Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

O coral morre

O Panel Intergobernamental para o Cambio Climático advertiu de que, se a situación non mellora, os arrecifes de coral desaparecerán en 40 anos

 Os arrecifes de coral, un dos ecosistemas máis descoñecidos do planeta, corren un serio perigo de extinción. Para a maior parte dos cidadáns, coral é sinónimo de adornos de xoiaría e de destinos turísticos nas costas do Pacífico. Pero dende hai relativamente pouco tempo comezaron a coñecerse outras bondades relacionadas coa biodiversidade mariña e co medio natural, coñecemento que avanza paralelamente á constatación da súa progresiva perda.

Segundo un estudo do Programa da ONU para o Medio (PNUMA), case a terceira parte das corais desapareceu e prevese que desaparecerá ata o 60% para o ano 2030. Doutra banda, unha investigación recente da Universidade do Norte de Carolina (EE.UU) analizou a velocidade de degradación dos arrecifes coralinos no Indo-Pacífico, rexión que contén o 75% dos corais de todo o planeta. Os resultados, publicados o pasado mes de agosto na revista científica PLoS, son peores do agardado. Os investigadores aseguran que dende 1997 pérdense anualmente nesa zona uns 3.168 quilómetros cadrados de arrecifes. Segundo outras fontes, o 50% das corais do planeta está ao bordo do colapso.

Gran biodiversidade

Son cifras que representan moito máis ca a perda dunha extraordinaria paisaxe acuática. Estes arrecifes son como bosques submarinos nos que moitos organismos mariños, especialmente crías de peixes, atopan refuxio fronte aos depredadores. Por iso, os arrecifes son unha peza fundamental da biodiversidade mariña e no mantemento dos recursos pesqueiros. E esta función é especialmente relevante en moitos países en desenvolvemento, onde as costas de augas transparentes e azuis indican que hai un baixo nivel de nutrientes. Neste tipo de costas, os recursos pesqueiros que alimentan a poboación dependen directamente destes arrecifes.

Os arrecifes de coral son un dos ecosistemas máis ricos do planeta. Segundo o Atlas Oceánico da ONU, ata a data atopáronse neles aproximadamente 4.000 especies de peixes e 800 de corais. Un exemplo emblemático é a Gran Barreira de Coral, fronte á costa de Australia e considerada o maior arrecife de coral do mundo, na que se contabilizaron 1.500 especies de peixes, unhas 4.000 de moluscos, preto de 700 especies de coral e unhas 252 especies de aves mariñas, amais das diversas especies de tartarugas, delfíns e baleas que viven no seu ámbito.

Para comparar e entender o que supoñen estas cifras, calculouse que o Mediterráneo, con toda a súa biodiversidade, non ten nin a cuarta parte de especies de peixes ca a Gran Barreira de Coral. Os arrecifes tamén protexen as costas, amortecendo os efectos das ondas e tormentas. E dende hai poucos anos descubriuse que tamén son unha fonte de compostos de interese para a medicina, entre os que se estudan novos antivirais ou moléculas para o tratamento do cancro.

Os arrecifes en risco

Unha das ameazas que pesa sobre os arrecifes coralinos é a sobrepesca. O coral, moi apreciado en xoiaría dende a antigüidade, foi extraído de xeito indiscriminado en moitas zonas. Tamén a captura desmedida de peixes que viven nestes arrecifes, e que se alimentan de algas, fixo que estes últimos medren desmesuradamente, causando un desequilibrio que prexudica aos corais. Outro factor é a técnica usada, como a pesca con explosivos. Malia estar prohibida segue a usarse en augas de África e Indonesia, o que resulta moi destrutivo para os corais. A contaminación das augas e a urbanización descontrolada nas costas tamén contribúen á destrución dos arrecifes de coral.

Pero se hai un factor que está a resultar determinante na degradación dos arrecifes de coral é o cambio climático, segundo voceiros do Programa da ONU para o Medio (PNUMA). Unha das consecuencias do cambio climático é o esbrancuxamento dos corais. Cando a auga aumenta de temperatura, os corais reaccionan expulsando as microalgas que lles dan cor e os alimentan. E é que o coral, en realidade, é unha simbiose entre un pólipo e unha comunidade de microalgas. O pólipo, un organismo con aspecto de augamar de apenas uns milímetros, ten a capacidade de formar estruturas a partir do calcio da auga. Esas estruturas calcáreas son en realidade brancas. As variadas cores que presentan débense ás microalgas que as recobren, que axudan a formar a estrutura e que proporcionan nutrientes a través da fotosíntese. A desaparición das microalgas polo quentamento equivale, pois, ao esbrancuxamento dos corais e á súa morte. Este proceso está a afectar a numerosos arrecifes. En Australia, membros da Australian Coral Reef Society que vixían o estado da Gran Barreira de Coral explican que, dende o ano 2001, se decataron de que preto do 95% dos corais da Barreira branquexara.

Augas ácidas

Outra ameaza relacionada co cambio climático é a acidificación das augas a causa da concentración de dióxido de carbono (CO2) no mar. Cando o CO2 se disolve no mar fórmase ácido carbónico que, por riba dun determinado nivel, resulta corrosivo para as estruturas de carbonato cálcico das corais e mais para outros organismos que teñen cunchas cálcicas de protección.

As perspectivas son pesimistas. O Panel Intergobernamental para o Cambio Climático advertiu de que, se a situación non mellora, os arrecifes de coral desaparecerán en 40 anos. Segundo os expertos, aínda se pode preservar o que queda pero hai que actuar á présa porque, mesmo en condicións perfectas, os corais medran moi devagar, a razón duns poucos milímetros ao ano. Se se destrúe o que queda, a recuperación pode resultar unha tarefa imposible.

Actuacións para a preservación

Unha das últimas iniciativas para protexer os arrecifes de coral é a tomada polos 171 países asinantes da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Flora e Fauna, que regularán a venda de coral vermello e rosa, un dos favoritos en xoiaría. Segundo o acordo, que entrará en vigor dentro de trece meses, só se permitirá a comercialización deste coral cando non comprometa a reprodución da especie. O consumidor pode contribuír á preservación dos corais informándose de se se cumpre o acordo (se a venda se realiza ou procede dun país que non asinou a Convención, é posible que non se respecte ese acordo).

Tamén pode contribuír a través dun turismo responsable, non comprando coral como souvenir ou resistindo á tentación de arrincalo do mar se se fai submarinismo. E, por suposto, pódese colaborar tamén de maneira indirecta, por medio de accións que axuden na redución de emisións de CO2, que tan daniñas resultan para os arrecifes coralinos pola súa influencia no cambio climático.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto