Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Miguel Ángel Gutiérrez, Director do Departamento de Patentes da Oficina Española de Patentes e Marcas: "Unamuno xa non diría iso de que inventen eles"

 España foi tradicionalmente canteira de xenios da pintura, da literatura, da arquitectura... Non obstante, a nómina de grandes científicos é, máis ben, magra. O "que inventen eles" de Miguel de Unamuno é a mellor metáfora dunha realidade que, non obstante, está a evolucionar. Así o cre Miguel Ángel Gutiérrez, director do Departamento de Patentes da Oficina Española de Patentes e Marcas. De feito, defende que o escritor e ensaísta, se vivise na actualidade, xa non afirmaría iso. A mellor mostra, a impoñente e acabada de estrear sede desta institución en Madrid, unha das 12 no mundo que pode tramitar patentes internacionais, que acolle unha gran parte do saber técnico do noso país.

Supoño que Miguel Unamuno, ao que se lle atribúe iso de "que inventen eles", non será un dos seus autores favoritos.

Ben, eu creo que esas cousas se dixeron nun contexto en que España era un país moi distinto. Seguramente hoxe Unamuno diría "xa estamos a inventar tamén nós".

Ata que punto cre que esa expresión reflicte a realidade española?

 Na actualidade non a reflicte en absoluto. Hai conciencia da necesidade de innovar, non só de inventar, senón de innovar, porque a innovación non só é técnica, senón que hai innovación comercial, empresarial, etc. e hoxe o tecido empresarial español é moi consciente da necesidade de innovar e de moverse. Se un queda parado, a medio prazo desaparece.

Canto daría vostede porque houbese en España uns cantos inventores como Thomas Alva Edison?

Na actualidade é moi complicado falar de inventores individuais, hoxe hai que falar dun esforzo empresarial ben organizado. Nesa época, na de Bell, por exemplo, gabábanse os esforzos dunha persoa... Hoxe non sabemos quen foi o inventor do teléfono móbil. Se se inventase no século XVII diriamos fulano, pero non, hoxe non se pode dicir, porque nese esforzo de avance participaron moitos investigadores, moitos científicos, moitas empresas.

Comentaba antes o nome de Edison, que dicía que o xenio é un 90% de transpiración e un 10% de inspiración. Non cre que en España optamos por inverter a proporción, que o xenio é un 90% de inspiración e só un 10% de transpiración?

Si, podería ser. Así foi, aínda que todo está a cambiar.

Facendo memoria dos inventos españois das últimas décadas, os máis coñecidos son a fregona, o chupa chups e o futbolín. Non é un pouco desalentador?

E as gulas (risa). En España hai outras moitas invencións, por exemplo é unha boa potencia en patentes en enerxía eólica. Agora, se vemos un xerador de enerxía eólica ou unha instalación, comprobamos que pode haber 30 patentes por medio.

Non cre que frea o desenvolvemento científico o feito de que dende o punto de vista social se relaciona o inventor con alguén como o profesor Bacterio de Mortadelo e Filemón?

Si, iso é verdade. Eu coido que a valoración social dos inventos e dos científicos en xeral, desas persoas que traballan en laboratorios e que están pechadas boa parte da súa vida alí, non é boa. Estaría ben que os cidadáns os visen como persoas normais, integradas perfectamente na sociedade e que fan un esforzo enorme en intentar que a humanidade mellore en aspectos concretos que inciden na súa calidade de vida.

Albert Einstein traballou na oficina de patentes de Berna. Coincidirá comigo en que o listón está moi alto.

Ben, se fósemos guiarnos por esa experiencia dende logo. Einstein foi unha persoa excepcional. Para todos os examinadores de patentes representa un orgullo saber que el tamén o foi, pero hei de dicir que para ser un examinador normal non fai falta ser xenio.

Que formación se require?

Ser titulado superior, en xeral, de ciencias. Temos biólogos, químicos, veterinarios, enxeñeiros..., e é importante que teñan un bo dominio do inglés e dalgún idioma máis, como o alemán, porque son as linguas que máis se manexan en Europa.

Defíname por favor o concepto de patente.

É un dereito que se concede por parte do Estado a alguén que inventa algo para que durante certo período de tempo, na actualidade 20 anos, sexa o único que poida explotar a invención, aínda que outros tamén o poderían facer se el o autoriza. Con iso posibilítase que durante ese período de tempo se pon no mercado algo relacionado coa invención poida facelo a uns prezos máis elevados -para recuperar o que investiu en lograr esa invención-.

Cando xorde?

Ben, xa había privilexios reais hai moito tempo, no século XVII e XVIII. Unha anécdota moi curiosa é que xa en 1848, o emperador xaponés reparou na gran superioridade tecnolóxica da frota americana fondeada ante as súas costas. A súa reacción foi pedirlle permiso aos EEUU para descubrir as razóns desta superioridade tecnolóxica no mundo. A razón era que nos Estados Unidos non se penalizaba a innovación, senón que se favorecía, premiábase aos inventores dándolles un monopolio sobre a invención que eles chamaban patentes.

Estaría, polo tanto, moi vinculado co desenvolvemento do mercado e do capital.

Si, co comercio, co desenvolvemento industrial, coa produción industrial en masa...

Canto custa patentar unha invención?

Moitos cartos. Se se limita a un número reducido de países, non o é tanto, pero protexer unha invención ao longo do mundo si. Por exemplo, isto en Europa pode custar, como media, 40.000 euros.

Polo tanto, hai que estar moi seguro de que o invento que se ten é bo.

Non inmediatamente. Téndese a darlles un prazo aos innovadores para qué consideren ata que punto poden facer eses investimentos que, loxicamente, son máis importantes canto máis alcance lle queremos dar á protección da patente.

Pódense patentar as ideas?

Si, pero deben cumprir varias condicións: que sexa unha idea que resolva na práctica un problema técnico, que sexa nova, que supoña unha actividade inventiva e teña aplicación industrial.

E quen se encarga de valoralo?

As oficinas de patentes. Hai só 12 oficinas no mundo que están autorizadas para tramitar as solicitudes internacionais, entre elas a española. Dentro das opcións, está o examinador de patentes, que son persoas moi especializadas. Nós temos neste momento 150 examinadores moi especializados, cada un no seu sector técnico, que son os que estudan se a solicitude cumpre os requisitos para ser obtida...

Pódese dar o caso de que -o que aconteceu co submarino pode ser un exemplo- haxa distintos inventores que nun prazo moi curto de tempo idean unha aplicación técnica en distintos países. En caso de conflito, quen queda coa patente?

Ben, coas regras establecidas non hai conflito. Hai dous sistemas en xeral, o sistema en Europa e na maior parte dos países do mundo chámase first to file, é dicir, o primeiro que o solicita ten dereito á mención. E como no momento en que alguén deposita unha solicitude non só se acredita o día senón a hora e o minuto non hai problema. Hai outro sistema que se utiliza en EEUU, que é o first to invent, é dicir, o primeiro que inventa é o que ten dereito. O rexistro é secundario. E ese si é máis complexo porque hai máis posibilidades de ter un conflito.

Pero coa cantidade de patentes que hai no mundo, como se pode saber?

Porque as oficinas de todo o mundo están relacionadas unhas con outras e así sábese cal é a primeira de todas en caso de conflito.

Que indica o número de patentes dun país?

Sempre é un indicador do sistema de ciencia e tecnoloxía dun país. Canto máis alto sexa ese número en relación co tamaño ou a economía ou industria dun país indica un bo desenvolvemento do sistema de ciencia e tecnoloxía e unha eficacia nese desenvolvemento.

É dicir, que hai unha relación entre investigación, innovación e produción.

Non necesariamente. Se a economía dun país se basea en sectores de novas tecnoloxías, non podería desenvolverse se non ten patentes. Pero un país pode ter o seu motor económico noutros sectores que non sexan dependentes de patentes, como servizos bancarios, turísticos...

E estamos a falar de España.

Claro, España é líder mundial en moitos sectores moi importantes para a economía porque producen riqueza, pero non son intensivos na investigación e desenvolvemento e polo tanto tampouco dan lugar a moitas patentes.

E a vostede preocúpalle.

Home, non é malo estar aí porque é importante para a economía española, pero non podemos descoidar o investimento en investigación e desenvolvemento en sectores de tecnoloxía punta porque, se se perde, é difícil estar nos países de maior renda per cápita no futuro.

E en España iso está a cambiar?

Claro, sen innovación é case imposible competir. E eu creo que hai síntomas nas patentes de que estamos a mellorar.

En que sentido?

Nos últimos cinco anos o número de patentes europeas de orixe española subiu un 88% e o de patentes internacionais máis do 90%. Son cifras por riba da media. Estamos a mellorar e, sobre todo, está a cambiar o gran problema que tiñamos, que, aínda que había solicitudes de patentes de orixe española nacionais, non se ía fóra con elas, e é moi importante competir no mundo, non só en España.

Pero estes datos que cita, que significan, que se mellorou moito ou que se estaba moi mal antes?

Un pouco as dúas cousas. Mellorouse moito, aínda que estou a falar dos últimos cinco anos. Fixemos estudos e antes estabamos mal no sentido de que non estabamos no lugar que nos corresponde. Agora paréceme que estamos no posto 16 do mundo de solicitudes de orixe en cada sitio, logo en Europa deberiamos estar entre o posto 5 e 8 se desenvolvéramos ben os sectores modernos. E estamos no posto 11. Ben, tan mal tan mal tampouco estamos, porque estamos en cifras de aumento e non no posto 100 ou 60 da escala. Sempre estamos por diante dos 20 primeiros no mundo.

Chama a atención que as universidades que, en teoría, deberían ser un dos principais motores da investigación, están moi por baixo das empresas en solicitudes de patentes. Non é estraño?

Estamos en cifras de arredor do 12% das solicitudes de orixe española que veñen das universidades públicas. A porcentaxe do número de solicitudes non é superior en países europeos como Inglaterra. A diferenza atópase en como xestionan as patentes, como fan para que dean resultados económicos, como as transfiren ás empresas.

Daquela, o problema está na transmisión ou na conexión da universidade coa empresa.

Eu coido que si.

Por certo, falamos de solicitudes de patentes. Que proporción de patentes se conceden das solicitudes que se presentan?

En España, dado o noso sistema de concesión, o número de patentes que se conceden en relación coas solicitudes é arredor do 70%, xa que nós temos un procedemento de concesión dobre, polo que o solicitante pode elixir entre que a patente se lle conceda co exame de fondo ou non, co cal a maior parte elixe o camiño sen exame de fondo e esas, de se cumpriren uns requisitos formais, concédense sempre.

De que serve unha patente se non hai sector produtivo que a desenvolva?

De pouco. Se non se pon no mercado, ao cabo de tres ou catro anos esa patente pode ser nula de dereito.

Nos anos que vostede leva na oficina de patentes supoño que se atoparía con todo tipo de propostas. Lembra algunha que lle chamase a atención?

No sector químico farmacéutico é onde as patentes cumpren dun xeito máis eficaz a súa misión, aí hai patentes que deron moitísimos cartos e que serviron para amortizar os gastos cuantiosos do sector, como a do prozac e moitas outras que lles proporcionan uns beneficios tremendos ás empresas propietarias.

E algunha que case lle provocase a risa?

Eu son moi respectuoso. Máis ca risa, diría curiosidade. Por exemplo, había unha que era deseñar as pistas de aterraxe con dúas ramplas e unha zona plana. Deste xeito, aterrábase costa arriba e freábase antes. E da rampla saíase con carreira para despegar e aforrar así espazo e diñeiro.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto