular ou en situacións extraordinarias como paro, invalidez ou falecemento (neste último caso, disporían do capital os herdeiros).

Contas vivenda

 A conta de aforro é, un ano máis, o produto que máis lles interesa aos mozos con nómina e intención de mercar unha vivenda a curto ou medio prazo. O obxectivo destas contas é ir acumulando diñeiro que logo se destinará á compra do primeiro inmoble do contribuínte ou á primeira rehabilitación da vivenda habitual. En principio, calquera conta ou depósito pode utilizarse como conta vivenda se así se expresa na entidade na que se contrata e se así queda reflectido en Facenda.

Sen dúbida, o principal atractivo destas contas é a súa fiscalidade, que tamén varía entre o territorio xeral, o País Vasco e Navarra. En territorio común (é dicir, sen ter en conta as comunidades forais de Navarra e País Vasco), Facenda permite deducir o 15% das cantidades que depositemos na conta, ata o límite de 9.015 euros anuais. Non obstante, para se poder beneficiar desta vantaxe fiscal, o titular da conta comprométese a mercar un piso nun prazo máximo de catro anos. Para poder gozar desa tributación, que permite desgravacións na Declaración da Renda, a única condición necesaria é que nun prazo máximo de catro anos o diñeiro ingresado na devandita conta se destine á compra dunha vivenda ou á rehabilitación da vivenda actual.

En Navarra, a dedución fiscal é tamén do 15% das cantidades achegadas con carácter xeral (ata o límite dos 9.015 euros), aínda que hai excepcións: as unidades familiares con dous ou máis fillos deducen o 18% e as familias numerosas, o 30%. As cantidades depositadas deberanse destinar á primeira adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual antes de que transcorran oito anos dende a finalización do período impositivo de apertura da conta.

Por outra banda, en Navarra para declaracións conxuntas o límite da achega deducible anualmente é de 21.035 euros. Ademais, a dedución en vivenda ao longo de todos os exercicios nos que se aplique a dedución non poderá superar 90.150 euros se a declaración é individual e 210.350 euros en declaración conxunta.

No País Vasco este instrumento é, se cabe, máis atractivo fiscalmente ca no territorio común do país, xa que as deducións fiscais que se poden acadar son maiores. O importe máximo sobre o que se aplica a dedución anual é do 18% do aforro achegado e a dedución anual máxima é de 2.160 euros. Este límite aplícase por cada declaración (individual ou conxunta), e é un límite que abrangue as cantidades investidas na adquisición/rehabilitación de vivenda habitual (non só as cantidades investidas en conta vivenda). Nesta comunidade, as cantidades de aforro en conta vivenda que dan dereito a dedución tamén haberá que destinalas á adquisición ou rehabilitación de vivenda habitual exclusivamente, no prazo de seis anos a partir da apertura da conta. En caso de incumprimento do prazo, deberanse incluír as cantidades deducidas máis os xuros de mora na declaración do IRPF do ano do incumprimento.

Agora ben, nesta comunidade autónoma, se se destinan as cantidades deducidas conseguidas polo aforro dunha conta vivenda a outros fins non se perde o dereito a deducir, sempre que se repoña a cifra disposta antes de fin de ano. Se se destina parcialmente o seu importe a outros fins e non se repón, considérase que as cantidades destinadas serán as primeiras depositadas.

Consellos en contas aforro vivenda:

  • Se ten intención de mercar un piso en breve, é mellor aforrar nunha conta aforro vivenda ca nunha conta ou nun depósito normal. A rendibilidade destes produtos é moi similar, pero o beneficio fiscal é moito maior nas contas aforro vivenda.
  • Pode utilizar unha conta de alta rendibilidade (por exemplo, como as que se ofrecen por Internet, con rendibilidades superiores ao 4%) como conta vivenda se así llo comunica á súa entidade. Será o mellor xeito de tirar partido do seu aforro dende o punto de vista fiscal e de rendibilidade.

Hipotecas

 O único aspecto positivo de contratar un crédito hipotecario é, precisamente, que serve como instrumento para recortar a factura fiscal (sempre que se trate dunha hipoteca sobre a súa vivenda habitual, non sobre segundas vivendas). A cantidade das cotas que se pagaran ao longo de todo o ano (polo xeral mensuais) para pagar a hipoteca tamén se reducen directamente da base impoñible do IRPF. Amortizar capital dunha hipoteca tamén desgrava.

Na Declaración do IRPF cada contribuínte pode deducir o 15% dun máximo de 9.015 euros achegados, é dicir, 1.352 euros. Neste caso, coa entrada en vigor da lei do IRPF de 2007, as deducións por hipotecas diminuíron ao desapareceren as porcentaxes maiores vixentes ata agora nos dous primeiros anos tras a compra de casa con financiamento alleo (ata o 2006, podíanse deducir ata 1.803 euros, mentres que agora a cantidade máxima deducible é de 1.352 euros).

Como adoita ser habitual, o País Vasco conta cunha fiscalidade distinta. Na Comunidade Autónoma Vasca, os contribuíntes que teñan unha hipoteca poderán deducir ata 12.000 euros anuais. En Navarra, non obstante, mantense o mesmo límite ca no territorio común, de 9.015 euros.

Pero, que se pode facer para gozar da máxima dedución mediante unha hipoteca? As persoas que paguen letras mensuais superiores aos 751 euros terán cuberta a cota dos 9.015 euros máximos deducibles do IRPF, co que non terán que facer nada máis porque poderán aproveitar os límites máximos para favorecerse da mellor fiscalidade. Non obstante, se a hipoteca se paga entre dúas persoas ou se as cotas mensuais son inferiores aos 751 euros, cabe a posibilidade de amortizar capital de maneira anticipada para acadar unha maior desgravación. Por exemplo, se a hipoteca se paga entre dous, pódense amortizar ata outros 9.015 euros ou 12.000 euros no País Vasco, xa que cada contribuínte poderá deducir individualmente a súa parte.

Os partícipes que paguen sós a hipoteca e que teñan unha cota inferior aos 751 euros poden facer o cálculo do que pagaron durante o ano (contando doce cotas) e o que lle resta ata alcanzar eses 9.015 euros (ou 12.000 euros no País Vasco). A diferenza pódeselle aboar ao banco mediante unha amortización parcial, para así gozar do maior recorte posible de impostos.

Consellos para tirar o máximo partido fiscal da hipoteca:

  • Amortizar capital de maneira anticipada, sempre que co pagamento das cotas mensuais ao longo de todo un ano non se alcance a cifra de 9.015 euros ou 12.000 euros (por cada titular do préstamo).
  • Ter en conta que os límites de 9.015 euros ou 12.000 euros (no País Vasco) deducibles da base impoñible é por cada titular do empréstito.
  • Se se trata do primeiro ano no que se contratou a hipoteca, convén saber que son deducibles no IRPF todos os gastos relacionados coa adquisición do piso, como os pagados ao notario, escrituras, seguros...

TáBOA COMPARATIVA

Deducións fiscais por investimento en vivenda no territorio xeral
2006 2007
Límite anual 9.015,18 euros 9.015.18 euros
Dous primeros anos
  • 25% de 4.507,59 euros
  • 15% do resto, ata 9.015,18 euros
  • Máximo deducible: 1.803 euros.
  • 15% de 9.015,18 euros.
  • Máximo deducible: 1.352 euros.
Resto del plazo
  • 20% de 4.507,59 euros
  • 15% do resto, ata 9.015,18 euros
  • Máximo deducible: 1.577,65 euros.
  • 15% de 9.015,18 euros.
  • Máximo deducible: 1.352 euros.

Fonte: Elaboración propia.

Fiscalidad por investimento en vivenda habitual: diferenzas entre territorios
CAV Navarra Estado
Menores 35 anos Maiores 35 anos
Dedución e inversion e intereses 23% 18% 15% 15%
Límite para a dedución anual 12.000euros 12.000euros 9015euros 9015euros(1)
Límite dedución por contibuyente desde 1999 36.000euros 36.000euros

Fonte: Caixa Laboral


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto