Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Limpafogares domésticos: Un dos máis caros apenas limpa

Cómpre deterse e elixir ben: son moi diferentes en prezo, calidade global e capacidade de limpeza

 Os limpafogares líquidos ou en xel serven por igual para limpar o baño, a cociña ou os chans de baldosa. Son un todoterreo na limpeza doméstica. Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso sete limpafogares líquidos e en xel de uso xenérico. Custan dende os 1,28 euros por litro de Vim ata os 2,64 euros por litro de Cillit Bang. Ofrécense en envases de litro e medio, salvo Estrella (1,1 litros) e Brillax (1 litro). A mellor relación calidade-prezo é Ajax, tan barato como o que máis, dos que máis e mellor limpan e un dos que demostrou unha mellor calidade, sobre todo polo seu poder deterxente e desengraxante.

A seguridade, o primeiro

Estes produtos non afirman ser desinfectantes, salvo Brillax, que di ser "bactericida", pero non especifica nin a cantidade de produto nin o tempo de aplicación necesario para que cumpra esta función. Estrella, na letra pequena da súa etiquetaxe, ofrece unha difusa e incompleta mención a unha norma desinfectante, que pode confundir o consumidor. Os sete inclúen nos seus envases as imprescindibles indicacións de seguridade. Brillax e Vim son os únicos que non citan no envase o nome químico dos conservantes.

Os tapóns das botellas de Estrella e Brillax son os máis cómodos, pero non serven para medir e dosificar o produto, como si acontece no resto. Ademais, as súas etiquetaxes imprecisas non facilitan a dosificación no seu uso diluído: segundo Estrella hai que utilizar "un vaso" e segundo Brillax "unha pequena cantidade". Destacou o envase de Tenn porque evita que o produto pingue.

Os sete limpafogares son líquidos limpos, perfumados e sen grumos. Cillit Bang, Ajax e Tenn son de cor verde, Don Limpio, Estrella e Vim, azuis, e Brillax é o único incoloro. A súa densidade foi similar, e variou dende os 0,987 gramos por mililitro (g/ml) de Brillax, ata os 1,014 g/ml de Estrella. Pola contra, si se diferencian polo seu pH ou grao de acidez: Cillit Bang, Don Limpio e Tenn son bastante básicos (pH "alto", entre 9,7 e 11), Estrella e Vim ácidos (pH "baixo", entre 4,5 e 4,9) e Ajax e Brillax son neutros (pH entre 6,4 e 7,3). Se un pH básico actúa mellor contra a graxa, por que algúns optan por unha formulación ácida? Só así se pode conservar unha substancia limpadora eficaz: o peróxido de hidróxeno, presente neses produtos.

Substancias que limpan

 O contido en extracto seco indica canto teñen de produto e canto é só auga. Máis porcentaxe de extracto seco non indica necesariamente unha maior eficacia, porque pode tratarse de sales minerais ou colorantes. Tenn é o de maior extracto seco (5,7%), seguido de Ajax (5,4%) e Don Limpio (5%). O máis diluído foi Vim (1,6%). Para valorar a súa calidade é máis significativa a proporción de materia activa, é dicir, de axentes que limpan. Por iso algúns limpafogares coa mesma cantidade de produto son máis eficaces, duran máis ou forman máis escuma. Tenn (5,1% de materia activa) e Ajax (5%) son os mellores, fronte a Vim (0,6%), o peor con diferenza.

Os tensioactivos son a base destes produtos. Neles radica a maior parte da súa capacidade limpadora. Os tensioactivos aniónicos ofrecen un amplo espectro de actividade quitamanchas e son moi espumantes. Están presentes en Tenn (3%), Ajax (1,9%) e Don Limpio e Vim (os dous 0,3%). O xabón é tamén un tensioactivo, pero está en desuso (só se atopa en Don Limpio e Tenn). Os tensioactivos non iónicos reforzan a acción dos aniónicos e son eficaces fronte á graxa. Son os máis habituais: Don Limpio, Cillit Bang e Ajax inclúenos por riba do 3%, Brillax, Ten e Estrella roldaron o 2% e Vim cun escaso 0,3%, foi o que menos ofreceu. A desinfección pódese conseguir grazas aos tensioactivos catiónicos (Estrella e Brillax), pero son incompatibles cos aniónicos: anúlanse mutuamente.

Contra o cal

A auga considérase "dura" cando contén altas concentracións de sales minerais disolvidos, como o calcio, o magnesio, o ferro ou o manganeso. Cando esa auga se evapora, deixa o cal, que é un rastro mineral esbrancuxado difícil de eliminar e que afecta a billas, biombos de ducha ou sanitarios. Don Limpio, Ajax, Vim e Tenn ofrecen substancias específicas para "secuestrar" estes sales e evitar así a formación de cal.

Os disolventes teñen unha dobre función: diluír os propios compoñentes do limpafogar para facilitar a súa acción e disolver as manchas de graxa para que despois se eliminen con facilidade. Inclúenos Brillax e Tenn, e tamén Cillit Bang, pero este último nunha concentración tan débil que pode dubidarse que sexa efectiva. Os axentes de branqueo axudan a acabar con certas manchas rebeldes, como as do café ou a froita. Adóitase utilizar para esta función a auga osixenada (peróxido de hidróxeno) que ademais ten propiedades desinfectantes. Dos sete, atopouse en Estrella e Vim.

Proba de uso

De nada serve coñecer a súa composición se non se avalía a eficacia destes produtos fronte ás manchas. Para iso, colocouse graxa sobre unha placa de aceiro inoxidable e quentouse no forno ata que a mancha quedou reseca. Estas placas sucias introducíronse nun recipiente cubertas de produto puro (sen diluír en auga) que se movía constantemente. Despois, as placas volvéronse secar na estufa. Así, pesando as placas antes e despois determínase cánta graxa foron capaces de eliminar (sen fregar, só co movemento do líquido arredor). Cada produto probouse tres veces deste xeito. Cillit Bang (66% da graxa eliminada) demostrou ser o mellor, e o único que alcanzou o "moi satisfactorio". Don Limpio (59%), e Ajax e Tenn (os dous 57%) lograron un "satisfactorio". Estrella e Vim (os dous 36%) demostraron unha eficacia notablemente inferior polo que quedaron en "correcto". Unha posible explicación para este mediocre resultado é que á súa textura se aproxima á dun xel, polo que necesitan a fricción dun estropallo ou esponxa para desenvolveren axeitadamente a súa función. Brillax só acabou co 8% da graxa e suspendeu claramente esta proba.

No tocante ao poder de deterxencia (a eliminación de manchas non graxentas), seguiuse a mesma metodoloxía anterior (tamén por triplicado), pero cunha mancha terrosa e co limpafogar diluído seguindo as súas instrucións. Tenn é o único que alcanza o "moi satisfactorio": acaba co 73% deste tipo de manchas. Don Limpio, co 60%, chega ao "satisfactorio". Ajax (55%), Cillit Bang (44%) e Vim (42%) quedan nun modesto "correcto", mentres que Estrella (35%) e Brillax (30%) foron os menos eficaces.

Trazas e agresividade

Para comprobar se conseguen estes resultados grazas a unha formulación agresiva que pode acabar danando os materiais cos que entran en contacto, botouse unha boa cantidade de produto sobre cerámica sanitaria, xunta de silicona, caucho, vinilo, estratificado e acrílico sanitario, e deixouse actuando durante 24 horas. Tras o aclarado, comprobouse que ningunha sufrira danos ou estragos fronte á mostra de referencia. Tamén se comprobou se deixaban trazas sobre un espello unha vez limpo. Don Limpio e Ajax foron os mellores, xa que apenas deixaron ningún residuo. Cillit Bang foi o peor, deixou unhas trazas claramente visibles.

Máis alá da súa efectividade fronte ás manchas, un parámetro moi tido en conta polos consumidores é o seu olor. Para comprobaren a intensidade do aroma (non a súa calidade, que é un criterio subxectivo), 20 expertos uliron e puntuaron o recendo de cada deterxente diluído en auga quente. Ajax foi o único cualificado como "moi perfumado", e Estrella o que menos gustou ("só lixeiramente perfumado").

Calidade global

Para establecer a calidade global, ponderáronse as análises en función da súa importancia. O poder desengraxante e o deterxente representan cada un un 30% da nota, seguidos do olor (15%), escuma e cantidade de trazas (10% cada un) e, cun 5%, a agresividade sobre os materiais. Sorprende que ningún chegase ao "moi satisfactorio". Tenn, Ajax e Don Limpio foron os mellores ("satisfactorio"). Vim, Cillit Bang e Estrella quedaron en "correctos" e Brillax é o único que suspende, sobre todo polos seus malos resultados en deterxencia e poder desengraxante.

A escuma limpa?

A escuma non limpa. Nin sequera é indicio de que o deterxente conteña compostos limpadores, pero a maioría dos consumidores coidan que é imprescindible nun bo limpafogar. Parece que se un limpafogar se dilúe en auga e durante o seu uso non se forma escuma, o seu poder de limpeza será nulo, cando non ten por que ser así. O que si é negativo é que a escuma tarde en desaparecer, porque dificulta o aclarado.

Pero, tan espallada está a percepción de que a escuma é indicio de limpeza, que o laboratorio valorou canta escuma eran capaces de formar os limpafogares e canto tardaba en desaparecer. Valoráronse mellor os produtos que máis escuma formaban, e as escumas que antes desaparecían. Ningún aprobou con nota esta proba. Dos cinco que a superaron (sen pasaren do "correcto"), Don Limpio case carecía de escuma mentres que Tenn, Estrella, Brillax e Vim tiñan demasiada mesmo cinco minutos despois da súa formación. Ajax e Cillit Bang suspenderon porque xeraron demasiada escuma que non rompeu.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto